Hoxe á mañá na Radio Galega fixeron unha entrevista a Baltar e entre outras moitas cousas fixo unha análise sobre os resultados das eleccións no Pais Vasco a coalición de hai catro anos en Galicia. Segundo el debe gobernar o partido mais votado porque o contrario son o que el denominou ‘cafradas’, ainda que sexan legais a xente non as perdoa (ainda que non mandou un saudo de apoio a Ibarreche nestes duros momentos).
Lin despois varias análises tanto en papel coma na rede e non concordo para nada con moitas delas, parécenme parvadas sen xeito soltadas por alguén que non ve alén do seu fuciño, porén supoño que os que tales tonterías escribiron pensarán o mesmo de min.
Unha das que me pareceu non errada senon absurda foi unha referencia no Diario de Bergantiños. Non a puiden atopar na rede de El Ideal Gallego nin na de El Mundo. Porque o Diario citaba a El Mundo dicindo que o bipartito custoulle a victoria ao PSOE. Que victoria? hai catro ganos gañou o PP ou o bipartito, non o PSOE. Se non houbera bipartito non tería gañado o PSOE, e se gañara alguén que non fora o PP o domingo só podía ser o bipartito outra volta e non o PSOE en solitario (e mais vendo os clarísimos resultados).
E todos na campaña estiveron comparándose con Obama cando eu teño a sensación de que están moita distancia do que Obama significou coa sua campaña baseada na rede. Non concordo (para nada) con Edans que di que as canles na rede son unha vía de comunicación para aqueles que non poden chegar aos medios de comunicación de masas. Despois do visto nas eleccións, cun protagonismo total e absoluto dos medios de comunicación tradicional (e dos grupos político-económicos que hai tras deles) na elección dos temas dos que se falou na campaña acho que a rede non pinta nada por estes lares.
E mentras o acceso á banda larga sexa tan caro e tan pouco estendido polo rural, iso non vai cambiar. Que importa o que digan na rede catro ‘mataos’ mentras poidan controlar o que se di nos xornais, na radio e na televisión? Tanto nos medios estatais coma nos autóctonos.
Por que se falou tanto do coche de Touriño, que fora un gasto noutros gobernos e non unha malversación, e non se falou tanto das oposicións da Deputación de Pontevedra (por poñer un exemplo)? Se cadra porque no PSOE xa tiñan munición abonda ‘nos seus medios’ co escandalo dos espias e o de non sei que mais, que son cousas de Madrid ou de Valencia e pouco pintan acó.
A utilización dos medios, da que xa falara hai pouco tempo, é habitual en Galicia desde hai moitos anos. A concentración de poder económico, político e mediático en poucas mans favorece este tipo de cousas. Un non debe morder a man que lle da de comer, da igual que sexa unha entidade financeira ou un partido amigo, as interpretacións fanse sempre da forma mais ‘obxectiva’ posible.
E dito todo isto, a miña analise das eleccións é moi simple:
En Galicia hai un 35-40% de xente de dereitas, un 20% de xente de centro un 20-25% de xente de esquerda un 15-20% de nacionalistas. Con estes vimbios (que eu mesmo fabrico de xeito intuitivo ollando para os resultados electorais do domingo e de hai catro anos e botando contas) é moi doado que goberne o PP e moi complicado que goberne outro partido.
E xa non entro en se uns o fixeron ben ou outros o fixeron mal, as cousas son coma son, moi mal o ten que facer o PP para que outro partido goberne. Iso non é malo por si mesmo porque é o que a xente quere, o malo é que a continuidade no poder produce efectos indesexados, facilitando o aumento da corrupción e necrosando o músculo democrático e a sociedade civil. E da igual que falemos de CiU, do Psoe en Andalucía ou A Coruña ou do PP en Galicia ou Valencia.
Noutro ámbito, témome que a sociedade galega decidiu que quere que pase co galego o mesmo que co valenciá en 30 ou 40 anos e despois diso, en 70 ou 80 anos coma co asturianu. Non pasa nada tampouco, para min é unha mágoa, porén cando un é demócrata acepta as decisións da maioría ainda que lle parezan un erradas. Outra cousa é que eu cambie a miña forma de pensar, e fai parte da democracia que a maioría respecte ás minorías.