Emocionante.

Coido que este é o termo que mellor define moitas das sensacións de onte no Palexco.

Comezando ca presentación de Xurxo Souto, co seu estilo de sempre (calquera que o escoitara falar xa sabe coma é) que servíu para meter a xente en situación. Ainda que non era moi preciso. Así como saíu Pablo Díaz a xente conectou e seguiu moi forte ca intensidade de Chámalle Xis. Podedes ver un anaco da súa actuación, cortesía de Martin Pawley.

Non vou relacionar o resto dos que actuaron, porque podedes atopalos todos con anacos de video na crónica que fixo Pawley. É un interesante exercicio comparar as gravacións que subíu Pawley coas que enviaran ao concurso e podedes atopar na páxina de A Coruña Son. Así poderedes ver a pegada do traballo feito con Santiago Auseron.

Moitos deles non eran novatos ante o público e notábaselles ben, pero comezaba dicindo que o concerto foi emocionante e non falo en sentido figurado. A boa relación entre os participantes do obradoiro, entre eles mais tamén coa organización e os músicos que lles acompañaban no concerto trasmitíase cara o público.

O tema do que non subíu imaxes Pawley foi o que interpretou Juan Perro que para esta ocasión traduciu ao galego la misteriosa. Eu lembrei nese momento a canción que Pimpinela gravara por encarga (non sei se lembro ben que de Perez Varela) cun retrouso en galego. Os dous conceptos están tan alonxados coma o día e a noite.

Despois do concerto houbo un momento pinchos, (demostrando que A Coruña Son foi en realidade un evento cultureta :lol: ) e estiven falando un breve momento con Santiago Auserón. A sensación que saquei foi que realmente disfrutou da semana de traballo na Coruña e daba unha impresión de sinceridade cando falaba do gran presente (e futuro) da música galega.

Confesar para rematar que quedei engaiolado de Santiago Auserón, tiven a mesma sensación que outras veces que atopara persoas que son brillantes no seu campo e ao tempo cheos de carisma. Por se iso non abondara, lembrábase de min do mércores e mesmo chamoume Ghanito! Que mais podía pedir para acabar de seducirme? :)

Se queredes ver mais do concerto, probablemente a semana que ven estea xa subido na páxina de A Coruña Son o video do concerto e das sesións de tarde do obradoiro.

Parabéns ao Concello polo seu acerto coa iniciativa e agardo que poida consolidarse coa celebración de sucesivas edicións.

Para rematar unha pequena nota negativa persoal: a cámara non quedara sen batería, estaba estropeada :( . A miña única foto da noite fíxoa Alfredo e saio xunto a Santiago Auserón, ainda non a teño así que non vou precisar apagar a miña cara porque non vai ser publicada :P

Chuzame! chúzame -