Cheguei á obra de Juanjo Sáez porque viña a Viñetas. Recoñezo que nunca oira falar de el. Despois de que o convidaran preguntei que era e recomendáronme a súa obra El Arte. Conversaciones imaginarias con mi madre. E gustoume. Xa en Viñetas merquei Viviendo del cuento e gustoume ainda mais.
Cando lin o primeiro dos libros (ainda non lle din unha segunda lectura e non podo citalo de memoria
) quedei coa dúbida de se o autor era tan sinxelo como aparentaba ou só era unha pose para ser quen de chegar dun xeito mais doado ó público. Tiven a sorte de falar en Viñetas con el e a súa moza que colabora no seu traballo e pareceume moi simpático. Despois lin o libro Viviendo del cuento e desfruteino moito. Encaixábanme perfectamente a breve conversa que tiven con el e as súas dúas obras.

Lede o texto que escribiu para a cuarta edición do libro viviendo del cuento:
No pensaba que «viviendo del cuento» pudiera llegar a la 4ªedición, teniendo en cuenta que es un libro sobre mis batallitas. Pensaba que solo podía interesar a mis amigos. Así que, o mis amigos los han comprado todos, o muchos lectores después de leer el libro tienen la impresión de ser mis amigos y han comprado muchos más para regalar.
Pois concordo, ainda que non no sentido en que el o di. Lendo os seus libros da a impresión de que poderías ser o seu amigo se o coñeceras, ou que podería ser o libro que escribiría un amigo teu sobre o mesmo tema. Colabora con iso o estilo de debuxo esaxeradamente sinxelo, de monicreques.
![]()
Con quen non concordo é coa xente que opina que o seu fillo podería facer o mesmo. É evidente que o estilo de debuxo non require moita técnica, case ningunha, porén eu non sería quen de debuxar o mesmo, porque non teño a súa creatividade.
Esquecíame dicilo, os seus libros son moi divertidos, e aí tamén concorda a señora colombo.
Unha curiosidade: que estraño que teña páxina na wikipedia en galego e en euskara mais non en castelán ou catalán.
Despois dunha semana case enteira nos Xardíns de Méndez Núñez quedan só as imaxes na memoria. Na miña e na da cámara que fixen un bo lote delas!
Non puiden contar nada desde o outro día porque estivo caida a Blogaliza desde o venres ou xoves e sendo ponte en Compostela a xente do CESGA non amañaba o tema
Quedara a historia no outro día, que levei o portatil e estiven case todo o día on-line. Seguín baixando decote ó kiosco Alfonso, estiven en varias charlas e algunha rolda de prensa. Tampouco estiven en todo, que fun ó meu aire, pero sen dúbida o mellor foron as charlas dos autores. Só por iso xa paga a pena a visita ó salón.
Xa contei aquí algo da charla de Álvaro Pons e Tim Sale, os primeiros en comezar.
Estiven tamén na de Sergi San Julián, Santiago Valenzuela e Juanjo Sáez. Tres xeitos moi diferentes de achegarse á banda, tanto estilística como profesionalmente. Desde o traballo de axencia para o estranxeiro de San Julián ó traballo para publicidade ou deseño de Sáez e pasando pola inmensa producción de páxinas de Valenzuela en obras de criación propia.

Valenzuela, pese á súa pinta de home moi serio e algo gris amosou unha gran capacidade para o humor na charla e foi o que mais gargalladas fixo botar ó público cos seus agudos comentarios.

A charla destes tres autores foi despois da presentación da Agpirina por Fran Bueno e Javi Montes. En representación da AGPI.

Rutu Modan e Juanjo Sáez compartiron rolda de prensa o venres despois da presentación ós medios da obra gañadora do ano pasado do premio Castelao: un home feliz de Antonio Seijas.

E aquí fago un alto.
¿Tan difícil é coordinar mellor as cousas na Deputación? O ano pasado vin a exposición sobre a obra e podería estar interesado en mercala. Agora xa nin a lembro. Este ano exponse o traballo de Jacobo Fernández pero a obra non estará disponibel até o ano que ven. Recoñezo que mellorou o tema despois do de Rubín que saíu antes en castelán que en galego, pero ainda queda un treito por percorrer, a iniciativa da Deputación é moi boa, e hai que aplaudila, porén faltalle mellorar detalles coma ese.

