Cando escribín o texto para o proxecto identidade falei das multiples caras da miña persoalidade. Non porque eu sexa especial niso, ó contrario, son tan especial coma todos.

Desde o venres unha nova cara, e unha das importantes, engadiuse á miña vida.

Levo catro días cambiando cueiros, vestindo a nena, bañándoa, collendoa no colo, bicándoa… todas esas cousas que fan os pais. O de coidar da señora colombo non foi novidade, que xa levaba facéndoo por todo o tempo que durou a súa gravidez, porén agora estou con ela todo o día e teño mais oportunidade de facelo.

Iso non fai que deixe de ser blogueiro, só baixa un grao mais nas miñas prioridades. Para que vos fagades unha idea, teño a nena no colo espertando para que a señora colombo poida darlle de comer e escribo coa outra man. Tardo mais, claro, nomeadamente porque teño que parar a cada pouco e bicala na cabeciña, de tan rica que está.

Onde quería chegar con esta nova sesión de babexo paterno era á ilusión que me fixeron as ducias de comentarios, correos, conversas no gmail, sms, algunha chamada telefónica que me chegaron dos meus amigos, dos de sempre e dos do blogomillo, tamén de xente coa que nunca falara ou que non coñecía. Mesmo chegou algunha proposta matrimonial (Pereiro, a familia pasa o visto bó, agora a ver se o teu rapaz válelle á moruncha ;) )

A todos, moitas grazas, contribuíchedes co voso pequeno gran de area a unha experiencia que está sendo perfecta.

E para non defraudar á xente que agardaba que este blogue mudara nunha crónica infantil, e xa que a moruncha non vai ter blogue de seu…

A nena está sendo boísima. Só tivemos unha mala noite, que foi a segunda. Chora moi pouquiño (e que dure…) sempre con causas xustificadas, entre elas: xa lle puxemos pendentes, unha vacuna e fixéronlle a ‘proba do talón’. Ás 36 horas marchamos para casa (dos abós de Ourense) e hoxe estivo no pediatra. Única ‘queixa’: á nena custa espertala para manter unha regularidade nas tomas. De noite agradécese, porén o pediatra insistíu en non espacialas mais de catro horas :P

Esquecíame contar que moru xa ten a súa conta no gmail e de usuaria en Chuza! Mesmo antes de inscribila no rexistro Civil! :lol:

Deixo unha imaxe da proba de audición da nena (correcta) e marcho babexar con ela a outra parte.

audicion.jpg

Chuzame! A Facebook A Twitter

Vou tentar ser obxectivo, así que terei que dicir que a nosa filla é a nena mais bonita do mundo.

Supoño que algúns tentaredes poñelo en dúbida cando diga ademais que é cuspidiña ao seu pai.

O de que se asemella a min non o tedes que crer, só tedes que ver esta foto.

semellanzas.jpg

Para o de dicir que é a mais lista do mundo ainda non teño probas e teríades que fiarvos da miña palabra , así que polo de agora agardaremos a poder demostralo.

O parto foi longo, comezou ás 11 da mañá e rematou ás dez e media pasadas, así que a señora colombo estivo resistindo coma unha valente todo o día. Afortunadamente, a anestesia epidural, un avance nunca recoñecido cando se fai unha listaxe dos mellor inventos da Historia, salvouna da pior parte. Porén as primeiras catro horas foron de dores crecentes. Eu daquela estaba traballando, e para cando cheguei xa lle puxeran a epidural, só na cara de fatiga podía verse ainda o que pasara. Ainda quedaban por diante outras sete horas mais. Despois dunha gravidez complicada, con neumonía e ameaza de parto hai tres meses (que lle impediu recibir a formación para o parto) empuxou durante mais de catro horas coma unha campiona con cada contracción para evitar a cesarea.

Nesas horas tiven ocasión de decatarme que a moruncha naceu no mellor lugar posible. O persoal do Crsital-Piñor, nomeadamente as súas matronas, son incribeis. E o caso de Isabel é fora de serie. Lembrade isto que vos digo o próximo día que pensedes que os funcionarios son uns lacazáns. A profesionalidade, tenrura e agarimo foron excepcionais.

E o mellor momento, claro, foi o do nacemento. A señora Colombo non quería que estivera dentro porque tiña medo que eu caira ó chan, porén eu insistira. Ao final impuxose o seu criterio porque a complicación do parto así o aconsellaba. Poñerse sobre o seu bandullo empuxando con xente ao redor é mais complicado.

Con todo, entrei cando a nena acababa de nacer e xusto puxéranlla a señora colombo no peito. Foi tan emocionante que enchéronseme os ollos de bágoas (mesmo estou emocionandome agora ao lembralo). Collín a nena nese intre e foi o mellor do mundo. Púxenlle os seus primeiros cueiros e vestina.

E non hai mais que contar.

Vale, queredes unha foto para verlle a cara, non si?

Pois sen que sirva de precedente, aquí a tedes.

Supoño que o de hoxe non foi o que mellor escribín no blogue, porén abofé que foi o mellor que me pasou.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Hoxe, derradeiro serán na Coruña antes de marchar para Ourense para agardar polo nacemento da moruncha, estiven na charla que mantiveron na FNAC Pawley e José Manuel Sande. Despois das interesantes reflexións sobre o cine africano (que descoñezo completamente, claro) merquei o libro de Ousmane Sembène O xiro postal editado por Rinoceronte (ben que tardei en mercarlle o primeiro libro a esta xente).

Mañá traballarei á mañá e despois irei para Ourense e comerei xa aló.

Cando poida contarei que tal foi todo, agora estou moi impaciente e cada día mais nervioso.

Todo vai cambiar.

Moito.

