Non me preocupo moito para que os visitantes de Apocalipse do Porco poidan ver o blogue igual que o vexo eu, o tamaño do molde non é mais grande porque non fun quen de agrandalo cando pelexei co CSS, e non por preocuparme polos que teñen unha resolución de pantalla pequena (un 11,6% dos meus visitantes teñen unha resolución de 800×600). Ademais, se estivera optimizado, sería para firefox (empregado por min e polo 41,8% de visitantes) e non para explorer (empregado polo 54,7%).

Con todo, hai unha cousa que si teño por costume, non poñer impedimentos artificias a que me lean noutros formatos distintos se o prefiren. Nomeadamente para os que seguen o que escribo polo RSS.
Esta xente non aparece no contador de visitas, porén son a xente que mais debería coidar (se a alguén coidara) porque estando suscritos (suponse que) len todo o que aquí escribo.
Por iso non son partidario de cortar o texto do RSS con estes ‘ler mais’ que ligan á entrada. Supoño que o farán para que o que queira ver o texto enteiro conte coma visita.
Non me amola tanto como para eliminar estes blogues do Bloglines só por iso, pero non son partidario, ainda que cada un, na súa casa goberna como quere (ou como lle deixan)
Outra cousa que me amola, esta moito mais, é a publicidade que teñen algúns blogues. Non todos, abofé, non me opoño á publicidade nos blogues, ainda que eu non a teña (e podería cambiar de opinión no futuro, non quero ser microsiervo das miñas verbas nun futuro hipotético). Refírome a esas publicidades que fan aparecer un pop up. ¿Non haberá outro xeito de chamar a nosa atención? Xa non digo nada se ademais os pop ups teñen unha musiquiña.
A captura de pantalla que puxen débese a que me resultou curioso ver unha captura que puxo o outro día torredebabel. Así vexo eu apocalipse do porco desde dentro.









