O goberno das caixas

Non é que me guste moito revelar aquí que traballo nunha entidade financeira, porén tampouco é un segredo para a metade do blogomillo e é xusto aclaralo antes de comezar con isto. Traballei durante anos nunha caixa de aforros, tanto ten cal delas para o caso, e agora traballo nun banco, cos mesmos compañeiros e clientes.

Estou orgulloso de ter feito parte do proxecto que supuxeron as Caixas de Aforro para España, na casa non fun o primeiro e desde pequeno mamei o beneficio do aforro popular, as bondades das Caixas de Aforros Confederadas e o bo que facía polo País a Obra Social.
Nunca entendín, que en igualdade de condicións, alguén preferira ter os cartos nunha empresa totalmente privada coma un banco, que beneficiaba ós seus accionistas (lexítimamente, porque estaban arriscando os seus cartos) e non nunha caixa que beneficiaba a todos (mellor ou pior) coa obra social. A Responsabilidade Social Corporativa, deixando de lado as normas de bo goberno das que xa falarei, viña de serie nas caixas desde a súa orixe.

Cando nos 90 a lexislación de caixas de aforro cambiou, permitindo que as caixas traballaran coma bancos, era o momento para introducir as normas de control no goberno das caixas. Agora é doado dicilo, mais daquela empezou todo.

Os Bancos, naquela altura nun proceso de concentración e peche de oficinas, foron deixando mercado libre que as caixas, foron ocupando. Foi un proceso inicialmente bo, porque introducíu unha maior competitividade mellorando condicións para os cidadáns. Mais coma sempre, nada é totalmente bo ou malo.

Xa daquela había a quen lle parecía mal a expansión das caixas. Lembro unha discusión cun curmán hai anos na que lle parecía mal que as caixas puideran mercar bancos mais non ó revés, en realidade a alguén de dereitas coma el molestáballe a propia esencia das caixas. Erán unhas fundacións moi peculiares que en boas mans eran unha ferramenta marabillosa do procomún.

Téñome queixado en moitas ocasións, aquí e noutros foros, de que non podemos sinalar ós políticos co dedo sen decatarnos que son coma eses espellos das feiras nos que todo aparece mais grande. Os políticos somos nós. Algúns son os piores de nós? Pode ser. E algúns serán os millores, porque hai políticos honrados que traballan polo ben do país. Nesta sociedade, claramente mellorable, regulouse incorrectamente o goberno das caixas. Permitíuse, permitimos todos cos nosos votos, o noso descoñecemento e indiferencia para tantas cousas, que case todas as caixas foran gobernadas polas mesmas persoas durante demasiados anos.
Naturalmente as responsabilidades non son iguais para todos, eu pouco podo facer se non o sei, outros coma D. Santiago Rey Fernandez Latorre que agora decidíu dicir que todo estaba mal, colaborou durante anos non falando con coñecemento de causa sendo como é unha das persoas mais influíntes de Galicia. Teño a faciana pétrea de mencionalo con nome e apelidos escribindo eu cun alcume porque recoñezo que traballo nunha caixa mentras que el non recoñece que vivíu e vive da Administración, das súas subvencións e a publicidade que lle contrata, antes de falar do despilfarro do Estado e mencionar á TV pública que agora é a súa competidora pola audiencia e a publicidade.
Pior todavía foron os partidos políticos que por toda España aproveitaron as Caixas para financiarse e a súa Obra Social para proxectos que vender electoralmente pechando os ollos ó que pasaba nelas, nomeando en moitos casos direitamente os rexedores.
Que problema hai en que alguén goberne moito tempo unha caixa? A corrupción que disque conleva o poder disminúe se hai cambios de persoas, e facilítase se alguén xa sabe con quen hai que falar para eses temas (esta é a miña opinión sobre a Administración e pode aplicarse neste caso). E por outra banda está o perigo da perseverancia nos erros, as cousas cambian e os humanos tendemos á rutina, ir intoducindo xente nova na dirección é un xeito bo de non estancarse.
E o Banco de España? Un Banco de España que impedira a concentración de risco no sector inmobiliario no seu día evitaría que agora estiveramos así. Non boto culpas dos roubos á Policía, mais si de que vexan a alguén cunha pistola e non lles importe a que anda. Ferramentas para impedilo había, o que non houbo foi vontade política de lastrar un crecemento econónomico que tan doado era de vender ainda que nos converteramos nunha economía de monocultivo.
E os traballadores das caixas? Pois aquí que vou dicir? Como traballadores nunha empresa temos que seguir as intruccións da directiva mentras non incumplan a lei. Naturalmente enganar a xente ás veces non vai contra a lei mais éticamente é indefendible sempre. Eu, no meu traballo, tento defender os intereses da empresa que me paga, como é lóxico. Iso convírteme moitas veces nun feirante, mais non engano á xente de mala fe para venderlles algo que penso que non lles convén. E iso aplíqueno ó que queiran. Non quere dicir que non cometa erros, quere dicir que non son un fillo de puta. E o resto, pois haberá de todo, e non todo bo.

Que opino do rescate bancario? Pois escapa ó meu entendemento. Non sei até que punto era necesario para evitar un colapso económico, porque en realidade é no que estamos con ou sen rescate.
Non sei por que pode o Estado intervir no Mercado tan intensamente como para impedir quebrar a empresas privadas (ainda no caso das caixas coa súa estraña natureza) e non pode prohibir por exemplo especular investindo en opcións contra empresas ou mesmo paises enteiros. Se imos ser intervencionistas que sexa de verdade, e non só para salvar a accionistas que investiron libremente para obter un beneficio (co risco da perda) e menos uns directivos que teñen a maior cota de responsabilidade da situación das súas empresas.

E agora debería falar dos sacrificios que custa este rescate, mais deixoo para outra ocasión, que isto está alongándose.

Os comentarios están pechados.