A miña relación con esta obra foi moi revirada. Tentei por dúas veces ler esta banda debuxada sen que lle atopara moito interese. Porén a boa consideración na que teño o gusto da xente que dicía que era xenial fixo que tentara darlle unha terceira volta.

Non diría que me gusta se non fora tal, simplemente calaría. Pero o caso é que gustoume moito.

Como dixo a revista Time: tan dramático coma o Señor dos Aneis pero moito mais divertido. Maxia, dragóns, princesas, ...monstrorratas. Jeff Smith di que a idea básica da obra sería Bugs Bunny dando un húnido bico na boca a Aragorn.

Penso que o que me botou para atrás as veces anteriores foi que non chegara ó comezo da trama de aventuras que ten a obra e quedara só na parte divertida. Lin as mil trescentas e pico páxinas en tres días, primeiro na reedición coloreada que está a editar Astiberri, cando rematei o xa editado seguín coa edición de Dude de hai uns anos no branco e negro orixinal. Esta edición non chegou a completarse, polo que seguín ca edición nun tomo en inglés até chegar ó final.

Fixo que sospeitara que a obra estaba ben o feito de que Turuto tivera todo este material duplicando e mesmo triplicando por partes.

Se queredes saber mais sobre esta obra deixo a ligazón á wikipedia (pero está chea de spoilers, quedades avisados.)

A edición a cor non é superior á orixinal en negro e branco pero ten un resultado moi bo, as cores están moi ben escollidas e non estragan o resultado, o colorista comenta algo do proceso no seu blogue. Podedes baixar aquí o primeiro capítulo completo da web de Astiberri.

Se pensades darlle unha oportunidade aproveitade agora, que Jef Smith vai estar na Coruña en agosto. Avisados quedades.

Na foto Jeff Smith debuxando a derradeira páxina de Bone o 10 de maio do 2004.

Para o que lle interese o tema, na páxina oficial de bone contan tamén algo da historia da obra e de como comezou como unha autoedición por Jeff Smith e foi espallandose grazas ós comentarios na rede.

Chuzame! chuzame -

Os medios coma Chuza, de edición colaborativa teñen entre as súas vantaxes a dificultade para un usuario ou mesmo para un grupo reducido de usuarios de marcar a liña editorial.

Nun primeiro momento, cando os usuarios eramos moitos menos, era evidente a influencia que podían ter certas teimas ou bromas particulares do grupo de usuarios mais activos. De aí sairon cousas coma o tag:cabra, un día alguén chuzou unha nova gaciosa sobre unha cabra e de aí en diante comezamos a chuzar toda canta nova incluira unha cabra. Menos seguimento tivo o tag: bolacha.

Este tipo de comportamentos eran simples bromas e ademais pasaban desapercibidos para a meirande parte dos usuarios de chuza. Supoño que moito preguntarían por que Chuza luciu esta variación do seu logo habitual por un tempo.

chuzacabra.png

Pero de un tempo a esta parte, moitos usuarios contaxiados dun espírito reivindicativo e solidarizándose cos afectados pola instalación de Reganosa non paran de chuzar novas sobre a regasificadora e todo o que estea relacionadocon ela.

Para que vos fagade sunha idea da saturación, velaí a nube das etiquetas que os usuarios engadiron ás novas que enviaron nos últimos sete días.

reganosa.jpg

Sinalei tamén, ademais de Reganosa, jueves, porque foi se cadra unha das cousas das que eu vin falar moito nos blogues. Se cadra mais en imaxes que con verbas, porque esta é a nube criada pola Blogaliza cas verbas do blogomillo da última semana.

blogomillo710.jpg

Ollade que aparece en pequeniño revista, igual polo tema de el jueves, pero non aparece Reganosa.

O efecto desexado de presencia de Reganosa na actualidade dependerá de que haxa novas relevantes. Pola miña banda xa estou canso do tema. Solidarízome cos afectados e lamento moito a situación de perigo constante á que se ven sometidos, mais lamentablemente no país tamén temos outros problemas. Ogallá Reganosa fora o único de que preocuparnos.

