Onte fun ó Forum Metropolitano para ver o concerto presentación do disco A Coruña Son 08 e quedei cunha sensación rara.

Ainda que a maior parte dos artistas teñen moitas posibilidades, onte semellaba que non tiñan o día. Non sendo Pablo Díaz que estivo moi ben e Mr. Carácter que dan a sensación de levar moito tempo tocando xuntos, o resto defraudáronme en parte. Ben porque agardaba mais deles despois de velos hai uns meses ou porque non son moi partidario do seu estilo e malamente poderían satisfacerme.
Mesmo Toñito de Poi, (que tivo a axuda por sorpresa da presentación de Roberto Vilar, a.k.a. Tonecho) estivo moi ben mais non tanto coma outras veces.

E non me parecu que os arranxos das cancións de Iria Pinheiro foran os que mellor lle acaían ó tema cabareteiro (é unha opinión persoal, igual que preferila de morena e non de loira).

Na miña opinión, un posible motivo do ‘semifallo’ do concerto estivo na escaseza do público.
Eu nunca programaría un evento coma ese nun día coma onte. Non pola impredecibel (con semanas de adianto alomenos) choiva senon polo feito de que fora un mércores de xaneiro. Nada ten que ver un mércores en xullo ou agosto cun de xaneiro. E ademais teño tamén a sensación de que non se publicitou da forma axeitada. É cousa miña que saio pouco da casa ou non fixeron carteis do concerto? (prégase confirmación ou rexeite, que diría o outro).

Con todo o que poida parecer que non desfrutei do concerto, nada mais lonxe. Foi unha noite estupenda de música ainda que o ambiente fora algo frio pola escaseza de público. Só lamento que non o puidera desfrutar mais xente. Tomarán nota para vindeiras ocasións? É mágoa montar actividades e convocatorias de interese e despois facer que se agochen no medio de ningures. Lémbrame esa mestura que teñen na TVG de mercar cousas con certo interese e programalas á unha da mañá entre semana. Non sería posible, neste caso, facer coincidir o concerto de presentación do disco co obradoiro do ano seguinte e así aproveitar o rebumbio mediatico criado polo obradoiro (e a presencia de Santiago Auserón co seu evidente poder de convocatoria)? Supoño que abrir o primeiro día co concerto dos músicos dun ano e pechalo co concerto dos do ano seguinte podía ser a maneira de aproveitar esforzo loxístico e mediático, co aumento de público nos dous eventos.

Co tema das fotos, igual que pasou no anterior concerto de ACS tiven problemas coa cámara. Afortunadamente desta volta só foi que leveina coa batería case esgotada, así que tiven que sacar moi poucas fotos e case sen ter tempo de encadrar e enfocar por medo a quedar sen batería. Chegou xusta para sacar unha ou dúas fotos a todos. Tedes o resto no meu flickr se vos interesa.

E por certo, ainda está aberta a inscripción para este ano

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non coñezo ninguén que lea o xornal enteiro da primeira folla á última. O mais normal é saltar follas enteiras. E ademais, das follas que lemos tamén é normal ler só os cabezallos das novas e entrar no corpo cando semella interesante.
Descoñezo estudos sobre o tema, mais intutitivamente supoño que quedamos case sempre coa idea titulo ainda que despois leamos o resto da nova.

Despois desta pequena reflexión vexamos por partes a nova que hoxe atopei en papel en La Voz de Galicia e que podedes ler enteira acó.

Eu lin este titular e pensei que esa opinión era o resultado maioritario na enquisa e por iso era destacado. Lendo a nova atopamos efectivamente o dato de que esa forma de goberno de minoría maioritaria con apoios puntuais…

Moitos dos lectores quedarían aí e pasarían páxina buscando outras novas mais interesantes que unha enquisa electoral. Eu non, porque a min atraeme a política, as enquisas, os datos e os gráficos. Todo xunto é xa motivo de festa. Na gráfica vin algo que tiña que estar errado, así que lin con detemento o texto da nova e atopei isto:

Non sei se vos concordades comigo, porén acho que o titular mais axeitado e neutral sería un que destacara o dato mais relevante da enquisa, e non o que mais lle interesaba ao redactor. Para min o mais aséptico sería un titular coma o seguinte.

