A piques de rematar o 2007, ano de grandes mudanzas profesionais e das mellores novas persoais.

O cambio profesional, moi relevante na miña vida será unha cousa que esquecerei axiña, así que naza moru (que por certo gaña forza o de que vai ser nena).

No aspecto negativo deste ano anotarei a morte do meu padriño.

E deixando aparte estes temas vitais mais trascendentais este foi o ano no que descubrín a billarda, cambie de coche (había que lembralo, claro), coñecín ao Pelacho, establecimos o costume semanal de quedar cos amigos (ainda que fallemos as mais das veces), vivín intensamente viñetas desde o Atlántico, fun a tres festivais sen moverme moito: Festival do Norte, Lolapop e Dolorock, deixei bigode (e quiteino), cambiei o molde do blogue, empadroneime na Coruña (e votei por última vez en Vigo, non sei se votarei alí algún día), fun ver pelis con Pawley no CGAI, restaurei o meu baixo, seguín lendo banda debuxada, fun a XGN, vin a televisión menos ca nunca...

E as cousas que non son tan miñas, aduaneiros pechou despois do asunto de YC, Fanny + Alexander estrearonse ao vivo igual que Proxecto Mourente, ambolosdous acompañados de The Homens, e manos de topo editaron o seu disco como tamén saíu o Manifesto dobarrista, os tres do eixo entraron na cadea, vivimos coma galegos, dimitiu Antón Losada, naceu o chokito (e abriu blogue), Marta e Juan comezaron a súa volta o mundo (e saltaron en paracaidas!), os megaloves atronaron nun piso cos telefones rouges,...

E fixen fotos, fotos, fotos, fixen tantas fotos que paguei unha conta pro en flickr para poder subilas a mans cheas, porque tamén merquei unha cámara nova. Fixen fotos a Proxecto Mourente, a The Homens, Fanny + Alexander, Leo i Arremecaghona, a Tim Sale, a Jeff Smith, a Juanjo Saez e a moitos outros autores de viñetas, mesmo lle fixen fotos a Anxo Quintana, pero sobre todo fíxenlle fotos ós meus amigos, ós novos, ós vellos, á miña familia, á xente que quero.

O ano non acabou aí, hobo unha chea de blogoesmorga, en Compostela e na Coruña e unha chea de momentos compartidos (ou pensades que saquei as fotos nun estudio). Do que eu non falo aquí xa o contan todos os xornais, televisións e radios.

O mellor, sen dúbida saber que vamos ter un fillo, despois toda a xente marabillosa que coñecín este ano, despois o do traballo. Este ano 2007 foi moi bo, o 2008 será mellor e agardo que para ti, que les isto, tamén.

E xa sei que isto había de levar unha chea de ligazóns para estar 'como dios manda' e ademais quedanme atrás unha chea de cousas, pero a cea está case lista e a señora colombo reclama a miña axuda.

Que teñas un bo ano 2008. Unha aperta.

Chuzame! chuzame -

Cando unha obra é un clásico agardas moito dela. Ás veces ocorre que a desfrutas, pero un chisco menos porque non chega ó nível que agardabas.

Este nadal decidín afrontar a realidade, probabelmente nunca serei fan de Yves Chaland, gustoume o primeiro tomo das súas obras completas reeditadas por Glénat, mais non tanto coma para mercalo (25€ son moitos), por iso cando vin que Turuto estaba mercandoo propuxenlle venderlle o meu. E con eses 25€ recuperados podía seguir o consello de Melo e levar para a miña casa El Eternauta de Hector G. Oesterheld e F. Solano López.

Din que é a mellor banda deseñada arxentina da historia. Non podo confirmar a frase porque a única BD arxentina que lin foi Mort Cinder (tamén de Oesterheld, con Breccia), pero si que ten que ser das mellores, porque é unha obra boísima.

As 300 e pico páxinas léense case do tirón, porque ten unha importante dose de acción. E ó mesmo tempo é unha obra que xa na súa primeira lectura ten unha certa profundidade. Ademais de que a obra teña multiples interpretacións mais ou menos agochadas relacionados ca realidade sociopolítica da Arxentina da súa época. Todo isto sen que en ningún momento a obra pareza pretenciosa nin sacrifique o mais puro divertimento.

Da unha pista bastante clara da súa calidade o feito de que a edicion que veño de ler é a do seu 50 aniversario e ainda así mantén dun xeito envidiable a súa vixencia. Acertan os que comparan esta obra cos clásicos da literatura universal. Achegándose ó mais cercano, á xeografía da súa cidade e ós sentementos dos homes que fan parte da historia, Oesterheld e Solano conseguen chegar ós lectores de outros lugares e outros tempos.

Coma se fora unha persoaxe da súa obra Oesterheld foi desaparecido polos 'Ellos' que gobernaron na Arxentina no ano 1977 (el e as súas catro fillas, os cinco militantes dos montoneros).

Facédevos un favor, pedídelle ós reis magos que vos acheguen este libro (que custa 22€) ou pedídelle a algún amigo que volo preste se podedes.

Hai unha chea de páxinas que falan da obra na rede en castelán, porén lede con precaución se non queredes que vos desvelen a trama, deixo unha ligazón a unha páxina que fala algo da obra e tamén de Oesterheld (poderían facer unha película ca súa vida).

Chuzame! chuzame -

O xoves fun á Fnac para a presentación da guía do ceo editada por lepourquoipas? e había bastante xente. Alí estaba Pawley co resto dos autores do libro.

Merquei o libro e non puiden deixar de aprezar que o seu formato, cas follas cosidas cunha espiral favorece, ademais de usala no monte, poder fotocopiala con comodidade. Será que estas xentes confórmanse con cobrar o canon?

