Como xa saben os que me coñecen, non son «fuboleiro». Porén, son celtista.

Por iso, cando chegou o partido co Deportivo pregunteille a un coñecido se tiña sitio no seu palco para onte.

Xa saberedes que o partido rematou 0-2, o Celta, ainda que na primeira parte xogou bastante mal, tivo a sorte de cara e marchou para casa cos 3 puntos.

Eu quedei encantado co resultado e tamén ca experiencia do palco.
Ver o partido nun asento cómodo , cando eu estiven 10 anos de neno sentando no cimento en Balaidos, foi un bo cambio.
Tiña ós celtarras case enriba de min, e sentíame como na casa. Dicir que os deportivistas cos que vin o partido foron moi agarimosos (pouco se puideron meter comigo no medio tempo, que xa gañaba o Celta). Ainda así contivenme bastante, non celebrei os goles.

A sensación mais estrana, foi polo camiño ó estadio, só arrodeado de deportivistas, cas súas camisolas, non era medo, pero foi unha sensación rara, como de estar fora de lugar.

A segunda foto é do pasillo de entrada ós palcos, téñeno montado a todo trapo, con azafatas e todo. Mágoa que, o ano que ven xa ameazaron con non convidarme, seica non lles trouxen sorte. (sempre andan dicindo pro ano que ven, e chega outro ano e pasa tamén)
E coma sempre, o de sempre…

Chuzame! A Facebook A Twitter

As novas na rede móvense en ondas. Xa era sabido.
Onte, via IM, o amigo Voloi mandoume unha ligazón ó meneame (xa sabedes, como o Chuza! en castelán) para unha historia que falaba do Linux, esa ameaza para o Grande Imperio, xa traducida ó castelán. Hoxe, á mañá, antes ainda de que eu a traducira ó galego, atópoa no blogue Estrela Negra, (un choio menos para min).

Non penso que sexa un fraude, porque vendo a páxina do tal turned-off-brain-Shelley, atopo outra xoias similares. Non me vou parar no marabilloso comentario sobre sexo oral (Oral sex: Moral Decay) que ben lle chega, prefiro falárvos do rezo organizado.

Á fin, xa sabemos porque os EU son o maior imperio do mundo: A Equipa presidencial de rezo.

Nun pais tan relixioso coma os EU, non podían desbotar unha parte tan importante do seu potencial, e teñen organizado o rezo «Mobilizando millóns de americanos para rezar a cotio polo Presidente, os nosos Líderes, a Nazón e as nosas Forzas Armadas»

Mesmo teñen merchandising para apoiar a equipa, ainda que isto non é nada novo. A miña aboa trouxerame un ladrillo pequeniño no que se lía: en Fatima recei por ti.

Nesta fotografía podedes ver ó noso Líder Mundial. Semella que está a pedir desculpas, eles puxeron a foto como se estivera a rezar. A verdade, eu penso que esta foto é coma aquela de Fraga na que aparecía a durmir no Parlamento. ¡Moito descanso precisan os grandes líderes mundiais!


Mais nada, irmáns.
Que Deus vos bendiga, e tereivos presentes nas miñas oracións.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Esta é a imaxe da indefensión.

Unha imaxe, na rua, á vista de todo o que por alí pase.

Neste caso trátase dunha tenda de fotos en O Grove, que ten, coma tantas outras, o costume de expoñer o seu traballo.

¿Que culpa terá este rapaciño para que todo o mundo o poida ver?

Que o vexan na rede tanto terá, que ninguén o coñece. ¿Pero na súa vila?

Eu teño tamén algún recordatorio gardado na casa dos meus pais, sorrindo cun dente fanado, e fotos en Castrelos con cara de andar encabuxado. (Home, eu quería ir xogar cos amigos e tiña que estar facendo fotos. ¡Xa me diredes!)

Pero este neno, con esa pose de …¿latin christian lover? ¿mariñeiro ligón? ¿precoz pederasta relixioso?

¡O que tal faria este rapaz noutra vida para merecer isto!

Voulle recomendar ó rapaciño unha ligazón.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Uns anos xa, levamos metidos na lea da converxencia co resto da Unión Europea. Decote se nos ven dicindo que os salarios non deben medrar do xeito que medra o IPC para non perxudicar á competitividade. Apélase ó compromiso dos traballadores co futuro do país

Todo isto estaría moi ben, mais…

A única competitividade que demostran os nosos políticos é no tema da corrupción, nomeadamente no exemplo de Marbella (por non vir mais preto).

