Ten razón Pawley cando di que me estou botando a perder. Non fago outra cousa que deixarme ver por saraos culturetas. E desta volta non teño desculpa, que nin pinchos había. Tan só a promesa do encontro con persoas moi agradabeis e de sorriso fácil e contaxioso. Foi a presentación do novo libro de Tati Mancebo: NósQuen.
Contra o que di Tati eu si prefiro a poesía recitada. Se cadra porque na casa sempre lle atopo unha desculpa para facer outra cousa. Ou igual é que nunca tiven a guía axeitada nese mundo de 'verbas señoritas'.

Non contaba con atopar moitos motivos para ler o libro de Tati agás o de coñecela ainda que fora ó través da pantalla e en encontros fuxidíos (nos que mais que atopala a ela atopo o seu sorriso) porén gostei de moito do que oín e lerei o resto. Xa o teño na casa que me chegara por correo electrónico. Dun xeito semellante á que vai ser a súa vía de difusión definitiva, porque disque vai estar disponibel para baixalo na rede sob licenza creative commons.

Este que aquí deixo foi o poema que mais me gustou, mais non o único.

Se houber unha fada
que me regalase
calquera suma de anos
sempre me parecerían poucos
e a fada unha farsante

Se houber fadas

Mais as fadas non existen
e os anos, calquera a suma
nunca se regalan.

Mais se houber unha
unha única fada
ela si podería regalarme anos
calquera suma
e sempre me parecerían poucos
e a fada unha farsante.

A presentación foi na galería Sargadelos (na que non estivera ainda) e introduciu o acto a directora da galería. Moitos lembrarédesvos dela. Definiu o blog dos pelachos coma un "blogue de infancia e cultura na rede" (chamoume a atención no momento a definición e anoteina).

Ademais dos seus poemas, leu poemas traducidos ao galego por ela: un de Raymond Carver, outro de John Ashberry e para o remate escolleu un de Edmond Jabès que adaptou coma se fora unha conversa no IM e para o que requeríu a colaboración de Pawley.

Non quedei a tomar nada e marchei correndo á casa, onde quedara a señora Colombo ben abrigadiña. Ainda que si parei cinco minutiños para xogar con Darío, o fillo do Goretoxo que estaba debuxando medio enfurruñado porque quería ir para casa e non estar nunha movida cultureta (é un rapaz con criterio, non coma nós :D)

Polo xeito no que se alegrou cando empecei a sacarlle fotos este rapaz vai para artista.

Non teman por min. A miña mente non está ainda estragada de todo pola poesía e xa saben que o venres 18 terei sesión de recuperación pop no 14!.

E por certo, hoxe falei con Xabier (involuntario protagonista da desafortunada nova da fin de semana) para confirmar a festa e prometin levar unha chea de xente con gaña de bo rollo e diversión así que non fagades caso ós TAB e vinde todos que o pasaremos de coña, mais deixade a navalla na casa.

Queda xa un día menos!!!

Chuzame! chúzame -