O venres á tarde dediqueino a ver as exposicións do Palexco coa señora Colombo, Turuto e a súa moza, que con tanto movemento non vira mais que as do kiosco Alfonso. En realidade quedei sen ver todas agás as dos autores convidados. Pero sobre todo estiven facendo cola coma bo fan para que os autores me adicaran os seus libros. O venres Juanjo Sáez, Davodeau, Tripp e Jeff Smith e o sábado Rutu Modan e Tatsumi.

O sábado á tarde foi a presentación da reedición de Esther. Preguntei a que se debía que mantiveran a horrorosa tipografía na rotulación e disque foi por fidelidade ó aire visual da obra orixinal. Non son fan da serie orixinal, polo que non debería opinar, con todo direi que non me gusta a rotulación (porén, doutores ten a Igrexa)

Tamén foi a charla de Jeff Smith que proxectou imaxes do seu traballo (e o desktop do seu Mac
) e contou que foi Art Spiegelman quen o convenceu de que editara a súa obra en cor despois de moito insistirlle. Un ghicho moi simpático, e novamente desfrutamos do traballo do traductor.

E rematou a semana ca charla de Yoshihiro Tatsumi, que ós seus 72 anos ainda fixo rir á xente en algunha ocasión, con problemas de traducción e todo. É curiosa a súa situación actual. Ainda que tivo influido a moita xente en occidente e tamén en Xapón, debido ó comportamento ruín dos seus editores fora do Xapón que lle roubaron os seus dereitos coma autor (iso si que é pirataría e non o P2P) agora mesmo Tatsumi non está nunha situación económica moi boa. Por sorte a reedición da súa obra, por exemplo en España sairon recentemente 5 libros seus e en Canadá Adrian Tomine está a sacar en Drawn & Quarterly unha escolma das súas obras (un tomo por ano) escollidas polo propio Tatsumi.

Despois de 10 anos semella que Viñetas desde o Atlántico está nun momento de saude excelente. Visto desde fora opino que o seu éxito débese a varias cousas:
En primeiro lugar ó apoio incondicional do Concello. Ter o respaldo económico e de infraestructura do Concello facilita que o proxecto poida durar no tempo mantendo a súa esencia e independencia inicial.
En segundo lugar a gran profesionalidade que demostran os membros da organización, algo que debe salientarse tendo en conta que en realidade todos sacan tempo do seu tempo libre ou das súas vacacións para a organización do salón.
En terceiro lugar, o respecto polos autores convidados. Os autores chegan Á Coruña para pasar unhas vacacións entre colegas de profesión e iso nótase na boa actitude que todos teñen. Ó contrario do que ocorre noutros lugares mais dirixidos ó aspecto comercial, Viñetas é unha cita diferente. Eso cría un ruxe ruxe entre os autores que fai mais doado cada ano que veñan grandes autores. Uns comentanlle ós outros que A Coruña is different. (Ou alomenos esa é a teoría)
E, para rematar, a paixón que todos os que traballan directamente na organización demostran pola banda debuxada. Teño na memoria (e tamén en fotos, claro) a imaxe de Carlos Portela na charla de Tatsumi. Ademais de saber moito, moito sobre a súa obra como profesional que é, os ollos de Carlos escintilaban coma se foran os de un neno. O mesmo que os de outro membro da organización que presentaba a Jeff Smith. Cando lle preguntou se algún día coñeceríamos algo de Boneville o seu sorriso era coma o dun picariño.

Esa ilusión xunto a ese duro traballo son os que fan posibel que o resto poidamos desfrutar do Salón.
Grazas a todos vós, coñecidos e anónimos. Verémonos outra vez o ano que ven.
Para os que ainda non coñecedes viñetas:
Se sodes afeccionados a BD e vivides a menos de 200 quilómetros estades a facer o parvo quedando na casa. Se vivides mais lonxe paga a pena se vos podedes permitir pagar a estancia.
E para os que non sodes afeccionados pero vivides perto é unha oportunidade inmellorabel de coñecer de que vai esto da banda debuxada e descubrir que os vosos tebeos da nenez seguen aí pero que ademais hai outras historias axeitadas á vosa idade actual.
Se teño mais tempo outro día contarei algunha cousa mais, hoxe é abondo.
Se queredes ver algunha das fotos que fixen, están no meu flickr, podedes reproducilas se queredes respectando a licenza CC (non para uso comercial, compartindo ca mesma licenza e engadindo unha ligazón a esta entrada do meu blogue
)
Se facedes parte nas fotos e queredes algunha foto das que non están publicadas deixademe un comentario incluindo o voso correo e eu farei por que as poidades ver.
Despois da impresionante presentación do Xogo de rol das crónicas de Gaidil, no que apareceu sen convocatoria previa, cada un polo seu camiño, unha boa parte do blogomillo:
dorfun, moucho branco, jan, Marcus, besbellinha, Sugarkane, mourullo, berto, Ifrit, dieter casan, David, e Breogan, claro, que apresentaba o xogo porque fai parte da equipa que o criou.

