Engadido post scriptum

Despois de todos os engadidos que fixen falando da lei e a poesía ainda hei de facer un engadido mais, despois de todo o escrito. Mais neste caso non serei eu o que fale, senon o chuceiro postscriptum, que tivo o bo detalle de chegar a conclusións diversas das miñas aproveitando que sabe mais ca min do que fala (non coma min que son un falabarato algo ousado) e que se informou mais do que me informara eu antes de falar.

Reproduzo os comentarios que deixou na miña entrada anterior:

Evidentemente, as instâncias administrativas ou judiciais pouco tenhem a dizer sobre os valores poéticos dum texto, onde reina a “discrecionalidade técnica” do júri literário. Cousa diferente som os “elementos regulados” do procedimento ao qual livremente se submetem os aspirantes. Aqui começamos a falar de direito. De poesia prometo que nom direi nem mu. 😀

Respeito aos aspectos jurídicos, para entender este caso o decisivo é o elemento do anonimato. Leio por aí que se lhe está a dar voltas ao conceito de obra na LPI ou às normas técnicas ISO que regulam a ediçom (ISBN e ISSN), mas parece-me umha abordagem errada do problema.

O requisito do anonimato, que vinha exigido nas “bases” ao requirir a apresentaçom da obra “baixo plica”, aparece quebrado neste caso pola apariçom prévia dos poemas (ou de boa parte deles, com mínimas variaçons)num blog de acesso público assinado por Eduardo Estévez. Nom acho necessario entrar em debates bizantinos sobre o que seja um blog em termos editoriais. O evidente é que esse blog permitia a leitura dos poemas e a atribuiçom  da sua autoria a Eduardo Estévez, o que é um elemento diferenciador a respeito dos outros aspirantes, incompatível com um procedimento de natureza competitiva baseado no anonimato (v.gr. as provas escritas dumha oposiçom).

Até aqui concordo com a decisom do júri. O que nom me pareceu acertada foi a proclamaçom de Xavier Lama como vencedor do prémio, porque os méritos poéticos da sua obra nom “melhoram” por causa dos erros ou vícios procedimentais de Estévez. Acho que a soluçom correcta (em termos jurídicos, insisto) seria declarar deserto o primeiro prémio.  Ceteris paribus.

Esquecia-me dizer antes que a análise jurídica do caso exige assumir que os poetas se regem polas mesmas normas que o resto dos mortais. A opiniom contrária tem advogados defensores tam ilustres como Cícero, no seu célebre discurso forense Pro Archia Poeta, tam traduzido nas aulas de latim.

😉

Certamente, de poesía non dixo nen mú, non vaia ser que alguén pense que é unha vaca.


8 Responses to “Engadido post scriptum”

  1. Mario Says:

    O problema que vexo neste razonamento é que existe o costume, dende hai décadas, de diferenciar entre obra editada e partes da obra feitas públicas, sen que se considere que estas últimas invalidan o total para un premio que esixa plica (non vamos entrar en se plica é un equivalente absoluto de anonimato).

    É dicir, que o mesmo caso de Eduardo que en vez de nun blogue teña os poemas espallados en tres ou catro revistas e un par de recitais non tería o menor problema en resultar gañador. Así o veñen decidindo os xurados do noso contorno cultural (este país e os dos lados) dende hai un montón de tempo. Por tanto, o problema vai máis alá dese “facer público” do que se fala, xa que nunca foi un motivo que anulase un premio aínda que puña ese “anonimato” tan en xogo ou máis que neste caso.

    Concretamente do González Garcés cóntase un caso no que o gañador recitara meses atrás varios poemas da obra en público e fronte a persoas que despois acabarían no xurado e que, obviamente, puideron recoñecelo.

    Así que non se trata de que os poetas se rixan por outras leis, senón de que:

    a) as bases dos premios non están feitas dende unha perspectiva legal nen coa participación de persoas con coñecementos xurídicos. De xurdir un caso problemático pódense equiparar a un contrato (como apunta Marcos Calveiro), pero iso non quere dicir que sexan un contrato nen que esa comparación resolva todos os problemas. Por exemplo, en todas as bases aparece a cláusula de que calquera incidencia non contemplada nelas será resolta polo xurado, algo inequitativo e impensábel nun contrato privado clásico.

    b) o máis lóxico debería ser interpretar os feitos conforme ao costume estabelecido neste tipo de premios. Nese sentido o debate céntrase na novidosa presenza dun blogue. Un blogue está máis próximo a un libro editado ou a unha publicación de revista/recital público? Non é unha resposta doada, pero o que parece claro é que, segundo todos os informes, non pode ser equiparado en ningún caso a un libro editado, polo que se cumpriría o requisito esixido polas bases. Outra cousa é que o ano que vén as bases muden neste ponto e proiban a difusión na rede de anacos da obra, dun xeito absoluto ou fixando unha porcentaxe mínima. O caso é que as bases deste ano non din nada ao respecto.

    Por outra banda existen infinidade de medios de “romper o anonimato” neste tipo de premios. Dende o inevitábel recoñecemento polo estilo, até empregar un eu poético co mesmo nome que o autor, ou abusar das adicatorias, revelando o círculo de persoas nas que o autor se move. Todos estes casos están á orde do día, e non sería o primeiro membro dun xurado que descobre un poema adicado a si propio nun premio. Na maior parte dos casos esas obras non son excluídas do concurso, e se o son non é máis que pola decisión individual dos membros do xurado. Tamén non se fixo nada por facer bases que corrixisen estes feitos. Dalgún xeito confiouse sempre na integridade dos xurados, que por algo son secretos e múltiples. E aínda que seguramente houbo e haberá trampas e intereses, a opinión xeral que teño deles e a valoración da miña experiencia como parte é que son os menos dos casos.

