foto feita por Modesto del Rio
Belén Regueira, nada no 1977, é unha das comunicadoras máis novas e con máis ganas de sacar do inmobilismo a cultura galega. Dende que comezou a súa carreira profesional como xornalista no programa Chambo, na TVG, o seu traballo caracterízase por achegarnos todo o que acontece no panorama musical, literario, do mundo da banda deseñada, de cine e todo o que estea de actualidade non só en Galicia, se non tamén no resto do mundo.

A Belén asociámola con multitude de programas, dende Chambo ata a Revista Fin de Semana, Tardes con Ana, o matinal Bos días, A Revista e mais recentemente presentadora da gala A polo ghit na TVG e na radio cos programas Antípodas.Un programa de aquí. (dentro de Radifusión con Tomás Lijó) e Extrarradio na RG con Eduardo Herrero.

En cal dos dous medios te sentes máis cómoda e cal é o máis agradecido? Que tal o traballo con Eduardo e o resto do equipo?
A televisión é un electrodoméstico fascinante pero ten as súas limitacións. Ás veces é frustrante para quen a ve e para quen a fai, pola nosa propia maneira de consumila e porque aínda é custosa e complexa de facer. Estou máis cómoda na radio. Con menos medios podemos facer máis experimentos, a comunicación é algo menos unidireccional e non temos que someternos a sesións de chapa e pintura. Tamén ten moito que ver co programa no que traballo e coa xente coa que traballo: Eduardo, por suposto, e tamén Concha de la Fuente, a nosa produtora e salvavidas, e Xavier Facal, moito máis ca un técnico de son. O do traballo en equipo será un tópico, pero aquí é vital. Extrarradio é o resultado do que somos e facemos nós os catro.

Extrarradio é un magazine que nas fins de semana nos aporta 6 horas de diversión e coñecemento do que se move en Galicia, encher 6 horas só con novas da nosa comunidade é complicado ou hai que facer unha peneira dos contidos que se emiten?

Contidos hai de sobra, o complicado é atopar un criterio distinto pero rigoroso á hora de seleccionalos, que é o que nós pretendiamos. E despois, claro, acertar na escolla e na maneira de presentalos radiofonicamente. O propósito desde o principio era atopar novos temas, novos enfoques, novas voces e novos xeitos de botalas ao aire. Non pretendiamos inventar a radio pero si facer un esforzo consciente por intentar algo distinto.

br-apologhit.jpg
Este verán levastes a cabo o concurso A polo ghit en colaboración con xornal dixital Vieiros e a gala retransmitiuse na TVG hai pouco. Retallos da gala están na rede da man de a a regueifa. Serán estas colaboracións conxuntas entre os distintos medios de maior difusión, a clave para que os galegos se acheguen ao que pasa en Galicia no eido cultural?

A colaboración entre radio e Internet foi moi importante para que A polo ghit se espallase, e que a televisión acabase facéndose eco dun experimento que nacera fóra dela, unha proba de que a alianza funcionou. O aumento das canles de difusión axudará, seguro, pero seguro tamén que hai máis claves para conseguir ese achegamento. A todos nos custa non poñernos solemnes e estupendos (cadaquén no seu estilo, do decimonónico ao indie) cando falamos de “cultura”.

No programa do 21 de outubro comentastes os premios Chanante Piñeiro unha idea de María Yañez e no programa contades con Martin Pawley e Modesto del Río, e o xornalista dixital Xabier Cid tamén colaborou no magazine. Extrarradio pódese escoitar en directo dende a páxina web da crtvg. O programa está moi relacionado con internet, para cando un blogue do Extrarradio? E un de Belén Regueira?
A escasa presenza de Extrarradio en Internet é unha eiva evidente e grave que espero non tardemos moito en solucionar, non sei se será en formato blog.

Extrarradio colma as miñas necesidades de expresión pública, o mundo pode vivir sen un blog meu e eu tamén :)

O día 21 de xaneiro faredes un ano de emisión, hai algunha festa programada?
Por se acaso non chegabamos aló, a primeira festa fixémola aos seis meses… Celebrarémolo no programa, pero tampouco hai que extralimitarse no autobombo. Para a seguinte festa, creo que esperaremos ao verán. Habémosvos ter informados.

Ademais do traballo no Extrarradio, tes algún proxecto en marcha?
Todos os que están en marcha teñen que ver co programa

E por último, eres unha muller que moitos toman como referencia, ¿que che parecería que te adoptasen como musa do blogomillo?
Non lle vexo moito sentido. Traballo en algo tan antigo como a radio, non teño interese nin méritos para ser líder de opinión e, a verdade, prefiro reivindicarme máis activa e máis terrenal :)

Belén é estupenda, va que si? Un bicazo enorme para ela e desexamos que continúe a facer programas tan bos.

Chuzame! chuzame -