Se eu dixera que algún politico é un corrupto sen ter probas, tería moitas probabilidades de ser xulgado (con razón, que para iso está o Estado de Dereito).
Se un diputado ou un senador dixera o mesmo de min, tería moitas probabilidades de non ser xulgado (con razón, para protexer a súa condición de voz do Pobo e a súa dignidade como tal).

¿Con razón? ¿Dignidade? ¿Voz do Pobo?

É demagóxico dicir que os políticos son todos uns chupóns.

Non é demagóxico dicir que O SENADO NON VALE PARA NADA.

Non é demagóxico dicir que CADA PESO GASTADO NO SOLDO DOS SENADORES É UN PESO ESTRAGADO.

¿Con que cara vai vir ningún senador do PSOE a pedir o voto nas vindeiras eleccións?

¿Que competitividade é esa de marchar do traballo para ir á casa para ver o futbol?

¿É demagóxico pedir unha sanción para eses informais?

Desculpade que me poña serio, pero, xusto antes da campaña da Renda, que estes chupóns fagan isto é unha chamada á insumisión fiscal.

Non importou o que votara a xente nas ultimas eleccións, na votación do Senado, onte algúns senadores do PSOE marcharon para casa e o PP gañou a votación. Como o Senado non vale nin para (poñede aquí o que queirades) todo se arranxará sen problemas no Congreso.

Repito, CADA PESO GASTADO NO SENADO ESTABA MELLOR GASTADO POR EXEMPLO EN PAGARLLE A CASA Ó PRINCIPE por dicir algo REALMENTE útil.

Xa está, tiña que dicilo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Eu tamén fun ver V esta fin de semán. Aproveitei que a pasaba en Vigo para ir ó cine, entre outros, con Turuto.

Gustoume. É certo que xa van moitos anos que lin a obra orixinal, (agora contarei cantos) pero polo que eu lembro, a mensaxe está mais preto do que eu agardaba dos Wachowski.

Lera V hai 15 anos, cando estaba estudando COU. E no mesmo ano tamén lin Watchmen. Fun beneficiario da «Beca Turuto para o desfrute da Banda Deseñada».

No entroido, como bos frikis, disfarzámonos de V. Estáme mal o dicilo, pero estaba bastante ben feito, ainda que a única imaxe existente non faga xustiza.

Puxemos o traxe dúas veces, pero á segunda volta, como xa sabian que eramos nos , puxemos por baixo este outro disfarce: o de Rorschach, a personaxe de Watchmen.

Algún dirá que somos moi frikis. Non llo vou negar, somos bastante esaxerados.

O pior, é que o traxe de V o levaba tamén outro que viña con nos, e non lle dixéramos que levábamos o de Rorschach debaixo. Si, tamén é verdade: somos un par de rabudos.

Houbo só unha persoa entre a xente que atopamos, unha rapaza, que recoñecera as persoaxes. E claro, soubo que os Rorschach eramos os mesmos que antes eramos V. ¡Case tan friki coma nos!

Chuzame! A Facebook A Twitter


Mañá fan 20 anos do accidente de Chernobil.

Non vou falar da enerxía nuclear, porque é un tema no que o meu descoñecemento podería encher océanos, pero quero lembrar ós herois de Chernobil.

Despois do 11 de setembro (o do 2001, non o do 1973) os medios americanos, e do resto do mundo, fixeron unha louvanza extrema dos bombeiros de Nova York. Tiñan razóns, eles e moita mais xente arriscou a súa vida desinteresadamente.

¿E os bombeiros de Chernobil? Poucas veces vin na televisión que se falara desta xente, e mais dos «liquidadores», a xente que limpou a zona e construíu o sarcófago. Dos bombeiros non veredes fotos actuais, morreron todos. Dos liquidadores, non sei se algún non ten cancro, moi sano non debeu ser facer ese traballo.

Seica non lles contaron o perigo real do que estaban a facer, (non lles contaron que iban morrer todos, vaia) pero supoño que saberían que era algo moi perigoso. Un deles contaba que sentira un gosto a metal e como unha chea de agullas na cara. Con menos diso, na marvel facían un superheroi. ¿Que faríades vos no seu caso? ¿Subiríades ó alto da central para tentar apagar o lume? A ninguén se lle pode obrigar a tanto sacrificio. (E pensade que esta xente con cría nunha vida alén da morte)

Esta foto pequena é dun monumento ás vitimas da traxedia.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp