Capitalidade

Sendo de Vigo haberá quen diga que son parcial opinando sobre a capitalidade na provincia de Pontevedra. Porén eu acho que ninguén é nunca totalmente obxectivo.

Na miña opinión a situación da capital de provincia ten que servir aos intereses dos cidadáns e por iso, o mais lóxico é que estea na cidade con mais habitantes da provincia. Isto é así (se non me falla a memoria) en corenta e oito casos de cincuenta en toda España. Só é mais pequena a capital de provincia en Cádiz con 128.554 habitantes fronte a Jerez de la Frontera con 202.687 e na provincia de Pontevedra con 80.202 habitantes fronte a Vigo con 294.772.*

Pode verse que ainda que no caso de Cádiz a poboación e menor (un 63% da poboación que ten Jerez) , a desproporción non é tan evidente coma no caso de Pontevedra (un 27% da poboación que ten Vigo). Dos 946.884 habitantes da provincia de Pontevedra, o 31% vive en Vigo e o 8% en Pontevedra.

Cal é a ubicación mais lóxica para a capital da provincia desde un punto de vista económico? E onde estarán os servizos provinciais mais perto dos cidadáns?

E hai un feito que non é cuantificable, xa entra no intuitivo e no opinable. Na miña opinión, se Vigo fora capital de provincia, moitas mais delegacións de empresas para Galicia ou para o Noroeste de España estarían en Vigo e non na Coruña ou en Oviedo. Isto sería beneficioso para a provincia, mais é un feito do que non podo ter probas, é unha teoría miña.

O tema da capitalidade en Vigo, desde que morreu Leri está esquecido, é abraiante que sexan os pontevedreses, cando ven que, (aplicando á lóxica) se crean delegacións perto do cidadán, os que saquen o tema. Terán o apoio económico na sombra de AUDASA?

Voltando ao tema do número de votantes, supoño que os vigueses apoiarían nas urnas o cambio de capitalidade, os pontevedreses votarían en contra e pode que os concellos limítrofes de cada un secunden as respectivas apostas. Para o resto de habitantes supoño que habería división de opinións apoiando algo mais o cambio no sur e o status quo no norte.

De verdade queren as forzas vivas pontevedresas sacalas a ver quen a ten mais longa?

Esta foto é o que  significaba para min cando vivía en Vigo a capitalidade en Pontevedra, coller a autoestrada para facer xestións.

ponte-de-rande

Agardo impaciente polos argumentos razoados dos pontevedreses que lean nesta entrada.

*Todos os datos de poboación son do ano 2007 e están collidas do anuario socioeconómico de España do servicio de estudios de “la Caixa”.


13 Responses to “Capitalidade”

  1. Snob Says:

    Desculpa o offtopic, pero… a ver cando te marcas un post sobre política freak viguesa! Desde que lin a historia do Mono Paco e Leri morro por SABER MÁIS!

    Vigo, esa gran descoñecida. Polo menos, para min!

  2. mourullo Says:

    Subscribo a petición de snob 😀

  3. chimpin Says:

    E por essa regra de 3, a capitalidade da Galiza teria que estar em Vigo? Pergunte ás gentes d’Agolada até onde prefirem desprazar-se para fazer umha gestiom, se a Vigo ou Pontevedra. Eu, persoalmente, e sendo da Estrada prefiro ir a Pontevedra, mais tendo em conta como conducem em Vigo 😀

  4. ghanito Says:

    Chimpín, suponse que as provincias son divisións administrativas que server para achegarse ao cidadán. Entre Agolada e A Estrada sumaban 25.124 habitantes en 2007, se queres poñer exemplos supoño que os 29.987 de Redondela preferirían a capital en Vigo. Todos prefiren tela o mais perto posibel da casa, o mais xusto é achegala a cantos mais cidadáns se poida e iso consíguese con criterios poblacionais ademais de xeográficos. Nesa liña van a criación de subdelegacións en Vigo da Xunta, salas da Audiencia e tal. Todo iso que en Pontevedra chaman agresión non é outra cousa que facilitarlle as cousas á xente. É absurdo ter todos os xulgados do mercantil en Pontevedra cando mais da metade dos asuntos que resolven son do partido xudicial de Vigo.
    A capitalidade política, como seria o caso de Compostela responde mais a outro tipo de condicionantes, e ainda que non fora ese o motivo, na súa situación xeográfica está ubicado dun xeito que facilita á maior cantidade posibel de galegos achegarse á capital.
    Persoalmente non apoiaría cambiar a capital de Galicia para Vigo.

    E si, en Vigo conducimos dun xeito especial.

  5. Calidonia Says:

    Eu non teño nada de pontevedrés, pero aínda que é moi interesante o argumento de capital=concetración demográfica eu apostaría polo contrario: capital como factor de equilibrio territorial. Tamén por iso e non só por cuestións históricas foi capital Compostela.

    En todo caso admito unha transaccional: volvermos ás 7 provincias do antigo Reino. Unha para Vigo en vez da de Tui, Pontevedra a súa, Santiago outra collendo boa parte da da Coruña e o N de Pontevedra actual, Coruña a de Betanzos, Ourense quedaría igual, e Lugo perdería A Mariña que se sumaría á de Ferrol (Mondoñedo).

  6. Miriño Says:

    E non fai falta que a capital sexa Vigo. Pero si se fai necesario dotar a Vigo de servizos administrativos.

