Cada quen emprega as ferramentas que lle dan como pode ou como lle parece, e ás veces críase cunha idea e rematan servindo para outra.
Hai tempo en Chuza, a rede social de novas en galego editadas pola comunidade, falouse de filtrar a información por filias e fobias bloqueando aos usuarios que te amolan e favorecendo aqueles que te interesan mais. Daquela non me parecera boa idea, mais co tempo rematei facendo iso exactamente noutro lado: no Facebook.

icona_facebook

Agora mesmo di o Facebook que teño 324 amigos. Mais non é certo que esas 324 persoas sexan amigos meus. En realidade nin sequera son 324 persoas, algúns deles son colectivos, negocios, medios, etc.
Teño curiosidade polo que din esas 324, algunhas mais que outras, e gústame poder comunicarme con eles ainda que nin sequera as coñezo a todas. Algúns son vellos coñecidos ou amigos de fora da rede, outros son coñecidos da rede que xa considero amigos ou amiguetes, xente que sigo e aprezo. Mais tamén hai xente á que admiro ou que se move no mesmo entorno ca min, cos que teño amigos comúns, ou mesmo xente que me engadíu e non vin no momento por que non engadilos.

Tento tratalos da mesma maneira que faría fora da rede, ainda que que colla algo mais de confianza cos descoñecidos que se os atopara na rúa, sei que os mais deles non son amigos meus e tento non abusar. Coa maioría non me importaría ter unha amizade, mais sei que arestora non a teño. Non son os meus amigos, por moito que amplíe o significado da verba amigo. Son contactos, ou coñecidos ainda que xa digo que no meu caso moitos nen iso. Porque eu non coñezo a Núñez Feijoo, Pérez Touriño ou Anxo Quintana ainda que o Facebook diga que somos amigos.

Por iso, non convidaría a Alan Moore, Balneario de Mondariz ou Bansky ao grupo eu son fan de Belén Regueira, ainda que si os convidaría se foran de verdade os meus amigos. Procuro non amolar á xente que non coñezo con cousas que penso que non lle interesan.

Acho que na netiqueta está por desenvolver a natureza destas amizades que non son tal. Gustaríame coñecer a vosa opinión sobre este tema se a tedes. E vós empregades facebook só para os amigos ou facedes coma min?

Chuzame! A Facebook A Twitter