Esta semán, na estrada que chega a’O Grove, un can cruzou moi paseniño. Era un fox-terrier pero cheo de merda até as orellas e non parecía que tivera gaña de nada.
A explicación da súa historia pareceume doada: un agasallo de nadal para un neno, que así que medrou deixou de ter interese nel. Se cadra a historia era distinta, pero rematará igual, á beira dunha estrada esmagado polas rodas dos coches que pasen.
¿Quen pode deixar un can abandoado?
Cada ano nas páxinas dos xornais hai, cando menos, un artigo de opinión que fala da xente que abandona ós seus animais para marchar de viaxe. ¿Serve de algo?
Uns días antes, uns amigos pedíanme que asinara polos dereitos dos grandes simios. Non o fixen, pero non porque non pense que non merezan protección, simplesmente acho que non teñen dereitos porque non son persoas. Esto non quere dicir que non deban estar protexidos, mais se alguén violara os seus dereitos, ¿denunciarían os titulares (animais) ós violadores dos seus dereitos ante os tribunais?
Non penso que o problema estea nos animais, o problema está na falta de ética dos humáns que se non respetan ós animais que teñen na casa e ós que queren (ou quixeron) os seus fillos, mal poden respetar animais ós que non coñecen. E ademais, na miña opinión, (e non son o autor da idea) alguén que trata mal ós animais tamén tratará mal ás persoas.
E se queremos facer un pensamento macro chegaremos ó problema que impide o desenvolvemento sostible: EGOISMO tan simple coma iso.
Temos o coñecemento teórico pero non o aplicamos, non somos amorais (descoñecendo o que está ben e mal) somos inmorais (sabemos o que está ben e mal, pero tanto nos ten). Na vida social a consecuencia é que causamos dano ós outros, pero non ten consecuencias para nós as mais das veces. No medio natural nós vamos no pacote e ímos tomar polo cú co resto do medio ambiente.
Non me senta ben estar de ferias. Penso de mais.

(Se queredes ver a reportaxe onde collín esta foto, está aquí)