Naturalmente, tanto un titular coma o outro son certos. Por desgraza non reproducen o gráfico na edición on-line, porque alí poderíamos atopar vinte ou trinta titulares alternativos.

O que non entendo moi ben, é este parágrafo:

Debimos ler diferentes enquisas, porque eu non vexo que prefiran un goberno monocolor en minoría. Tampouco diría que prefiran a coalición. Eu falaría de empate, e mais ainda nunha enquisa co seu natural marxe de erro.

A que xogamos, a informar ou a inventar? Afortunadamente, o día 1 de marzo non haberá marxe de erro e seremos nós os que decidamos se La Voz foi profética ou só cometeu un erro inocente sen importancia.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Ulises quería retornar ó seu fogar en Itaca. A señora Colombo e mais eu queríamos chegar a Atenas. Temendo pola situación das estradas, xa hai uns días a señora Colombo propuxo ir en tren lembrando a nosa última viaxe a Ourense, na que atopáramos neve.

Neste punto farei un parentese para dicir que a miña relación co tren é coma a que teño coa educación relixiosa: a pesar das malas experiencias polas que pasei na xuventude, téñolle saudade, non sei se é só cousa da idade ou polas boas lembranzas que tamén gardo.

Nos meus primeiros anos de universitario ía de Vigo a Ourense en tren. Non era xa aquel tren dos tempos de Franco que contan que tiña asentos de madeira e que cantara Andrés do Barro pola beira do Miño, as diferenzas eran moitas: os asentos xa non eran de madeira,…

Iso, que os asentos xa non eran de madeira, bastante diferenza era xa, non si?

Debedes ter en conta que daquela non había autovía, polo que as dúas horas e media en tren seguindo o percorrido do Miño case até a fronteira portuguesa subindo despois a Redondela para achegarse a Vigo coma se fora unha serpe (traxecto que non cambiou desde que o tren chegou a estas terras), a competencia dicía, era unha estrada que dificilmente levaba a Ourense en menos de dúas horas.

Non todo era malo, claro, dúas horas e media se a compaña e boa dan para moitas conversas interesantes, foi así coma tiven unha conversa cunha misioneira da Igrexa de Xesucristo dos Santos dos derradeiros días. Por isto é que non teño tan mal recordo do tren, ainda que así que puiden empecei a viaxar a Ourense en coche vivindo en primeira persoa a progresiva construcción da autovía A-52.

Onte a cousa xa comezou mal para mercar os billetes. Disque había unha folga de venda anticipada e a señora Colombo tivo que agardar corenta minutos para que lle venderan os billetes. Naquela altura non nos decatamos, pero foi xa un mal sinal.

Empezamos a viaxe moi contentos os dous vendo un filme no portatil até que pasamos por Compostela. Entón o tren encheuse de estudantes e iniciábase realmente a nosa odisea.

Comezou a haber un pequeno retraso do que nós non decatábamos moito porque coma xa dixen estabamos pendentes da película e xa era noite polo que non se vía nada fora do tren.

De súpeto escoitouse un son forte, coma de un golpe. Eu no momento pensei que igual matáramos algún animal, agora supoño que sería algún ramallo non demasiado grande. Entón o tren detívose e cando reanudou a marcha fíxoo a menor velocidade que antes e só uns minutos até que se detivo de novo.

Non tardou moito até que alguén nalgures soprou nun micro que escoitamos polo altofalantes do tren e deseguido comezou a falar. O son era dunha calidade semellante á dos porteiros automáticos, se cadra pior. A voz, que amosaba moito menos costume de falar do que tería un piloto de avión, dixo que había unha arbore na vía e que teríamos que deternos un tempo.

Fora un erro, o cabo dun momento informou novamente, e desta volta foi para dicir que dabamos marcha atrás até a anterior estación. Os rapaces empezaron a comentar que a anterior estación era Santiago e que menuda perda de tempo montar no tren. En realidade a anterior estación era Bandeira.

Chegamos sen decatarnos, porque o temporal xa fixera caer o suministro eléctrico e non había iluminación. Foi despois duns minutos, cando saín á porta, que vin a estación no medio dunha total escuridade, alumeada só pola luz que saía das fiestras do tren.