    Cando se falaba da área metropolitana de Vigo e a delegación da Xunta na cidade, non sei, non entendo por que os de Pontevedra se poñen en contra. É necesaria vertebrar a área metropolitana, hai que pensar dende enriba. A capital pode quedar en Pontevedra atendendo aos concellos do norte de Pontevedra e establecer unha administración da xunta en Vigo para todos os concellos que vertebrarían a área metropolitana.

    Sinceramente, non entendo a negación pontevedresa. Só me ven á cabeza unha verba: complexo (de inferioridade, ou de superioridade, que é o mesmo pero exactamente igual).

    Unha mellor vertebración da zona viguesa axudaría tamén a Pontevedra e, cunha visión máis ampla, a toda Galicia.

    É a miña opinión.

  7. semita Says:

    O mundo non remata porque Á Capitaliña descentralice os servizos ó cidadan. Pasou ca delegación de tráfico , e agora os vigueses e cidadans da bisbarra non temos que pagar o tributo á antiga empresa pública regalada ós amigos do PP ,e pouco a pouco imos tendo cada vez mais servizos administrativos en Vigo , non os que merecemos como a cidade mais grande de Galiza , pero tamén temos os políticos mais incompetentes da nación , que teñen medo de non ir nas próximas listas se din o que deberían para defender ós cidadans que os votan.Pola miña parte que metan a capitalidade polo cú , e se quere o alcaldiño e as forzas vivas da Capitaliña poña unha muralla para facer ainda máis dificultoso o acceso , porque en Vigo circulamos de forma especial , pero na Capitaliña non se circula , se vai a paso procesional.

  8. ghanito Says:

    Calidonia, o tema de equilibrar territorialmente mediante a deslocación da capital para dar pulo a territorios menos poboados non se fixo en Galicia, porque nese caso a capital sería Mondoñedo, non Compostela. A capitalidade de Compostela, polo que eu oín contar a membros da UCD naquela altura, decidíuse nun congreso do partido no que os delegados do sur (nomeadamente os vigueses, mais tamén o resto da provincia e os Ourensans) apoiaron a Compostela. Os argumentos que se empregaron daquela segundo me contaran foron relixioso-historico-emocionais mais o que andaba detrás era simplesmente evitar que A Coruña concentrara todo o poder do país. A capital en Compostela cos contrapesos de Vigo e A Coruña era un mellor sistema de equlibrio político, porén non fixo mais que acentuar o desequilibrio entre o Este e o Oeste do país.

    Unha capital de provincia, arestora, non é un lugar de decisións políticas. É só un lugar de relación da administración cos cidadáns e se está onde están os mais dos cidadáns acádase un aforro económico importante para a comunidade, sen falar de posibeis consecuencias económicas derivadas de ter unha capital grande coma as que eu acho que habería coma xa teoricei.

    Se queren ter o Goberno Militar e o Goberno Civil en Pontevedra e segue sendo a capital, mais levan para Vigo todos os organismos a min xa me valería.

  9. An Says:

    A capitalidasde para vilagarcia que é máis bonita XD Saúdos

  10. Calidonia Says:

    Como case viciño de Ferrol, unica das sete cidades galegas que non é capital administrativa de nada, teño que desmentilo. Posuír unha ‘clase’ funcionarial dentro da cidade ten un enorme efecto socioeconómico. Só contemplar a evolución de Santiago en 25 anos serve para visualizar a importancia de só unha fracción dese efecto.

    O reequilibrio territorial é un efecto corrector, e polo tanto non é de recibo que o meu argumetno o retorza vostede e o reduza ao absurdo de falar de Mondoñedo. Se está convencido do que di quizá debera propugnar que a provincia Ourensán elixira tantos deputados como Pontevedra malia a ter 3 veces menos poboación. O efecto corrector ten uns límites ‘razoábeis’, e todos os que acrediten en medidas de discriminación positiva deberían apoialas, por coherencia.

    A historia da Capitalidade ten bastantes máis xiros que os que contempla. En todo caso, non lle vou negar que A Coruña sempre foi e é unha cidade vinculada ao Estado (como Ferrol), polo que estaba mal afeita a dispór de todos os elementos dunha capitalidade non oficiosa.

    É certo que Vigo saíu adiante só co seu Porto e a súa Industria. É evidente que por server mellor á cidadania Vigo e outras cidades deberían ver incrementada a súa dotación de servizos administrativos, pero iso é un debate que nada ten a ver co ‘rolo’ da capitalidade para Vigo que se sacou da chisteira Feijóo.

  11. ghanito Says:

    Non vexo eu como o reequilibrio económico territorial ten que acompañarse necesariamente cunha sobrevaloración ainda maior dos votos nas provincias menos poboadas.
    E dixen Mondoñedo por esaxerar, se prefires digo Ourense, que é unha cidade grande, e serviría de motor para a provincia.

    E o da chisteira… penso que moitos votantes en Vigo agradecerían que lle deran servizos administrativos a Vigo e a súa bisbarra. Os que sacaron o tema da capitalidade foron os pontevedreses e non Feijoo. Nomeadamente o alcalde do BNG, partido que defendía hai non moito a reestructuración administrativa de Galicia en comarcas e a ser posibel a eliminación das provincias (ou entendera eu mal daquela?)

  12. Anxo D Says:

    De verdade Oviedo é maior que Xixón??? Sería o terceiro caso, e teñen o mesmo problema que nós.
    A miña opinión como vigués é que non debemos modifica-las cousas. Que o que compre é facer delegacións administrativas, co tamaño axeitado, en Vigo. E nada máis.
    Saúdos.

  13. Anxo D Says:

    Por certo, algo de razón ten semita, mais sempre lle pon ese aire radical…