Pasei un choio da ostia para facer esta anotación desde unha wifi dun hotel para decatarme agora de que quedara coma privada e non saira até agora, en calquera caso, aí vai.


Por durmir unha boa sesta despisteime algo do horario e cheguei ó Festival do Norte en Vilagarcía (no sur, logo) case sen tempo de escoitar ós rapaces de Triángulo de Amor Bizarro.
Sería unha mágoa porque tiña moitas gañas de velos ao vivo, despois de perder un par de oportunidades anteriores de facelo.
Ainda tendo en conta que pretenden facer algo moi noise, dame que o mal son no seu esceario influíu no resultado.

Xa ó chegar atopei a Roi, co que quedara e despois na carpa vin a zero vacas, Gustavo Harvey, Ifrit e Snob.

O primeiro grupo no outro esceario foron Travolta, que despois da intensidade dos TAB foi moi relaxado, case de mais.

Houbo que aproveitar para tomarlle un bocadillo. Se alguén de sanidade le isto: ¿non habería que botarlle unha ollada a estes postos ambulantes? :lol:
Despois foi o momento de Fernando Alfaro y los alienistas, por momentos semellaba que chucho non chegaran a desfacerse nunca. Nunca fun fan desta xente, pero a verdade é que paseino ben. E era o segundo debut ao vivo que presenciaba esa semana.
Pasoume coma sempre nos festivais, dame que non o estou a pasar tan ben coma debera polo bos que se supón que son os grupos, coma se estivera a deixar algo de comida no prato.

Os domingueiros deixáronme algo frio, estiveron ben, moi americanos. Alguén ó meu lado comentaba que se cantaran en castelán todos verían o horteras que son en realidade. Concordo que os teclados que meteron o final estabán alén do que eu soporto.

Os meus favoritos do cartaz con diferenza eran Astrud. As súas letras e o xeito de rirse de todo encántame. Como son parvo non escoitara o novo disco,así que o seu primeiro tema descubriume que Manolo e Genís son os que teñen un millón de amigos (non sei se Roberto Carlos o sabe xa)

Genis, tan discreto coma sempre

Levaron un batería, e tamén unha rapaza en algúns temas tocando un Korg (non quedei cos seus nomes)

Probablemente fora o momento de mais público, ainda que algunha xente marchou despois de Fernando Alfaro.

E facendo notorio o meu descoñecemento en grupos modernos, non coñecía a Delorean mais que de nome.
Grave erro pola miña banda, recordáronme moito a !!! e zero vacas apuntoume que tamén se asemellan a Radio 4 (tomo nota).
Bailei moito (e mal, coma sempre)

Chamoume a atención o seu minimalismo instrumental, unha telecaster, un teclado, unha batería só con caixa, bombo, charles e dous pratos e un baixo ¡con 3 cordas! :lol:
Ó longo da noite puiden ver a moita da xente que xa vira o mércores, coma Kate á que saudei, ás pattidiffusas do Grove, á miña amiga Uxía, á que había un par de anos que non vía, Anxo (un dos colaboradores de e-music) ó que non saudei, como tampouco á Dj Helena, a que nunca me presentaron, ou a Belén Regueira, que bailaba ó son dos TAB diante nosa. Se pasou igual que o mércores non coñecín nin a metade da xente do Blogomillo que alí había.
Para o 24 de agosto quedades citado ó Lolapop, en Pontecaldelas. Véndome barato, mercáronme cunha piruleta.

E decatádevos nestas dúas fotos o bo gusto que ten Gustavo Harvey cando posa para as fotos. Sabe escoller sempre a actitude axeitada.

E a iso das 3, con Delorean ainda tocando marchei.

Non quedei para bailar na carpa dos DJ. Disque a estas alturas da noite a cámara e mais eu non víamos con moita claridade.

É o adeus por este ano, para o sábado xa estarán Sak ou besbellinha para contar o que alí pase, ademais dos enviados especiais do Sono-Tone.

Chuzame! A Facebook A Twitter