Despois de charlar un anaco á saida fuximos cara ó Vecchio para conectarnos á wi-fi. Non veñades sen avisar, que non vai. Igual hai que encargarllo antes. Eu conecteime polo modem 3G e berto quedou mirando para o ar.
E agora deixovos, a ver se me traen dunha vez o meu zume de laranxa. As ligazóns para cando teña tempo
Onte á tarde comezaron as actividades de Viñetas desde o Atlántico, cheguei Á Coruña co tempo xusto para a charla de Álvaro Pons. En realidade cheguei tarde porque onte non había quen aparcara na Coruña pero eles tamén se retrasaron por mor do ordeador, así que non perdín case nada.

Xa nin me levantei, e así collín o sitio para o autor ‘mediático’ do ano: Tim Sale.

A charla estivo moi ben, o autor foi moi simpático e as dúas horas que durou pasaron voando. Hai que falar do traductor, gran parte do mérito de que fora entretida débese ó seu traballo. Tomaba notas taquigráficas do que Sale dicía e reproducía con gran fidelidade, mesmo interpretando as respostas e facendo xestos coma se fora Sale falando.
Á fin da sesión avisaron que Tim Sale marcharía o xoves e non podería asinar exemplares co resto, polo que faría unha sesión el só esta mesma mañá.
Así que espertei cedo para vir e facer cola. Non foi abondo, cheguei o segundo
Para entreterme mentras agardaba trouxen o portatil (cousas da 3G) pero choveu e non puiden agardar conectado como tiña pensado.
Porén conecteime un momentiño para empezar a escribir isto e nese momento un amigo da organización (moitas grazas) conseguiu que me convidaran a cubrir a rolda de prensa de Jeff Smith da que falarei mais adiante.
Coñecín agardando pola rolda de prensa a un dos autores de Zona Negativa chamado David que é da Coruña e estaba entrevistando a Tim Sale mentras eu facía unhas fotos agardando pola xente que viña a polos debuxos.

Como baixaba da rolda de prensa estaba o primeiro, porén porteime como é debido deixei que o rapaz que estaba diante de min na cola pasara primeiro.
Mágoa non baixar mais libros, porque co medo a non ter tempo para facer debuxos a todo o mundo só fixo un debuxo esquemático e unha sinatura no resto dos libros que lle puxeron diante.

E co debuxo no peto marchei ó posto de Banda Deseñada Comics onde estou agora mesmo escribindo isto. Grazas Eva!

Onte estiven en Vigo.
O motivo fundamental da visita era coñecer en persoa ó chokito. As fotos que vira deixáranme con gañas de coñecelo.
Os mais de vós non o poderedes coñecer en persoa, porén estaredes enterados dos seus progresos vitais só con que esteades atentos ó seu blogue.
Aquí o tedes decidindo co seu pai o que poñen no blogue.

Á tarde, quedei con Aser e Rafa para ir tocar algo e ver que tal, para comprobar si é certo que o que tivo, retivo.
Teño importantes dúbidas sobre a realidade do refrán.
Ainda que podemos buscar a excusa do malo que era onte o material que tiñamos en Élite, non o lembraba eu tan malo, pero a verdade cos amplis tan pequenos que tiñamos onte non se oía mais que a batería.
Con todo, para a semana que ven tentarémolo de novo preparando algo antes de ir e iremos a outro local, a ver se daquela notámonos menos enferruxados.
E nun momento marcho para A Coruña, que xa comezou onte Viñetas. Xa contarei que tal…
O blogue da ligazón de viñetas non é oficial pero case, alí está o programa oficial e supoño que se algo cambia tamén aparecerá.