:)

(este do sorriso son eu)

Chuzame! A Facebook A Twitter

Confirmame a nova a mesma fonte que me dera o rumor (e ademais agora sei de onde o sacara :lol: )

O vindeiro 13 de xuño publícase a edición de Maus en galego.

IM-PRES-CIN-DÍ-BEL

A espera, desta volta, deu os seus froitos. :)

A editora é a mallorquina Inrevés e a traducción está feita por Diego García. Para os que estiveran en algunha das conferencias de viñetas, é o interprete que ten mais coña  ;-)

Ide xuntando os 25€ e reservadeo xa na vosa tenda favorita (e se ademais mercades nunha pequena tenda de BD e non nunha grande area ainda mellor!)

Chuzame! A Facebook A Twitter

O sábado comecei en Ourense ca lectura de apocalipse zombie, a novela de zombies do Manuel Loureiro.

Non a lin en papel, senon que a seguín coma foi criada, no seu blogue. A experiencia é mais que recomendabel, lese coma un folletín, cunha chea de cliffhangers ao final de moitas das entradas. Ademais a estructura do livejournal, que deixa entradas valeiras cando un día non se escribe nada permite recrear o ritmo da súa publicación orixinal sen ter que sufrir as insufribeis esperas de varios días.

A acción transcorre como din os de Dolmen nunha cidade española de provincias, pero non nunha calquera, a historia comeza nos arredores de Pontevedra e moita da acción ten lugar en Vigo.

O sábado estiven case todo o día lendo e, buscando no google algunha vella tasca en Vigo chamada a cepa vella, atopei este arquivo en PDF.

O domingo á mañá rematei as últimas 44 páxinas xa no PDF, e penso que o vou mercar para que o lea a señora Colombo, porque semella que esta interesada e gustoume abondo como para que mereza mercala.

Cando cheguei á casa o domingo á tarde púxenme ver Life on Mars, serie que tiña pendente, e entre onte e hoxe á tarde vin case enteiros os 8 episodios da primeira tempada. Aviso para televidentes a versión traducida ao castelán que emitiron os amigos de antena 3 está recortada segundo din aquí. Afortunadamente eu estaba vendo a versión orixinal leguendada, porque acabo de enterarme disto hai un minuto. A serie paga a pena ainda que só fora pola música e toda a ambientación de comezos dos setenta, grandisimo ano o 73, que boa colleita ;-)

lifeonmars.jpg

Estas sobredoses de cultura pop teñen algún sentido?

Pois si, porque se non acabara de ver todas estas cousas igual calquera día teño que aprazalas unha semana. Disque esta semana hai moi, moi, moi grandes probabilidades de que naza a moruncha. Así que calquera día teño que sair disparado de Carballo a Ourense

Se houbera novidades teríavos informados.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Falou o Tribunal Constitucional sobre a lei de violencia de xénero. Non vou entrar en tecnicismos porque excede dos meus coñecementos e pretensións discutir xurídicamente aquí co TC, porén direi que non concordo coa súa decisión.

Os textos polémicos refírense a que se un home pégalle (ou ameaza, ou maltrata sicolóxicamente, etc.) á súa parella ou ex parella e esta é unha muller merece mais castigo que se a vítima é un home.

Non é que estea a favor da violencia machista, nada mais lonxe da miña intención. A miña discrepancia vai mais pola liña das ferramentas para evitala e das consecuencias de empregar ferramentas pouco axeitadas.

Cando a sociedade ten un problema os políticos son os elexidos por todos os demais para resolvelo. O xeito mais aparente, rápido e barato de facer algo é lexislar. Un dos candidatos mais habituais para recibir esas ‘atencións’ é o Dereito Penal. O perigoso é que o Dereito Penal é unha das partes da lexislación mais cercanas á Constitución, porque limita os Dereitos Fundamentais. E ademais, a solución desde o meu punto de vista non está nas Leis, está no que despois se faga con elas. Por iso paréceme un erro a nova redacción que se fixo do Código Penal.

Non podo aceptar coma argumento que o 90% da violencia familiar a cometan homes contra mulleres. Non vamos xulgar cada caso por separado? Non vamos estudar cada realidade independentemente da persoa que cometera o acto típico, antixurídico, culpábel e puníbel?

Non estaremos colocándonos ao mesmo nível do que o home que puxo un cartaz proibindo a entrada a rumanos na súa tenda? descoñezo o seu caso, e ademais estatísticamente os inmigrantes non cometen a maior parte delitos, pero non estaríamos xustificando a súa actitude se aceptamos o argumento estatístico?

Eu non o acepto.

Paréceme ben regular esta realidade para darlle armas a xuices e corpos de seguridade na defensa das mulleres, porén o texto debería castigar igualmente a violencia dentro dunha parella de homosexuais, de lesbianas ou o hipotético caso de que unha muller fora a que exercera a violencia sobre o seu home. Se iso non vai suceder nunca, que mal hai en que estea previsto? Seica non sería un feito igualmente rexeitable? O meu problema non é o que castiga a lei, senon que sexa demasiado curta e non castigue outros feitos porque non os considere frecuentes ou mesmo posibeis.

E non vexo en que podería perxudicar facer unha lei xeral e que fora mais obxectiva. Porque subxectivo ven de suxeito e canto menos subxectivas sexan as leis penais muito mellor.

Fíxome dubidar sobre escribir isto quen está a favor e quen está en contra, porén até o momento no que lea a resolución (que non dou atopado na rede) alguén tería que convencerme do contrario con argumentos que non foran ‘ad hominem

Para rematar, hai xa un tempo que as polémicas polícas que arrodean ás altas instancias xudiciais fanme lembrar a Alan Moore e Dave Gibbons.

who watches the watchmen

Chuzame! A Facebook A Twitter