A voz, despois dun tempo, informou que virían uns autobuses para levarnos. Eran mais ou menos as dez, hora prevista para a nosa chegada a Ourense. Para evitar ir pola estrada no noso coche estabamos a piques de ir por estrada ás once ou doce en autobús. Os nervios agromaban ós poucos entre a pasaxe. Ainda que non dixeron o que tardaría o bus, nese intre eu calculei que chegaríamos a Ourense entre as 12:45 e a 1, entre o que lle levaría ao bus chegar e levarnos a Ourense.

De súpeto todo o mundo comezou a coller as súas cousas (ainda que ninguén avisara de nada!) probabelmente alguén vira as vermellas luces de gálibo dos autobuses por enriba da estación.

Xusto cando saímos cara os autobuses chovía e ventaba con forza, contribuíndo ó pequeno desconcerto que se produciu ó dirixirnos nunha semi escuridade por un pequeno portelo do muro no lateral da estación.

Nós tivemos sorte de entrar no autobús axiña, dirixímonos cara á porta de diante porque vin que a de atrás estaba chea de xente. Algúns autobuses ían direitos a Ourense e outro pasaba por Lalín e Carballiño, as paradas intermedias do traxecto. Os que quedaron sen sitio nos buses directos tiveron a sorte de facer turismo no medio da treboada, non sei a que hora chegarían a Ourense. No momento comecei a pensar en filmes de catástrofes, identifiqueime coa xente que acada meterse nos botes cando o barco xa afunde, fora chovía de carallo e alí alomenos sabíamos que o bus ía direito a Ourense.

Arrincamos detrás do outro bus que se dirixía a Ourense por estradas secundarias, cheas de ramallos caidos acó e acolá e completamente a escuras. Non había luz nas casas á beira do noso camiño. O vento facía abanear o autobus, así que non pasábamos dos 40 ou 50 km/h. Nese momento lembrei as estradas de Dead Set ainda que mais ben debería terme lembrado de Apocalipsis Z que ocorre moito mais perto.
Cando, despois dun desvío por expodeza chegamos á autoestrada tampouco a velocidade aumentou moito, pode que a 60-70km/h.

O traxecto prometía ser longo, non agardamos que sucedera nada mais.

Entón no final do bus comezou a armarse un pequeno balbordo, cheiraba a queimado, cada vez mais. Nun momento o cheiro a plástico queimado chegou ás primeiras filas. O conductor fixo sinais coas luces ó outro autobús e paramos na beira da autoestrada. Acababa alí o traxecto para o bus e habería que agardar por outro? Teríamos que agardar á mañá alí metidos?

O conductor do outro autobús, de mais idade e experiencia, entrou no autobús e entre os dous decidiron que debía ser o freo electrico e non algunha correa. Non sei se chegaron a examinar o motor ou só foi polo cheiro, mais decidiron que afortunadamente podíamos seguir camiño. Que mais podía pasar? Os nervios entre os pasaxeiros facían que riran de calquera ocorrencia dos seus compañeiros.

Durante todo o traxecto en autobús a cobertura dos móbiles chegaba e marchaba, co conseguinte soniquete de mensaxes avisando de chamadas perdidas e de conversas entrecurtadas. As familias pode que o estiveran a pasar pior preocupadas na casa sen saber exactamente o que pasaba.

Era mais ou menos a unha da mañá cando chegamos os arredores de Ourense, todos avisamos da nosa pronta chegada para que nos foran recoller. Non fora sen tempo. Case cumplíramos os meus calculos, con parada polo camiño e todo.
Entón un coche deunos luces. Coidado. Algo pasaba. Despois de dar a curva atopamos as luces da Guardia Civil e outras que no comezo semellaban unha ambulancia. Era só protección civil, ninguén estaba mancado, con todo non podíamos seguir por aló porque un poste da luz caira e o cable a certa altura permitía pasar coches, mais non autobuses ou camións. Tiñamos que dar volta de novo. Eu voltei lembrar o motivo inicial de coller o tren vendo os coches seguir mentras nós dábamos volta.

