Sendo de Vigo haberá quen diga que son parcial opinando sobre a capitalidade na provincia de Pontevedra. Porén eu acho que ninguén é nunca totalmente obxectivo.
Na miña opinión a situación da capital de provincia ten que servir aos intereses dos cidadáns e por iso, o mais lóxico é que estea na cidade con mais habitantes da provincia. Isto é así (se non me falla a memoria) en corenta e oito casos de cincuenta en toda España. Só é mais pequena a capital de provincia en Cádiz con 128.554 habitantes fronte a Jerez de la Frontera con 202.687 e na provincia de Pontevedra con 80.202 habitantes fronte a Vigo con 294.772.*
Pode verse que ainda que no caso de Cádiz a poboación e menor (un 63% da poboación que ten Jerez) , a desproporción non é tan evidente coma no caso de Pontevedra (un 27% da poboación que ten Vigo). Dos 946.884 habitantes da provincia de Pontevedra, o 31% vive en Vigo e o 8% en Pontevedra.
Cal é a ubicación mais lóxica para a capital da provincia desde un punto de vista económico? E onde estarán os servizos provinciais mais perto dos cidadáns?
E hai un feito que non é cuantificable, xa entra no intuitivo e no opinable. Na miña opinión, se Vigo fora capital de provincia, moitas mais delegacións de empresas para Galicia ou para o Noroeste de España estarían en Vigo e non na Coruña ou en Oviedo. Isto sería beneficioso para a provincia, mais é un feito do que non podo ter probas, é unha teoría miña.
O tema da capitalidade en Vigo, desde que morreu Leri está esquecido, é abraiante que sexan os pontevedreses, cando ven que, (aplicando á lóxica) se crean delegacións perto do cidadán, os que saquen o tema. Terán o apoio económico na sombra de AUDASA?
Voltando ao tema do número de votantes, supoño que os vigueses apoiarían nas urnas o cambio de capitalidade, os pontevedreses votarían en contra e pode que os concellos limítrofes de cada un secunden as respectivas apostas. Para o resto de habitantes supoño que habería división de opinións apoiando algo mais o cambio no sur e o status quo no norte.
De verdade queren as forzas vivas pontevedresas sacalas a ver quen a ten mais longa?
Esta foto é o que significaba para min cando vivía en Vigo a capitalidade en Pontevedra, coller a autoestrada para facer xestións.
Agardo impaciente polos argumentos razoados dos pontevedreses que lean nesta entrada.
*Todos os datos de poboación son do ano 2007 e están collidas do anuario socioeconómico de España do servicio de estudios de «la Caixa».