Na Fnac estaba tamén leco co pelacho.

O libro en si penso que pode ser útil polos bos consellos para neófitos e a chea de desculpas para sair no ano 2008 a ver o ceo. Unha publicación que agrado teña sorte nas vendas e consolide a iniciativa nos vindeiros anos.

Chuzame! chuzame -

As rapazas dun coléxio maior do Opus en Navarra fixeron esta peculiar panxoliña.

Contra o que poida semellar, suponse que non tiveron acceso ás drogas antes da gravación do tema.

Vía: ascarida no fedello.

Para cando o politono? (ascarida dixit)

Chuzame! chuzame -

Cando propuxen a adiviña sobre a identidade sexual de moru tiñamos bastante claro o seu xénero.

Ainda que, coma ben dixera daquela "...semella que o sabemos. Igual non ó 100%, mais abofé que as probabilidades son xa mais do 50% inicial.  "

Pois semella que estabamos errados.

As imaxes que aparecen nas ecografías sen corresponder con aspectos anatómicos reais dos fetos disque chámanse artefactos. Neste caso semella que confundimos un artefacto cun aparato.

Con todo, e mais despois da dubida sementada polo erro anterior non confirmarei xa que sexa unha nena. Teredes que agardar mais para que dea o dado final. Errare humanum est, perseverare diabolicum.
Si, o importante é que veña san, xa o sabemos. Ademais tanto á señora colombo coma a min mesmo resúltanos indiferente se é neno ou nena.

Mágoa polos meus pais que xa teñen catro marabillosas netas e non lles importaría nada ter tamén un cativiño na casa.

Xa saben que mañá é o día da saúde, pois para nós xa o é hai tempo: que veña san.

Chuzame! chuzame -

Que e (mais importante aun) para quen é o canon?

Temos dereito á copia privada?

Se o temos, (que evidentemente o temos, e recoñecido por lei) e ademais nos queren cobrar un canon compensatorio, por que está todo o día falando esta xentalla das descargas ilegais?

Para quen vai o canon?

Para a maioría dos autores que disque non chegan a final de mes?

Ou para os supervendas que son ós que o sistema calcúlalles maiores perdas?

NINGUÉN O SABE!!!

A SGAE (e outras entidades de xestión) cobra o canon e o reparte coma mellor lle parece, porque é unha entidade privada. SI, SI, PRIVADA. Non o sabías? A SGAE non é pública, é privada, igual que o Banco de Santander. Só que o Banco de Santander, coma calquera entidade cotizada é mais democrático ca SGAE.

Parece mentira, mais é certo. TODOS os accionistas dunha empresa teñen dereito a voto, proporcional á súa participación na compañía. Algunhas empresas poñen un límite mínimo de accións para comparecer na asemblea, porén sempre é posibel a delegación do voto por escrito.

Na SGAE, mais de 60.000 socios carecen do dereito ó voto. Nin moito nin pouco, ningún dereito a decidir. Se non vendes un mínimo que poñen eles non votas. E ademais non dan moitas facilidades ós que discrepan da dirección.
No Banco de Santander, ademais é público (e notorio) o importe dos dividendos que lle corresponde a cada acción. Na SGAE non sabemos canto cobra cada un duns cartos RECAUDADOS (lembremos que é un cobro con forma de tasa indiscriminada regulado por lei e non directamente ligado á producción de cada autor).

Que dereito ten a SGAE a cobrar polo meu disco duro?

A tarxeta da miña cámara non sei se encaixa co canon, mais cos seus 8Gb é mais que idonea para facer copias privadas e na puta vida viu nada que non fora da miña criación. Tendo en conta que eu non pertenzo a ningunha xestora de direitos porque publico todas as miñas obras (ou por ter un blogue son menos autor que se xunto todas as miñas tonterías en papel e lle poño unhas tapas) cunha licenza Creative Commons, porque cona teño que pagar un canon?

Mentras o canon sexa empregado para amorear pedras en Compostela e para pagarlle os chales en Miami a catro ou cinco artistas (ós que eu non sigo) opóñome ó canon.

Onde están os meus deputados? Se o señor Farré permítese ameazar ós políticos, que nos queda ós votantes?

Se o único partido que se opón ó canon é o PP plantexareime moi seriamente esa opción de voto. Non votarei nas vindeiras eleccións xerais a NINGÚN PARTIDO que vota a favor do canon se a xestión vai ser a mesma ca agora.

Que os políticos non nos respetan normalmente é un feito, mais aquí é tan evidente que votan contra nós e a favor dun lobby...

Que non falen do 20% que vai a formación e axudas sociais. Que falen do continuo aumento dos seus ingresos.

Lede isto e cabreadevos coma min.

E para que conste: eu fago moito gasto en cultura. Se non basta o exemplo da banda deseñada que merco (e non direi o importe anual, que a señora colombo despois botame unha bronca) direi que teño os discos de the homens e Fanny + Alexander ainda que xa os baixara previamente da rede. E o mesmo podo dicir do libro O home inédito.

Eu non paguei nada polo último disco de Radiohead, non contribuín a que fora o disco mais beneficioso para eles nos seus primeiros de todos os que publicaron, pero é que tampouco tiña interese en descargalo.

Será que hai outros modelos de criación e difusión cultural? Outros xeitos de vivir da cultura?

Igual a alguén que vive dos artistas agora mesmo está interesado en que pensemos que non. Se os contos son cultura, esta xente vive do conto.
Señor Clós, espabile, que as eleccións logo chegan!

Chuzame! chuzame -