O concerto rematou non moi tarde. Siniestro Total en Castrelos. Levábamos toda a noite falando de ir a Baiona pero non era boa idea, estaba moi lonxe para ir tan tarde. Entón alguén dixo...
'¿E se nos achegamos a Lagartóns?'
Iso si era boa idea. Lagartóns, na Estrada. Ninguén pensou que falara en serio cando dixen que si, que podíamos ir, que sería divertido. De camiño pola autoestrada acabaron de convencerse.
A noite ó noso redor non deixaba ver nada. Só estábamos nós, alumeados polas luces dentro do coche, coma nenos nunha cova.
'Estando aquí xa podíamos seguir, case estamos en Compostela.'
24 de xullo á noite, Compostela estaría ateigada de xente. Seguro que non se podía nin poñer un pe. Era unha parvada. Se cadra por iso seguimos cara aló. Porque non tocaba ir. Por que era o pior momento. E porén podía ser o mellor.
Cando chegamos os fogos artificiais xa remataran había tempo. No Obradoiro non quedaba moita xente, ainda que había movemento, coma se fora unha verbena de tantas, ainda que sen orquestra. Deixaramos o coche nun aparcamento alí ó lado e así dar unha volta polo franco. Eramos uns mais dos centos de turistas, chegados de moi lonxe ou de alí ó lado.
¿Nunca víchedes un neno nas festas de Bouzas, cando chega onde están as atraccións? Eses somos nos. Estades véndonos camiñar polo franco, coma se fóramos vaqueiros na rua principal da vila, camiño do saloon, con esa chulería, todos en fila coma nas películas.
¿Canto durou o paseo? ¿Quince minutos? ¿Media hora? Cando agora o lembro ainda estou alí. Vexo á xente ó meu redor. Estouno sentido mentras escribo.
Collimos o coche e marchamos. Gardei o tique do aparcamento para demostrar que estivéramos alí ó día seguinte. Xa daquela facía as mesmas parvadas que agora.
Se non fora ilegal e unha vergoña podería inventarme agora que paramos polo camiño e arrincamos un sinal de distancias quilométricas na autoestrada.
Sería doado mesmo inventar detalles: que non eramos quen de arrincalo, que pegara unha patada e saíu voando, que era mais grande do que semellan desde o coche. Sería un gracioso detalle para engadir á historia, ¿pero quen precisa inventar nada? Xa é abondo sen engadidos.

chúzame - 

¡Que mala vida lle deches a ese pobriño Talbot!
Said por semita 31 marzo, 2007 at about 12:41 pm
Noite mágica, essa. E o que não aconteceu, podia ter acontecido. Gostei dessa imagem dos vaqueiros a caminho do saloon.
Said por pepe 31 marzo, 2007 at about 1:59 pm
Eu como protagonista da historia, podo engadir que o chorizón non voltou ser o mesmo dende aquela, ficóu ferido de morte, e non foi por ir paseando precisamente.
Biquiños, nostálxico.
Said por Voloi 31 marzo, 2007 at about 7:31 pm
E digo eu, as rapazas de Lagartóns ¿Como veñen a chamarse?, ¿Lagartonas?…
je,je,je
Vale, sintoo, conto malo e facilón. Pero é que non puiden reprimilo…
Said por O Peto Lareto 31 marzo, 2007 at about 11:47 pm
Grave erro, Señoría, o cometido por estes irresponsábles quenes, lonxe de simular os feitos, pubrícano e dan detalles dabondo para os procesar, máia que polo furto, con noturnidade e alevosía, polas molestias causadas ós condutores ó privarelles da información que se lles presta con estes sináis de tráfico, o que abunda nos séus cargos, e, comoquera que son suxeitos dabondo coñecidos, case-que persoeiros influíntes na súa comunidade, eu pídolle a condea de 25 fines de semán de traballos para a sociedade no mantemento das autoestradas galegas, e máis unha multa de …
Perdón pola extensión.
Said por Anxo D 1 abril, 2007 at about 12:51 pm