
Unhas das alfaias da miña nenez que redescubrín onte, foron varios números da colección dos Pitufos, editada por Bruguera. Xusto cando antonte mercara o primeiro número da reedición que ven de sacar ó mercado Planeta.

A reedición está moito mais coidada que a vella edición de Bruguera, e non estou a falar de que a outra dera mil voltas e estea xa un chisco gastada. A nova edición foi traducida de novo, pero o mais importante: rotulárona a man. A edición de Bruguera tiña unha rotulación de imprenta que afea bastante o resultado. Ademais diso as cores están feitas de novo e o resultado da unha mellor impresión. A encadernación ten tapa dura fronte a vella cuberta de cartón brando.
O resultado é un producto para coleccionistas en maior medida co de Bruguera.
Pero isto non me parece un acerto. Deixando de lado a rotulación e a cor, que foron fillas dunha etapa superada por sorte, a tapa dura paréceme un erro porque encarece o producto que está (ou debería estar) destinado ós rapazes. Semella que tenta buscar como público obxectivo ós nenos de trinta anos de Miliki e non ós seus fillos, ainda que indirectamente saian beneficiados.
Se queremos chegar ós nenos ca banda deseñada temos que facer productos de acceso, como moi atinadamente foi golfiño no seu día en Galicia, non hai tanto tempo. E que ademais é unha canteira cun innegable resultado positivo, non estou a descubrir nada novo. ¿Vai gastar un pai 7€ nun tebeo para o seu fillo se é posible que o pinte ou o rache? O meu exemplar de Los Pitufos costarame 75 ptas e daquela os de Asterix estaban polas 200 ou 300 (como mínimo) ¿Non sería posible editar cunha certa calidade pero sen sairnos do prezo? ¿Non hai na banda europea un termo medio entre a grapa e a tapa dura? ¿Porqué non se edita mais en formato prestige?











