Almorcei no hotel (descubrindo que tiña o almorzo pago sen sabelo) e fun cara a alameda, onde quedei con Pawley na porta Faxeira que viña con folerpa, coa rapaza descalza e cunha amiga chamada Nuria e de alí fomos cara ó Liceo. Nunca oira falar fo Liceo de Compostela e estiven alí dous días seguido, o sábado no exterior foi unha das paradas no roteiro (durante a que falou Antón Dobao) e o domingo estivemos tomando un café. Alí uníusenos Berto co que quedara eu polo mancontro. De volta cara a Porta Faxeira atopamos a Maria e a Mónica que estaban facendo unha entrevista/enquisa á xente que pasaba. Deixeime entrevistar e fixen un ‘outing’ bilingüe (no senso literal do termo, non para reivindicar o meu dereito de ser monolingüe e falar sempre en castelán).

Cando chegamos ao auténtico agregador RSS da fin de semana coincidimos en catro ou cinco metros cadrados: Tati, Alfredo, Goretoxo, Emerecí, Roicinho, besbellinha mais os que xa viñamos. E supoño que estou esquecendo a alguén. Xa non entramos na alameda, quedamos aló e atallamos cara a rúa da Senra para unirnos á manifestación.

Durante o percorrido había moitísima xente, e o ambiente era de festa. Era coma esas manifas do foro da familia nas que os pais levan ós seus fillos. Nin sequera a choiva foi quen de facer perder á xente as gañas de berrar nin o bo humor.
Cando chegamos á Praza de Galicia atopamos a imaxe que eu supuxen que escollería a prensa en Madrid, alomenos por parte dela. Non imaxinaba a pouca repercusión que tería a nosa manifestación comparada con outras anteriores de signo contrario, mais desde que agasallan co ABC ós lectores do diario de Bergantiños teño o pracer de lelo de cando en vez e acertei de cheo. A imaxe do día era a xente de Ceivar. Non reproduzo a imaxe aquí (ainda que saquei unha foto) porque non é representativa do que pasou en Compostela ese día.
A praza da Quintana quedou pequena, supoño que a Mesa non agardaba que aparecera tanta xente na manifestación, e foi unha magoa que non remataramos no Obradoiro para vernos a todos xuntos de vez e así saber cantos éramos.

Disque a Quintana encheuse enteira dúas veces, porén nós estabamos xa na primeira quenda e non quedamos para ver encherse de todo coa segunda. A ver se un día destes subo o video que gravei durante o himno. A versión que fixemos foi moi mala, mais o efecto dos paraugas abríndose no medio do tema queda bonito na imaxe.
Tivemos que dar algunha volta para atopar onde xantar, e finalmente rematamos nun bar comendo Paula, Nuria, Marcos, Pawley, Pedro, Tati, Alfredo e mais eu. Foi un xantar longo, mais moi pracenteiro pola conversa e a compaña con vellos e novos coñecidos.

Os que leran todo o texto con atención decataríanse de que non falei do que nos reunira a todos en Compostela o outro día. Non foi que me esquecera, foi porque xa sei que todo o mundo, cando lea isto saberá o porque.
Por iso o que vai agora é só para min, para cando lea isto dentro de algún tempo e xa non lembre o motivo da manifestación deste 17 de maio.
A educación en Galicia impártese na súa gran maioría en castelán. A élite socio-económica fala case na súa totalidade castelán. Os medios de comunicación case na súa totalidade son tamén en castelán.
E ainda así hai queixas porque o galego está impoñéndose sobre o castelán. O galego perde falantes, e este é un feito estatísticamente constatado e ainda así hai quen di que o castelán é asoballado polo galego.
O mundo do revés.
O sentemento de impotencia é máximo fronte a manipulación exercida polos inimigos do galego. E o pior de todo non é iso, o pior é canta xente é enganada de boa fe e pensa que realmente o castelán corre perigo en Galicia, que os seus fillos van a aprender mal a falar en castelán e que iso vai ser un problema para nós no futuro.
Vai pasar o mesmo que en Cataluña, que por culpa de ter unha lingua propia son moito mais pobres do que nós? ou non ten nada que ver? Mellor ser unha rexión rica coma Andalucía, que só teñen unha lingua, ou non ten nada que ver?
A nosa lingua non só é parte da nosa identidade, e só con iso abondaría para aprendela aos nosos fillos, mais se queren empregar argumentos utilitaristas coa lingua coma fan eles, saber falar galego da unha facilidade inmensa de aprender portugués e falar con millóns de persoas.
Os pais que se preocupan porque os seus fillos teñan educación tamén en galego, que se preocupen porque os seus fillos lean mais nas dúas linguas e así acadarán unha maior habilidade lectoescritora sen necesidade de renunciar a nada.
E xa, se queren que os nenos aprendan a falar mellor en inglés, deixen de consumir filmes e series dobradas ao castelán e vexan con eles o mesmo na súa versión orixinal. A súa mellora vai sorprenderlles, e sen necesidade de que deixen de adicarlle horas de estudo á lingua do país.
O outro día o motivo foi a educación, mais deixo para reflexionar unha cuestión: Por qué moita xente pensa que pedir educadamente que a un lle falen en galego é ser ‘un repunante’ e esixir groseiramente que lle falen en castelán é exercer os seus dereitos?
Tan programada quedou moita xente no país en corenta anos de educación franquista que non se decata tan sequera do absurdo que é iso?
Mentras ser neofalante sexa identificado coma sintoma de militancia independentista e de esquerdas seguiremos a ser un pais doente.
Nota ao pé: todas as ligazóns así coma parte da redacción orixinal do texto perdeuse a causa do funcionamento revirado dun portatil funcionando con W.Vista. Se teño tempo engadireinas.