Lembrades que o día 25 de xullo desde hai catro anos os usuaríos de Chuza primeiro (e disque o resto do mundo coñecido despois) adoitaba reunirse en Compostela para comer churrasco?
Pois si, este ano tamén houbo chuzarrascada.

Sei que hai xente que pensaba xa que este ano non ocorrera, que inventara a chuzarrascada deste ano, que os vellos usuarios de Chuza abandoaramos a páxina e renunciáramos a nosa anual xantanza. Pois ben, xa teño no meu poder as probas gráficas do momento e ademais teño conexión á rede para poñelo no blogue.

O que non teño son as gañas de pasar dúas horas coma outros anos poñendo ligazóns, lembrando nomes, escolmando e recortando fotos e facendo un relato, así que a cousa vai ir do seguinte xeito:

1.- Subirei as fotos (algo mais da metade das que fixen ou así) ao flickr, que para iso son tan paspán de pagarlles a conta pro. [As miñas fotos están feitas con licenza Creative Commons atribución, non comercial, compartir igual e pregaría que se colledes algunha das fotos do outro día poñades ligazón a esta entrada].

2.- Repasarei mais ou menos o percorrido do outro día.

E listo.

Pequena pausa e reflexión: Sorprendentemente, hai mais xente pendente do blogue da que semella, e mesmo xente que eu non contaba con que o fixera. Nesta semana coincidiron dúas persoas preguntándome polo blogue, sabendo que publicaba pouco e mesmo unha delas sabía cal fora a entrada anterior a esta (que levaba aí un monte de días, tamén é certo). Supoño que cada día teño menos tempo para adicarlle, e o pouco que teño nunca coincide cando teño cousas que contar, así que por non falar do que pasou hai tempo ou do que está por vir quedo sen escribir nada.

E comezamos coma sempre, pola caña no María Castaña, unha desas pequenas cousas que van construíndo as tradicións. É un lugar ao que só vou unha vez ao ano e serve para controlar coma vai a manifestación. Se está cheo é tarde de mais e para cando cheguemos á Carballeira de Sta Susana xa non haberá sitio na nosa pulpería favorita, hai que sair para aló antes de que a xente xhegue á Quintana para coller bo sitio. Facer pais mola, porén o bo churrasco é outro xeito de facer país.

Desta volta non paramos na alameda coma o ano pasado, un erro que tivemos que lamentar despois. Apenas paramos para sacar cartos e falar coa Policía.

Falar coa Policía?

Pois si. Resulta que atopamos uns antidisturbios equipados así

e entre que axustei a cámara á luz e xirei ao seu redor para non sacarlle a cara (prefiro non poñer a súa cara no meu blogue porque non me gustaría que o fixeran comigo no seu caso) puxéronse nerviosos e aconselláronme que sacara fotos da Catedral ou de tantos outros bonitos lugares de Santiago (isto é unha cita todo o literal que permite a memoria despois de dúas semanas e media).
Despois de indicarlle de xeito breve e respetuoso que estaban trabucados e podía sacarlles fotos se quería, accedín mansiño as súas peticións porque non quería estragar un día de festa na comisaría por unha parvada. A anécdota non tivo mais, tempo depois entereime que o día anterior houbera unha liorta importante e supoño que estarían ainda bastante amolados. Fixenlle unha foto a outros a distancia para que non se alporizaran e que os vexades ben.

Na alameda sí que fixemos unha foto tranquilamente coas xentes do lugar sen que se queixaran.

Quedei coa sensación de que era este o paisano que se cruzara na foto de Quín de hai dous anos.

Acomodámonos coma puidemos e viñeron algo mais de dúas horas sentados comendo polbo, porco, pementos e o que cadrou. Para baixalo houbo que axudarse con cervexa, viño, licor café, crema de augardente (e auga para os que andamos algo frouxos).

Ao noso lado viñeron xentes de Cabozo que levaban unhas utilísimas camisolas identificativas e na mesa do lado andaban xentes de fillos.org (non fun presentado), Fran de lareta.net e Goretoxo da Blogaliza.


Esquecímonos durante un par de hora de internet

e estivemos pensando seriamente sobre o país, os seus problemas e a solución para todo. Moi seriamente, de verdade.

O paseo posterior á comida foi mais curto do que outros anos e converteuse durante un bo cacho na percura do único no que semella que aforrou a organización despois da derrota do bipartito: os globos con hélio!! Mágoa infinita. Perdemos unha das mellores cousas que tiña o Festigal. Os nenos choran e nós queixámonos coa voz grave e viril.

Porén ainda quedan outras cousas para alegrar a tarde.


E seguen podendo facerse novas amizades.

Vou rematando. Se queren mais fotos as teñen no meu flickr, e se querían saber mais, viñeran, que non era tan lonxe.

Chuzame! A Facebook A Twitter