Un dos problemas que voltan é o da Cidade da Cultura, e falando disto quédame claro que necesitamos gobernantes que lideren o país pensando no futuro, mirando alén dos catro anos que faltan para unhas eleccións. Porén case é pior que miren moito mais aló e pensen non no futuro senon na posteridade. Recordavos a alguén isto?

Isto último non viña moi a conto do resto se cadra, pero así non o esquezo.

Chuzame! chuzame -

Jean Passepartout acompañou a Phileas Fogg na súa volta ó mundo, e tardaron só 80 días.

Os meus amigos Juan e Marta teñen previsto dar unha volta semellante en 300 días mais ou menos.

img_0274.JPG

¿Que pode levar a alguén sensato a deixar atrás a súa casa, ós seus amigos e a comodidade do seu sofá durante case un ano gastando polo camiño unha chea de cartos?

Eu nunca o saberei, pero podedes preguntarllo a eles. E non teredes que agardar que volten á Galiza, podedes deixarlles un comentario no seu blogue.

E de paso podedes enterarvos das delicias culinarias que van descubrindo, coma o completo italiano, un cachorro-quente con aguacate e maionese a uns 0,70€ en La Serena, Chile

ou un pincho moruno feito con carne de llama coma o que aquí come Marta

Do que non fixeron foto, ou alomenos non a puxeron no blogue, foi do mellor: o corazón cru dun peixe. Agasallo de gratitude duns pescadores ós que disque lles deron boa sorte. Como algún propón nos comentarios igual a tradición non é de gratitude senon de rir dos turistas. É posible. Admito opinións en contra de blogogastrónomos adictos ó corazón de peixe crú que me saquen da miña ignorancia.
O que non cambia desta xente por moi lonxe que estean é a súa facilidade para facer amigos ó momento, xa os iredes coñecendo.

Boa viaxe, rapaces.

Chuzame! chuzame -

Este é un dos videos da chuzarrascada dos que falaba.

Hai mais.

Bastantes mais.

Chuzame! chuzame -

Chegou o día 25 e, sen nada que ver co suposto espírito nacional galego fixo un esplendido sol. Tan gallego como el sol abrasador debeu pensar algún.

O día chegou tamén con curiosas imaxes coma estes gardas á porta das sucursais de certa entidade de aforros.

garda.jpg
Ou postos no mercadiño onde atopar diversidade e calidade (moita diversidade e disque pouca calidade)

copyrighted.jpg
Achegámonos mourullo, ascarida e mais eu ó maría castaña onde agardaban xa fer e xornalistiña. E a non tardar moito apareceron tamén Modesto e Ifrit.

mariacastana.jpg
Estas son as derradeiras que quedaban en cinco minutos das bolachas que trouxo xorna. Fixeron case esquecer que este ano Snob non trouxo un brownie coma o do ano pasado.

bolachas.jpg
De camiño cara a alameda atopamos a aluguer que repartiu as crachas que nos prometera e podedes ver na esquina.

crachas.jpg
E non, non digades que esta imaxe está escollida para ter un efecto subliminal :D

Xa xamiño do festigal non puiden resistir facerlle unha foto a este fan do depor que estaba en Compostela coma na súa casa. Ollade tamén os seu pes.
deporfan.jpg
No campus sur Xantamos na pulpería pardo, proveedora oficial da Chuzarrascada desde o seu nacemento. Nós non somos blogogastrónomos, que nos conformamos con praceres sinxelos. Polbo, churrasco, criollos, callos, viño con gasosa,... eses clásicos nas dietas mais dixestivas.

carpapardo.jpg
Despois comezou a nosa pelegrinaxe polo festigal, e foi cando atopamos ó home do que falaba o outro día.

espontaneo.jpg
Só unha pista mais, ollade que man ten este home cos nenos...

politico.jpg
Tiña que ser un político, e é o Vicepresidente da igualdade e o benestar (acaba de chamar Antón Losada que cambie algunha cousa, non hai problema, que eu non vou chamar á policía) Ollade que colega é da xente de Chuza! Como os fai desfrutar... Anxo Quintana! Con el chegou a felicidade á chuzarrascada!
colegas.jpg
E como algún xa vai collendo tamén compadreo ca clase política...

