Catro anos mais

Onte houbo eleccións presidenciais nos EUA.

Varias opinións persoais sobre o tema:

Primeira, nun entorno de perda de soberanía crecente polos pobos e de concentración do poder en entes supranacionais no mundo enteiro, e nomeadamente en España, as eleccións nos EUA afectannos moito. Menos do que semella comparando a cobertura mediática das presidenciais americanas e das lexislativas europeas mais abondo para interesarnos.

Segunda, nunha situación de globalización, que ninguén pode xa negar, que a tendencia nos EUA non fora cara un presidente fundamentalista cristián senon que mantiveran un presidente que fixo movementos importantes para extender o Estado do Benestar no seu elemento mais básico como é a atención sanitaria é unha boa nova. Ogallá fora unha tendencia que se espallara aquén do Atlántico.

Terceira, trabúcanse os que entenden que o sistema democrático americano é mais imperfecto que o noso. Ou alomenos trabúcanse no obxectivo das súas criticas. O problema non son os lobbies, a mercantilización da política e a decisiva influencia que os cartos teñen no proceso electoral. Iso é un problema gravísimo, porén a nosa situación é moito pior. Aquí non existe posibilidade de control do problema porque nin sequera entra dentro do debate que exista a situación. Alí, alomenos hai na cultura popular un certo coñecemento de quen está detrás dos seus políticos e reflíctese en infinidade de películas ou series de tv. Aquí queixámonos dos políticos, ou ás veces dos bancos, ou das eléctricas, ou dos medios de comunicación, mais non chegamos a ver que todo está agrupado dun xeito semellante ó que funciona en EUA formando lobbies sin control de ningún tipo. O problema democrático na elección do presidente dos EUA é, que a diferenza de Francia, por exemplo, onde é escollido directamente polo electorado, é escollido indirectamente por uns votantes enviados por cada estado. Pode ocorrer que un candidato teña menos votos e sexa elexido presidente (G.W.Bush tivo 543.895 votos menos que Al Gore). Son herdanzas dunha sistema presidencial que comezou hai mais de douscentos anos. Mais o noso sistema, ó non ser presidencial, tamén é de elección indirecta así que non sei se podemos criticalos por aí.

Xa sabedes que igual non estou moi calificado para opinar sobre estas cousas. En calquera caso, a culpa é vosa por atenderme 😉

Os comentarios están pechados.