  2. post scriptum Says:

    Olá, Mario!

    Acudir ao costume praeter legem (a tradiçom dos prémios literários) para resolver estas questons, e nom à hermenéutica jurídica, tem um problema gordo, ao menos no caso do González Garcés. Estamos a falar de dinheiro público, esse que Fazenda desconta das nossas nóminas. Na parte puramente literária, é claro que o júri só deve avaliar méritos poéticos. Mas quando o problema é de interpretaçom das bases, temos que acudir ao raciocíno jurídico, basicamente porque a Administraçom nom pode ser arbitrária e está vinculada à legalidade (art. 9.3 da Constituiçom), nom aos costumes dos poetas.

    Nom lim o relatório jurídico da Deputaçom, mas imagino que gravita sobre a eventual ruptura do anonimato, nom sobre os conceitos édito/inédito. Quero dizer, nom se trata de que Estévez infringisse a “base” que exige apresentar umha “obra inédita” por tê-la divulgado publicamente num blog (nem sequer se trataria exactamente dos mesmos textos). O vulnerado seria a exigência de anonimato, decorrente da “base” que exige que as obras sejam apresentadas “baixo plica”. Nom vou entrar nas amplas possibilidades que dizes que existem para “romper o anonimato”, porque é um pouco ruborizante.

    Por último, que as “bases” dos prémios literários nom sejam normalmente um exemplo de técnica jurídica nom significa que nom sejam textos jurídicos. Quando a convocante é umha Administraçom pública, nom creio que sejam assimiláveis a um contrato privado, senom às normas dum processo selectivo (lex concursus, di a jurisprudência), de jeito que os aspirantes se sujeitam ao critério literário do júri nos aspectos poéticos e, eventualmente, ao critério dos juizes na interpretaçom das “bases”, ainda que nom parece que isto vaia chegar aos tribunais. 🙂

    Em resumo, e desculpa-me por ser tam prosaico, nom se trata de que os advogados invadamos a República das Letras. Umha vez que os literatos aceitam tomar parte em certames onde se reparte dinheiro do Reino dos Mortais, entram a pé feito no nosso território. 😀

  3. Odemo Says:

    Pois a mim o que me parece poesia som os textos de Post…. XD

  4. Mario Says:

    Olá Post Scriptum, e obrigado por responderes. Vexo que imos ter que acabar facendo un congreso sobre poesía xurídica 😉

    Por máis que o argumento dos “cartos públicos” ten un peso innegábel, o certo é que non avala o suficiente a equiparación cun concurso administrativo, oposicións ou cousa semellante. Dis que un certame literario non é un contrato privado, cousa coa que tamén concordo, pero que evidencia que nos movemos nun formato que roza o baleiro legal, e que debe recurrir ás semellanzas cos existentes para resolverse legalmente. Para min a cousa, sen selo, parécese máis a un contrato que a un concurso público, e en calquera caso non creo que o costume de interpretación das súas propias normas sexa algo tan alegremente desbotábel. Probabelmente a introdución doutros paralelismos semellantes sexa igual de problemática, pero tamén deberamos pensar nas arbitraxes, ou se cadra na peculiar práctica da xustiza deportiva, onde un equipo non pode impugnar un partido ante a xustiza ordinaria, aínda que poida demostrar obxectivamente que o gol llo meteron en fóra de xogo.

    Con isto pretendo dicir que a cousa non está clara en absoluto, e creo que non vou ser o único en laiarse de que o pleito non continúe no legal e de non contar con máis información para o debate, aínda que por outra banda non vou negar que tamén me alegra que os avogados saian da República das Letras de volta para a República das Leis (que no Reino dos Mortais seguimos a vivir tod@s, polo menos mentres haxa rei). Por certo, estou a un tris de que me dean a dupla nacionalidade :-).

  5. post scriptum Says:

    O do “vazio legal” é um mito, o direito tem horror vacui. 🙂 Deixo-vos aqui umha sentença do Tribunal Supremo num caso antigo (1986), mas quase idéntico a este:

    http://www.megaupload.com/es/?d=CFE99PL2

    Vamos, que nom é nada insólito.

    P.S.: Mário, um prazer falar contigo. Fomos apresentados um dia polo Sr. Carlos Figueiras, mas nom sei se te darás conta.

  6. Mario Says:

    Obrigado polo documento. A verdade é que despois de lelo penso que se cadra si primaría a comparación cun concurso administrativo, sen que por iso deixase de haber posibilidade de presentar outra posíbel interpretación. En ocasións o dereito regula por sobre á realidade, ou cun coñecemento deficiente da mesma, e creo que este sería un dos casos nos que non se achegaría a unha solución xusta.

    E por certo, menos mal que ese premio da Coruña ficou deserto. Non se se será a distancia temporal, pero parecía un chisco carca.

    Por certo, non caio en quen es, e ademais está o problema coxuntural de que se estabamos co Figueiras nada bo debiamos andar a facer ;). Se che cadra verme por aí non dubides en revelar a túa identidade. O pracer é meu, que non é moi doado debatir na rede con xente que sabe da cousa e ten posturas fundamentadas. 🙂

  7. paideleo Says:

    Graciñas polos parabéns !.

  8. ghanito Says:

    Mario, se post non ten inconvinte mandareite algunha foto na que apareza el para que te decates de quen é.