Des(conectado)

Onte botaron na TV un episodio de Salvados no que falan de adicción ao móbil e (en realidade) ás redes sociais.

Curiosamente, estou no medio dun pequeno experimento persoal. Desde o día 26(?) de marzo non estou conectado ao twitter, Facebook e Instagram. Podería saber a data exacta, mais tería que conectarme ao twitter e non o fago. non ía comentar nada ata rematar o mes, mais como coincide co Salvados, vou adiantando algúns pensamentos.

Durante este tempo non desinstalei as aplicacións do móbil (instagram e twitter, porque non levo instalado facebook no móbil) seguín recibindo notificacións que apagaba sen conectarme á aplicación. E hai uns días utilicei twitter durante case tres horas cunha conta dun medio para comunicar un evento porque me pediron que o fixera. O resto do tempo non abrín as aplicacións e non me conectei ás miñas contas durante este tempo.

Seguín empregando o whatsapp, gravei un podcast (que ten unha conta de twitter que non administro), e agora estou escribindo no blogue. Non estiven desconectado, aínda que foi un importante cambio de ritmo desde a miña actividade previa.

Oín a un psiquiatra dicir unha vez que se non podes deixar de facer algo durante un tempo és adicto, eu despois destas tres semanas penso que non son adicto. Aínda non recuperarei a actividade ata o domingo, que é día 26.

Con todo, saquei deste pequeno experimento persoal algunhas conclusións:

Cousas que xa sabía. Gústame moito comunicarme polo twitter. Ás veces notei que desexaría contar cousas que atopaba ou que facía e durante este mes non podía facelo. Certo é que isto levo facéndoo 12 anos, desde que abrín este blogue, mais antes de ter twitter e smartphone, requería que chegara a casa e elaborara un pequeno texto, se cadra poñer unha foto, pasar algo de traballo para escribir unhas liñas. Sempre superiores aos 140 caracteres. O mes que ven cumplo 10 anos coa conta de twitter aberta, penso que non é casualidade que cando comezara a empregala con regularidade foi cando contratei un móbil cunha tarifa de datos. Ademais, twitter é a miña fonte de información mais relevante, isto ten a vantaxe da selección de fontes alternativas e variadas e o perigo da visión selectiva. Poñéndome señor maior, podo dicir que eu xa atopaba que isto era problemático cando en Chuza! (cando aínda twitter era irrelevante no noso entorno) valorábase a posibilidade de silenciar as aportacións dos usuarios que ti decidiras.

Durante estes días lin algo mais, voltei a escribir textos algo longos (nun caderno de papel!) e decidín centrarme mais nas cousas que estaba facendo no MundoReal, escotei moita mais música (e estiven pendente das novidades musicais) cadrou tamén que agora escoito de novo Radio 3 aínda que iso foi porque despois de anos traballo fora da cidade e uso o coche.

Despois deste mes usarei igual que antes as redes sociais?

Parecido, aínda que algo diferente.

Se cadra non son adicto ao twitter, mais organizando o meu tempo podo sacar mais partido ao que adico a cada cousa, e iso pasa probablemente por algún tempo lonxe do mobil. Lembrando cando en tempos tiña ás veces como estatus “lonxe do teclado”.

Significa iso que non pasarei as épocas electorais enganchado ao twitter? Que deixarei de contar no momento cando vexa algo rechamante? que xa non subirei fotos de cousas tan apaixoantes coma estas?

 

Pois non, claro, non vou cambiar tanto, a irrelevancia seguirá sendo unha importante fonte de inspiración.

Manter a indiferencia dos mais cultivando a irrelevancia podería ser o novo lema deste blogue.


4 Responses to “Des(conectado)”

  1. Berto Says:

    E aquí estamos nós a lerte escribas onde escribas.

  2. Modesto Says:

    Rebenvido!

  3. Orlophe Says:

    Outro feliz regresso. Muito me alegra.

  4. ghanito Says:

    Grazas aos tres.
    Os amigos de vello e o que teñen, sempre están aí.