O Goberno municipal cumpliu a súa promesa electoral de suprimir o carril bus. Os comerciantes queixáranse de que o carril bus afectara ós seus negocios negativamente. Non tivo nada que ver a crise económica nin a apertura de moreas de centros comerciais na cidade, a culpa de que os comercios esmorezan é do carril bus. Claro.
Aquí deixo algunhas opinións miñas sobre o tema.
Primeiro, o positivo, van tentar cousas algunha cousa nova para suplir o carril bus: Limitar o tempo de estacionamento, regular os semáforos en función dos buses e converter as rúas da «Red e» nun micro-Estado policial vixiando todo con cámaras.
O tempo dirá se acertaron ou non. Se acertan terei que rectificar, porque eu penso que o alcalde comete un erro ó eliminar o carril bus.
Aparcamento. O primeiro erro é filosófico. O carril bus eliminou aparcamento en superficie, e o aparcamento en superficie elimina o carril bus. Chamádeo como queirades, mais antes había espazo para os coches particulares por unha banda e para o bus por outra e agora hai espazo para coches particulares e buses por unha banda e para os coches particulares (detidos) por outra. Gáñanse 240 prazas de aparcamento en superficie.
Eu pensaba que o moderno era apostar polo transporte colectivo, por favorecer o bus, que elimina contaminación e tránsito das cidades. O populismo do alcalde aposta polo cosmopailanismo dos que prefiren ir en coche até a porta da tenda, ou dar voltas buscando onde aparcar. Todo por non coller o bus, ou coma mal menor por non pagar por meter o coche nun dos aparcadoiros que xa existen na cidade. Así fomentamos o transporte público.
E non sei por que, mais desconfío da utilidade desas prazas de 20 minutos. E mais ainda para reactivar o comercio. Isto é unha intuición baseada no funcionamento actual da ORA, veremos co tempo, coma todo.
Semáforos regulados para dar prioridade ós autobuses. Aquí igual esvaro porque os meus coñecementos sobre o tema son limitados, mais teñen que explicarme mellor como van acadar dar prioridade ós buses se van pola mesma vía que o resto de veículos. As vias polas que van os buses van ter unha prioridade indefinida? Como vai afectar a prioridade variable das rúas polas que pasan os buses ás rúas da contorna?
Cámaras. É certo que hai que renunciar a certa privacidade para ter mais seguridade nas rúas, mais queremos que nos controlen 24h para mellorar o tránsito? Cal vai ser o seguinte necesidade que supoña aumentar a vixiancia? Sei que este é o argumento mais feble da miña oposición á eliminación do carril bus, e non dubido que este incremento na videovixiancia é benintencionado. Con todo paréceme un precedente (mais) a evitar.
A propaganda.
Este video que vin hoxe (no bus) é o motivo de que agora estea escribindo isto.
Chamarlle manipulador é pouco, eu case prefiro dicir tendencioso. Primeiro amosamos ruas cheas de atomóbiles particulares conxestionadas ó lado de carrís bus baleiros, e buses en primeiro plano que non se aprecian moi ben.
Despois apela á convivencia entre coches e buses, eu empregando a mesma demagoxia diría que é como apelar á convivencia entre o marisco e os furtivos. Non haberá un que mereza mais protección? porque se non houbera que coidar os buses por que estás gastando tantos cartos? porque supoño que non viñeron de balde no bote de cola-cao as cámaras, as grúas, a reprogramación dos semáforos e o tempo dos axentes de policía.
Din que grazas á eliminación das barreiras físicas recuperamos 240 prazas para coches. Isto é o mellor do video. O carril bus son as barreiras físicas. Porque barreira é un termo percibido negativamente na planificación dunha cidade, eis as barreiras arquitectónicas. Non ten importancia que en realidade debera dicir Carril bus onde di barreiras, e que ademais debería facernos reflexionar sobre a causa das barreiras: impedir que eses coches pilotados por cidadáns modélicos pararan no carril bus ocupándoo e facéndoo inútil para a súa función. Ou como diría o que montou esta historia: ineficiente.
Fala de empregar as novas tecnoloxías en favor da mobilidade dos cidadáns, porque os que van no bus, que son mais que os 240 que aparcan onde estaba o carril bus non son cidadáns tamén. Desde que non hai carril bus o bus tarda mais en chegar ó meu choio pola mañá e vai cheo. Téñoo claro porque voi co tempo moi medido, o retraso cando volto á casa non o teño tan controlado e a percepción de que tarda mais igual está influida polos meus preconceitos.
O que mais me amolou de todo foi que gastaran os cartos nesta campaña de propaganda (que non publicidade institucional) para xustificar unha medida e chamarnos parvos a todos, nomeadamente ós que vamos no bus, mais tamén o resto que pensan que van sacar algo da desaparición do carril bus.
Xa non digo nada de que atopara o video só en castelán, eles saberán en que pais viven.



