Visita á república das letras

O venres a presentación de Metal Central foi todo un exito. Tanto pola presenza de público (tendo en conta o estandar destes eventos e o lugar onde se celebraba) coma pola calidade da obra.

Ainda que coma ben lle dixen ao mesmo Alfredo eu non son un fan da poesía, desfrutei moito cos poemas lidos durante o acto e tamen do teaser que preparou Maribel Úbeda. Tanto me interesou que lle merquei o libro. O axitado da fin de semana ainda non me permitíu mais que un par de momentos de lectura e ainda así permítome recomendalo a tres tipos de lectores deste blogue: os afeccionados á poesía (estes deben coñecerme en persoa, porque de outra maneira non entendo coma deron en parar acó), os que teñan conciencia de clase e crean ainda na arte comprometida (nomeadamente se teñen relación co sector do metal) e os afoutados que non lle teñan medo a nada (levaran moitas sorpresas na vida, mais esta igual é das agradabeis). Para o resto vai tamén a miña recomendación, mais non acepto reclamacións se finalmente lles gusta e acaban sendo uns gafapasta.

Non seguirei falando do libro non vaia ser que pensedes que pasei definitivamente cara o lado escuro da cultura ‘de verdade’.

Despois do libro chegou unha clase de Historia da Literatura. Así, con letras capitais, ainda que tamén poderíamos dicir que foi un momento de lercheo literario, que unha cousa non impide a outra.
Ceamos Tati Mancebo, Alfredo Ferreiro, Cesáreo Sánchez, José António Lozano, Miguel Anxo Fernán Vello, Xavier Alcalá, Elena Baillie, Xavier Baixeras, Xose Maria Alvarez Caccamo, François Davó, Paula Gómez Del Valle, Xiana Carmena (unha simpatiquísima nena dun ano que rillaba coma unha condenada) e mais eu. Despois uníuse ao grupo Martin Pawley que chegou tarde por mor dunha mesa redonda na que estivera en DC.

O viño, do que fun bebendo mais do que eu pensaba no momento, non me permite lembrar todas as conversas con detalle e desta volta tampouco teño a axuda da cámara para lembrar porque hai xa unhas semanas que quedou na casa dos meus sogros, porén lembro retallos de conversas falando sobre o anonimato e o seudónimo na rede (que eu acho que non é o mesmo) conversa que derivou cara os trolls. Tamén sobre o servizo militar, a obxección de conciencia e a insumisión (e tiven a oportunidade de agradecer persoalmente a un dos insumisos que permitiron coa súa loita incruenta que eu puidera ser anos despois obxector) Falouse dun escritor que chamaron pésimo e do que eu non dixen ter comezado o seu mais famoso libro e non ser quen de rematalo (non me gabei de que fora así porque e algo que ocorre de cando en vez e non sempre con libros de mala calidade) Houbo anecdotas sobre os costumes sexuais de lendas da literatura galega, das festas que facían as tripulacións dos submarinos alemáns nalgures da Ría de Vigo e chegamos, coma non podía ser menos, a falar do reintegracionismo.

Quedei encantado coa reunión e agardo ter posibilidade novamente de coincidir cos compañeiros de mesa porque foi todo un pracer escoitalos falar. Moitos deles foron ao día seguinte á Illa de San Simón para a entrega de premios que poderedes ver contadas en outros blogues. Eu non fun porque tiña cousas mellores que facer (das que igual conto algo mañá) …e mais importante ainda, porque non estaba convidado 😆


5 Responses to “Visita á república das letras”

  1. Tati Mancebo Says:

    Eu tamén o pasei xenial! Estaba agardando a túa anotación para rememorar a noite. Grazas 1000!

  2. ifrit Says:

    Como cambiou o conto! Moito cambiaron as túas compañías e hábitos dende a última vez que nos vimos 😉 😀

  3. descalza Says:

    Para outra únome aos viños e deixo a “rilladora” na casa . XD

  4. an Says:

    De certo da gusto cando un pode botar unha boa parolada con boa xente…eu acho iso en falla. Saúdos e apertas.

  5. mariademallou Says:

    ” costumes sexuais de lendas da literatura galega” mmm que tipo de costumes? que tipo de lendas?
    dios, eu sempre me perdo o mellor….