Que boa idea tiveron as xentes dos Museos científicos da Coruña! Está mal que o diga alguén que ten un blogue, porén non vou deixar de dicilo, os blogueiros cando teñen oportunidade preguntan moito e as veces, mesmo o fan ben.
Teño a sensación (hai xa tempo) de que aos xornalistas que van cubrir os eventos, en ocasións non lles da chegado a hora de marchar. E entendo perfectamente a súa sensación, pásame o mesmo moitas veces no meu traballo.
Pode que os blogueiros ás veces, cando redactemos as nosas crónicas ou os nosos comentarios amosemos as nosas eivas de formación ou de estilo (ou as dúas cousas, vale) porén, cando imos a un sitio é porque nos presta e dame que ese interese trasmítese nas preguntas.

Por iso onte pareceume un día estupendo. Deixando á marxe o tema que alí nos levara, a breve rolda de preguntas foi interesante e con temática moi diversa.

Pero comecemos coma é debido...

Cheguei con tempo abondo para aparcar tranquilo, ainda que coa intensidade de bañar á moruncha antes de sair da casa, esqueceume a invitación. Afortunadamente non a esixiron para entrar. A señora colombo sacrificouse no meu favor, porque a nena está con catarro e non podíamos deixala coa súa tía que recén saía de traballar. Rosmona coma estaba onte non era para deixala na casa de ninguén.

Alí atopei nada mais chegar algún dos blogueiros que coñecera nas xuntanzas corublogueiras e cos que teño menos trato: Lord Max, a súa moza (a executiva agresiva que vexo que deixou o seu blogue), lamastelle, e outra xente que non coñezo ou non recoñecín. Ó pouco foron chegando dorfun, Manolo Gago e Sole, que viñan con Xabier, NeKRoMaNT e Meig e Besbe e Juanjo. Pawley chegou cando xa estabamos na sala, se fora no CGAI igual non entraba :D.

Cando entramos deunos a benvida Xosé Antón Fraga que falou do redeseño da páxina dos museos cientícos coruñeses e da inauguración da sala de cine 3D que nos convidaban a desfrutar.

Introduciu a Enrique Criado de Enxebre entertainment, a empresa que acondicionou a sala para a proxección de filmes en 3D e que adaptou tamén a fita que fomos ver onte (producida orixinariamente para o seu visionado en salas Imax). Enrique deu unha pequena charla explicando coma funciona o cine 3D e falando da súa historia e da actual expansión desta tecnoloxía apoiada pola industria de Hollywood que busca novas receitas para atraer ós espectadores ó cinema (disque unha sala que proxecta en 3D obtén o dobre de rendemento económico). Arestora hai 22 salas en España preparadas para proxectar cinema 3D.

Despois proxectaron unha curta producida por Enxebre Entertainment, bonita e divertida, antes de Dinosauros, xigantes da Patagonia.

O documental, cunha imaxes moi bonitas e que paga a pena ver (nomeadamente polo prezo de 1€ que ten a entrada) fíxoseme algo lento no seu ritmo e a consecuencia disto, algo longo. Se cadra, debeuse a que levábamos xa un bo anaco antes da proxección alí sentados coa charla e todo iso.
Con todo, xa vos digo que paga a pena botarlle unha ollada porque as imaxes son espectaculares. E non sabía eu nin da metade dos dinosaurios que saen.

Tras do documental comezaron as preguntas a cargo dos blogueiros.

Houbo cuestións para todos os gustos e aclaráronse mais temas técnicos e mesmo algún ecónomico, se cadra para animarse a montar outra sala ;-) , ainda que dame que non imos ter mais salas coma esta en Galicia nun prazo breve.

Por certo, se tedes interese en U2 (non sei se Andrés Milleiro está a ler isto) dentro de pouco van estrear en Madrid un concerto de U2 gravado en 3D.

E para rematar, coma todo evento cultureta con nível (refírese o nível económico do organizador básicamente) houbo uns pinchos coa Coruña de fondo, xusto o que non sae na foto, nin os pinchos nin a cidade.

Eu tiven mais ollos para o viño e os pinchos que para a cidade, ainda que o que mais me prestou non foi o que comín e bebín, foi a compaña e a conversa. E non o digo por dicir, mestureime pouco, mais a cantidade supliuna a calidade. Falei con Magago, co que coincidira hai pouco en Carballo, e Sole a que só coñecía de oídas e polas súas fermosas fotos tamén con Xabier, besbe e Juanjo.

Despois, ó remate achegueime á xente de galinus porque crin recoñecer a Artur, pero non tal, debe asemellarse a algunha outra persoa. Con tal motivo coñecino a el, a Marga, a Javier e a Rodrigo, moi simpaticos todos ainda que o breve do encontro deixou as conversas a medias.

Coma sempre, marchei encantado da boa conversa ao vivo coas xentes da rede. Mensaxe para a señora concelleira de cultura que andaba por aló e para a xente dos museos científicos:

Encantado coa súa iniciativa de convidarnos ós blogueiros, xa viron que hai xente con gañas de ir cando os chaman. Repitan a iniciativa sempre que queiran. Mesmo se teñen que suprimir os pinchos pola crise eu irei encantado (se non suprimen os pinchos mais encantado ainda, claro) Quedei coas gañas de coñecer á xente de outros blogues, para a próxima tentarei mesturarme mais coa xente.

Outras visións que atopei por aí do evento:

unha, dúas, tres, catro, cinco, seis, sete, oito, nove, dez, once, e haberá mais, supoño.

Chuzame! chúzame -