Nunha entrevista, Juan Varela opina que o Blogomillo é endogámico. Volveu sobre o tema despois de que Brétemas falara do mesmo nos comentarios da entrada e tamén no seu blogue. Despois, Pawley falou tamén do tema.

Paréceme que fixo unha reflexión moi interesante e ten algo de verdade, porén non concordo de todo.

¿Que é endogámico? ¿Quen é o blogomillo?

¿É o blogomillo unha panda de frikis hiperactivos que quedan de cando en vez en Compostela ou noutras partes de Galicia e decote no Fedello?

¿É o blogomillo o que sobresae dos centos de blogues en galego? ¿ou é mais ca iso?
Penso que o Blogomillo xa é grande abondo para que ninguén poda abarcalo con comodidade, mesmo no mais salientable require un contínuo esforzo para estar ó día. Porén é pequeno de mais para que poidan agromar espazos de exito fora da corrente principal, do mainstream. Fala Pawley da fronteira con Portugal, e abofé que traballa nas dúas direccións, cando os portugueses falan cos galegos empregan o castelán se o saben, non o portugués. O único público que existe para o blogomillo é o galego, se non triunfa entre os usuarios mais activos e estes o espallan é moi difícil que chegue a atopalo alguén que estea situado fora do que Juan Varela chama a endogamia.

Fala Pawley (novamente, ainda que isto non sexa unha reseña do que el dixo :D) de que o blogomillo é endogámico igual ca Blogosfera española pero que alí se nota menos. O xeito normal de que un blogue chegue a mais lectores, (obviando o feito de que o blogue teña algo de interese, se non serían lectores só unha vez) é que haxa ligazóns postas por outros ou deixadas polo autor no seu percorrido pola rede. Non necesariamente como autobombo (que tamén) senon como sinatura, amosando a identidade na rede que é o blogue. A resposta a estas chamadas de atención só é respostada por outros galegos cando se fai en galego. Isto pode ser endogamia, tamén pode ser o retorno do telón de grelos, o caso é que agochado polo telón de grelos hai xente que ten cousas que dicir, e algunhas mesmo son interesantes. O caso é que se o público máximo e duns miles non é tan doado atopar lectores que estean fora dunha comunidade de xente que se coñece, e algúns (se cadra moitos) non saen da escuridade.

Un exemplo: a banda deseñada en Galicia ten boa saude, hai varias páxinas na rede que falan do tema, en galego e en castelán feitas en Galicia, moitas delas son páxinas feitas por autores para deixar pegada na rede do seu traballo, pero hai dúas, que eu coñezo, que fan reseñas do que leen: Un ollo de vidro e O Xastriño

A Páxina do xastriño gústame mais e ten unha apariencia moito mais persoal. Ademais empezou en xaneiro do 2005 e o ollo de vidro en novembro. Ainda así...¿é normal que teña só 933 visitas até hoxe e o xastriño 43642? Pois si, porque o xastriño escribe en castelán e o pode seguir a xente que non segue os blogues en galego.

Se cadra, este non é o mellor exemplo posible, e alguén podería dicir que o do xastriño é moito mellor. Non o sei, non vou aquí xulgar a bondade deses dous blogues, pero teño a impresión de que non é por iso. E como poño este exemplo supoño que haberá outros, se cadra non centos, pero sí ducias (e falamos só de centos de blogues en galego)

Por iso, digo eu que o blogomilo non mira tanto para o embigo, pero no embigo leva o piercing e é o único que se ve desde fora.

Naturalmente este si é un post 100% endogámico que fala do blogomillo

embigomillopiercing.jpg

Chuzame! chúzame -