wassaaapp.jpg
Pero as aptitudes políticas empezan por aprender a tratar os nenos. Lembrade que ben o fai Quintana. Algúns fan prácticas antes.

pai.jpg
Para poder facelo así de ben despois.

nenos.jpg

Despois de este magno encontro seguimos o percorrido e estivemos entre outros sitios na Peneira, onde chegamos preguntando por Jénnifer Castrovello e insistiron en sacar unha foto connosco. Fíxome graza que nos denominaran staff de Chuza en troques de mafia do fedello (denominación mais extendida antes da chuzarrascada)

peneira.jpg

Visitamos GZNación onde nos recibiu o seu director Marcos, escoitando con paciencia como trolleabamos sobre o redeseño do xornal. Igual foi por iso que non repartiu camisetas e non porque se esgotaran como dixo.

zero.jpg

E non tivo problema en deixar que Berto fixera o parvo cun micro que por alí había.

gznacion.jpg

Acertou o que dixo que aquilo semellaba un Second Life do Chuza, paseando por entre moitas das fontes habituais das novas a pe e atopando unha chea de chuceiros polas esquinas.

Na carpa da Agnix do software libre estaba a futura estrela do blogomillo, Darío que é fillo de alguén do blogomillo, do pai de Darío (chegará o día, Goretoxo). Aquí tamén se trolleou a eito.
agnix.jpgdario.jpg

Cando rematamos Antes de comezar o percorrido, e despois de sacar as fotos co Chuceiro Quin, fomos alí ó lado a xogar cos globos de helio, se tardara menos en subir o video ó You Tube poderíades ver e ollar as parvadas que fixemos (non teñen desperdicio, xa veredes algún video outro día)

helio.jpg

Non nos decatamos ó primeiro, pero xusto ó lado de onde estabamos a facer nós o parvo estaba unha xente moi seria falando do estado do Estado (ou algo así) non lles fixemos moito caso, só algunhas fotos.

paco.jpgpacofoto.jpg

E pouco mais fixen eu por alí, despois do percorrido voltamos á Pulpería Porta a dar conta do LK e a xantar algo mais (os mais criollos, eu empanada) Alí apareceron besbellinha e lourixe que contaron que estiveran con torredebabel (eu quedei sen vela, mágoa)

porta.jpg

E pouco despois marchei para a miña casa. Até o ano que ven, seica.

Cando teña tempo editarei isto e porei o monte de ligazóns que ten que lle faltan ;-) (Listo.)

Chuzame! chuzame -

Quedo con imaxes recortadas do seu xeito de mover as mans, os xestos que facía, o son da súa voz. Lembro o xeito tan particular que tiña de prensar o tabaco (canto ar hai nun cigarrillo). O moito que lle gustaba o queixo. E non só o queixo. Si, lembro o meu tio sentado a unha mesa, pero contando historias despois de xantar. En Bouzas, en Sabarís, en Coia.
Recoñezo que sempre admirei ó meu tío. Aquelas historias que contaba do Concello. Gabábase sempre de que os políticos procuraban que as cousas mal feitas non pasaran perto da súa mesa. Agora que o escribo supoño que nunca puiden contrastar isto, porén teño a sensación de que o meu padriño era moi respetado, que o que el contaba era o que pasaba de verdade na casa do Concello, que a súa paixón polo servizo público e por Vigo era auténtica. Esas cousas non se poden finxir durante tantos anos.

Agora mesmo espertei e cústame durmir, agora mesmo pensamentos tristes e trascendentes sobre a súa morte e a de todos os que coñezo invaden a miña cabeza. En menos de catro horas estarei traballando porque a vida segue, e ten que ser así. Non vou facer aquí desbarres pretendidamente profundos sobre a vida e a morte. Nin quero eu, nin pretendo saber, nin lle presta a ninguén atopalos fora de lugar.

Vou ver se durmo algo mais. Olvidade isto.

Chuzame! chuzame -