Hoxe foi o día.
Todo o que oira contar de Casa Trabazo confirmouse.

É certo que o lugar é moi enxebre. A pinta mais que enxebre, poderíamos chamala antiga, porque semella que o tempo detivérase nos anos setenta, cando Cunqueiro aparecía nun cartaz publicitario do viño Pazo que ainda segue hoxe pendurado na parede.

Ó tempo que outros ‘arranxaban’ as súas casas enchendo as paredes de espellos e luces fluorescentes, Dª. Marujita mantén o estilo do local e o xeito de facer as cousas que herdou da súa familia, retendo así o seu engado.

Recoméndolle a visita ós que lles guste moito o cocido, ós que lles guste a comida caseira, e ós amantes do servicio extraordinario.

O menú é unha enchenta pero a graza é seguir as sabias indicacións de D. Pedro e Dª. Marujita para desfrutar ó máximo:
-Non abusar do caldo, está moi rico pero ainda ven todo despois.

-Envolver o chourizo cas filloas e comelo ca man.

-Deixar que D. Pedro mesture a pataca e a cacheira no teu propio plato coma se tiveras tres anos (¿non lembras xa que feliz eras daquela?)

-Mollar a bica no viño na sobremesa.

E calquera outra indicación que vaian facendo polo camiño.
Igual non é o mellor cocido de Galicia, cocidos hai moitos, pero comer en casa Trabazo é unha experiencia mais que recomendable. Mesmo o conto que botou D.Pedro e os seus consellos médicos (para mellorar da vesícula íde ás augas de Carballiño).
Ainda non podo opinar dos prensados que levamos para casa con toda a carne que quedou (agas os chourizos), porén só agardo cousas boas.

Para atopar o lugar é moi sinxelo, na porta do sol de A Estrada, fronte a desaparecida Porta do Sol na que facían os combinados e na mesma beirarrúa que o Nixon, non ten perda, ainda que hai que ollar ben, que non teñen mais rótulo que o do vidro. É imprescindible facer a reserva con tempo como xa dixen o outro día (no teléfono, 986 570 045). Se vos apetece o plan aproveitade, porque seica non vai haber remuda xeracional na empresa.