Retrocedimos uns kilómetros e collimos o desvio por Cudeiro, para esta vez si, chegar a Ourense á 1 e media da mañá. Cando chegamos á Avenida de Santiago todos aplaudimos aliviados. Na estación de tren unha chea de coches agardaba por nós.

A nosa ‘Odisea’ rematou ben, mesmo foi un motivo de diversión relatar esta anécdota, porén escoito na Radio Galega está mañá que probablemente foi pior do que o Hortensia hai xa tantos anos (estaba eu ainda na EXB) con ventos superirores a 180km/h, e morreron tres persoas:
Un tripulante dun mercante, un Guardia Civil ó que lle caeu un eucalipto cando dirixía o tráfico e un home morto nun incendio na súa casa provocado por un curtocircuito (xunto con dúas vacas e un becerro segundo inclue na información a RG)

Colleunos o temporal en pleno camiño e vivimos unha noite inesquecibel, foi unha sorte que a moruncha non estivera con nós e que todos chegaramos ó noso destino ainda que fora con tres horas e media de retraso. Agora teremos que reclamarlle a RENFE o importe dos billetes e o domingo voltamos tamén en tren Á Coruña.

Xa contarei que tal foi todo. Desculpade pola extensión do relato de hoxe e por non poñer imaxes. E dicirlle a mourullo que tiña razón avisando antes de que partiramos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Levaba uns días, ou se cadra semanas, lembrándome de R e da súa antiga fiabilidade. O acceso á rede non deixaba de fallar e cada volta con mais frecuencia.

O sábado á noite chamei novamente e descubrín que o culpabel dos fallos non era a conexión, era o cable modem. Un motorola co que levaba xa case cinco anos.

A luz de online estaba acendida cada vez menos cando debía e foi bo que lle buscaran un sustituto. Agora o que están instalando é este outro.

Ainda que só fora pola estabilidade do propio aparello prefiro o novo modem, o outro non aguantaba de pe coas tensións que lle provocaba simplesmente ter os dous cables de entrada e saida conectados, co que remataba sempre en horizontal. Este ocupa menos e non se move coma o outro.

A verdade é que non podo queixarme do servizo, viñeron no primeiro día laboral á hora xusta que eu pedira (e non viñeron o domingo porque non quixen facerme cargo do custe do desprazamento).

Conste que o sábado descubrín que seguía pagando o mantemento avanzado coma un parvo desde a última vez que tivemos instalada a TV de pago de R por non sei que promoción que había daquela.

Polo de agora non terei que arrenegar de R.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Entre onte e antonte engadím coma contactos no Facebook a Touriño, Quintana e Núñez Feijoo. Mais que nada por curiosidade, para ver que tipo de actividade van desenvolver nese eido.
Tamén miro de cando en vez Quin.tv da que xa teño falado acó e tamén entrei hai tempo en feijoo.tv ainda que daquela era moi cutre. Hoxe entrei de novo e vexo que mellorou moito, tanto visualmente coma nos contidos mesmo incluindo o programa elctoral (ou parte del alomenos, que ainda non o lin).
O PSOE, tamén centrou a campaña no candidato co dominio presidentetourino.com

Porén o que vai percorrer, ou mellor dito, xa está percorrendo a rede en galego é o spot do BNG. Xa vin un monte de ligazóns no twitter e no Facebook apuntando cara este video. E agora unha mais.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Este mes está sendo un gran momento para a razón.
A humanidade está a alcanzar (novamente) un dos seus momentos mais ‘memorabeis’.

Todos teredes na mente o que está a pasar en Palestina, e facedes ben. Non debemos quedar calados mentras algo tan terribel pasa a poucas horas de avión de nós.

Porén, falando de avións, o que quería contar hoxe é moito mais frívolo. Non é un asunto de vida o morte.

O ridículo que fixo, e vai unha mais, a ministra de fomento co peche de Barajas pola neve servíulle de desculpa o Partido Popular para pedir a súa demisión (tamén unha vez mais). A verdade é que están a facer o seu traballo coma oposición e control do goberno. E cal foi a resposta da ministra?

Ti mais!

Cos mesmos argumentos ca un neno de tres anos, a ministra demostrou que a súa valía intelectual está fora de toda dúbida.

Estes son os políticos que deciden o futuro de España, podemos estar tranquilos.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp