Nunha galaxia moi lonxana no tempo…

Vale, non é tan lonxana, mais non lembro de tardar tanto en contar algo que pasara coma desta volta. A verdade é que xa debería deixar de dicir estas cousas porque estase a converter na marca da casa.

Este agosto foi un mes bastante movido. Ainda que este ano houben de cambiar as vacacións de agosto para decembro non faltaron cousas que facer n’A Coruña.

Comezou o mes pola feira do libro, mais non vou falar dela agora, vou saltar esa semana e comezar por viñetas que coma sempre, foi a seguinte semana, ainda que este ano a feira do libro rematou despois de que comezara viñetas.

Non vou facer un relato detallado de todo o que pasou en Viñetas porque a grande novidade deste ano é que viñetas xa ten unha web decente e foron poñendo crónicas diarias das charlas cos autores, algunha entrevista e mais cousas do que aconteceu. Así que se queredes saber o que pasou este ano recoméndovos que vaiades aló e botedes unha ollada ao diario.

Eu só podo aportar algo que aló non hai, porque recollín a meirande parte da charla que Jaume Vaquer fixo percorrendo a exposición de orixinais de comic de prensa dos EUA do século XX. Se a exposición é boísima pensade que todos os orixinais son da súa colección privada e que xa é o segundo ano que ven a viñetas. A idea de gravar a charla copieina da Voz que o ano pasado xa gravaran anacos da mesma.

Este é o primeiro de 10 vídeos, porque partín en anacos a gravación para poder subila ao Youtube. E ainda así deume un choio de carallo para poder subilo coa calidade que da a cámara. Acéptanse donacións para mercar unha cámara HD.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/Qe3LYkxWX2Q" width="640" height="480" wmode="transparent" /]

O resto dos vídeos os tedes no YouTube, ainda que as teredes na canle de Apocalipse do Porco do youtube por se queredes, as ligazóns son estas 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10.

Seguín indo ás charlas cada día, só as mais das veces ainda que acompañado polo meu amigo Bern o xoves que viu coñecer Viñetas e sorprendeuse. Non contaba con que Viñetas tiveran tanto de artistico e tan pouco de editorial.

O venres con quen estiven foi con Mourullo e con Grial cos que despois ainda sain dar unha volta. Este ano, e por como cadrou a semana non fun nin á festa de Polaqia nin á de carne líquida (e tampouco merquei este ano o carne líquida) que son as festas mais divertidas que hai normalmente en Viñetas. O venres non fun á de carne líquida porque non lles apeteceu á xente coa que ía e o sábado porque fun cear con algúns coñecidos e liámonos de tertulia até tarde.

O sábado que viñeron Alberto e Almudena e coma sempre xuntámonos cos de cada ano ainda que este ano fallaran Pablo e Zeke, que disque viu o venres e co que non coincidín (por desgraza). Á mañá coma sempre na cola para que os autores fixeran algún debuxo nos seus libros, comida no Foster’s (outra tradición de sábado en Viñetas, xa) cunha estupenda charla con Cano que botou a lingua a pacer canto quixo (para a súa sorte e a miña desgraza carezo de memoria, uns dos motivos polos que levo este blogue para que me axude a lembrar, e seguramente esquecerei todo o 90% do que contou mesmo antes de que estea outa vez con el).

A charla de McKean foi a que tivo mais xente segundo lembraban os mais veteráns, había mais xente do que o ano pasado con McCloud. Eu teño a sensación, sen poder aseguralo porque carezo de datos, que este ano houbo mais xente nas exposicións. Por dicir algo, igual a xente non marchou de viaxe pola crise ou había mais xente acó por ser ano Xacobeo ou algo así. McKean sacou fotos e compartiunas co seu twitter.

Do resto dos autores quedo coa sorpresa que levei con Émile Bravo que é fillo de emigrantes españois e fala castelán perfectamente, o que lle permitíu ter soltura nas súas intevencións e deixar unha imaxe de home moi simpático.

Outro moi simpático e que me sorprendeu porque quedei coa idea de que é un home intelixente (non sabería exactamente por que detalles do que dixo, foi unha sensación). Non agardaba que fora parvo, mais quedei coa idea de que era un tío intelixente ademais do tópico gaditano simpático.

Con Denis Kitchen descubrín que tanto ver series en versión orixinal estame a servir de algo, porque mesturado co seu xeito de falar calmo e claro pareceume por vez primeira que Diego era un traductor lento.

Cousa que demostrou na conferencia de Dave McKean que non podía ser mais errado. Contra o final da charla, xa case sen tempo para ter que ir a cear co alcalde Diego traducíu totalmente axustado ao que dixera McKean e a unha velocidade semellante á dos anuncios dos micromachines. Pampos quedamos todos.

Na conferencia de McKean houbo un momento desagradabel. Ángel de la Calle, que presentou a conferencia avisou que, pola limitación de tempo xa que tiñan despois a cea co alcalde e non podían demorarse, non asinaría nada a ninguén. Ángel fixo unha coña dicindo que a obligación que tiñan os frikis era ainda así tentalo. Foi unha coña, mais houbo quen non o entendíu. Ademais (e pior ainda) cando rematou a charla asinou un libro a un debuxante que estaba no público.
Despois diso houbo un momento moi desagradabel cunha rapazas que tentaron acadar que lles asinara os seus libros.

Eu son o primeiro ao que lle encanta que os autores fagan un pequeno debuxo nos seus libros. Non vale para nada, coma tantas cousas na vida, mais gústame. Porén nunca pido que ningún autor (non sendo amigos) me adique ningún libro fora dunha sesión de sinaturas. Eu sei que son moi especial, alomenos igual de especial que outros 6000 millóns de persoas, por iso o só quero algo pequeno e só son un, pode converterse en 50 ou 100 pequenas cousas en calquera momento.

Estas rapazas foron ademais de molesto para McKean e moitos dos que o estabamos vendo unha falla de educación bastante importante, enfrontandose a unha rapaza da organización que lles dixo que non podían molestalo e faltandolle totalmente ao respeto. Cousas coma esta igual fan que quedemos sen a sesión de sinaturas dos venres e os sábados e sería unha mágoa.

Deixemos que a dura ollada de Denis Kitchen caia sobre esta xente

Nada mais, mencionar a Camille Jourdy, autora de Rosalie Blum e que ademais caba de ser nai hai uns meses (estes detalles que sempre destacamos os pais de familia :D ) Non deixedes de ler esta triloxía se tedes oportunidade. Sorprendeume vendo os seus orixinais que os coloree con rotulador. Gústame moito o resultado mais non o agardaba.

E a Raule e Roger os autores de Jazz Maynard que recoñezo merquei despois da súa charla e estou pasándoo pipa coas súas aventuras. Unha BD onde toda-las portas abrénse a patadas.

E isto foi un anaco do que foron Viñetas este ano, tedes mais fotos no meu flickr. E vémonos o ano que ven outra vez.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Despois de falar do cambio de piso e todo o lio que foi non comentei o contentos que estamos no novo piso e non puxen fotos do novo cuarto onde está o ordeador.

Non podo poñer moitas fotos da casa porque a señora Colombo é bastante fanática da intimidade e amólalle que faga unha reportaxe coma as do ‘Hola’ da nosa casa.

Con todo non hai moito problema en que vexades onde estou sentado agora mesmiño.

Ainda quedan algúns detalles coma esa carro con caixóns á esquerda da mesa que quero cambiar. De feito o outro día estiven facendo turismo polo Ikea e tomei nota de tres alternativas para sustituilo.

A BD loce moito mais neste cuarto, porque pode verse con mais perspectiva do que antes, cousa que en xeral repítese en toda a casa, todos os mobles acó semellan mais bonitos, porque a casa é mais ampla e, ao ser un piso elevado, mais luminosa.

Dixen xa que estabamos moi contentos no piso?

Chuzame! A Facebook A Twitter

Este ano, o certame A Coruña Son foi menos difundido do que nas edicións anteriores. Puido ser o feito de que este ano non estivera Santiago Auserón fixo que houbera menos atención, se cadra debeuse a outras cousas.

A verdade é que non lle fixen moito caso porque estiven liado toda a semana co choio e a familia como xa ven sendo costume así que teño posta só media atención ao que me chega pola fiestra que acendo e apago. Mesmo non tiña pensado ir ao concerto final porque tiñamos que ir a Ourense esta fin de semana e o sábado non ía estar na Coruña.

Mais todo iso cambiou porque quedaron sen presentador a última hora e propuxéronme o venres presentalo.

Eu inconscientemente apunteime, coma tantas veces, e alí aparecín o sábado para coñecer aos grupos e preguntarlles algo que poder dicir deles.

Paseino moi ben e acho que a cousa non saíu de todo mal, a mágoa é que só puiden ver (e escoitar) aos John Deeres que pecharon o concerto.

Despois cea con Tati, Alfredo, Paula e Pedro e despois fomos tomarlle algo ao Filloa con Gaspar e Andrés. Foi unha noite estupenda.

Durante o concerto Paula estivo facendo fotos e fai unhas fotos moi boas, porén disque eu móvome moito e non sairon fotos para poñer acó. Ou igual si, mais non vou romper o costume poñendo fotos miñas :lol:

Chuzame! A Facebook A Twitter

Pois iso. Xa vos dicía hai algo mais dun mes, na anterior entrada, que estabamos cambiando de piso. Pouco despois atopamos un par de pisos que encaixaban mais ou menos co que queriamos.

Queríamos Matogrosso porque alí traballa a señora Colombo. Xa cando mercamos o anterior fixéramolo coa idea de que estivera perto do seu traballo, só que algo despois a empresa trasladárase. Agora quedalle ainda mais perto do que lle quedara o primeiro piso. Supoño que non ira a traballar en zapatillas, porén igual vai por casa á hora do café.
Estou lembrando segundo escribo isto cando na casa dos meus pais había que estar pendente cando chovía de poñerlle o plástico por enriba á roupa que estaba a secar para que non se mollara toda. Daquela non había eses cubre-tendais de aluminio lacado tan modernos. A Sra Colombo estaría perto abondo da casa para baixar e poñerlle o plástico a roupa se tenderamos a roupa fora, que non vai ser por varios motivos (mais poder, podería).

O primeiro piso que vimos era moi grande e moi caro, gustounos moito, ofrecimos algo menos do que pedían (que ainda así era algo mais do que debíamos pagar polo ben da nosa economía) e os propietarios decidiron non só rexeitar a nosa oferta (paréceume ben ainda que me fodera) senon retiralo da inmobiliaria para subirlle o prezo despois de ver que nos gustara tanto (pareceume unha parvada). Díxenlle á xente da inmobiliaria que se eu non atopaba piso antes dun ano mercáballo por 60.000€ menos do que lle estaba ofrecendo agora. Cada un pide o que quere e fai cas súas cousas o que lle peta, porén se querían vender penso que se estaban trabucando. Ainda que igual o trabucado son eu e xa o venderon polo tantos centos mil que estaban pedindo.

O segundo que vimos gustounos tamén ainda que ten tres dormitorios e andábamos na percura dun de catro, mais ten unha estupenda terraza da que sacar partido nos dous ou tres meses de primavera-veran que hai na Coruña (vale, igual son catro meses :-D ).
Aquí fixemos outra vez oferta e ao dono pareceulle mellor que da primeira vez, así que pechouse a venda.

Durante a semana santa collín vacacións para facer a mudanza e prolongueinas esta semana para asinar a venda e a compra o mércores e o venres respectivamente.

Deume algo de mágoa deixar o piso porque era moi bonito e moi cómodo ainda que o novo agardamos que sexa ainda mais cómodo polos metros de mais que ten e pola súa situación que lle acae mellor á nosa vida arestora. A verdade e que ben pouco baixábamos ao centro e podemos facelo en coche, bus ou taxi se é preciso e para o resto Matogrosso vai ser mais cómodo pensando tamén na Moruncha.

Outra das cousas que quedan na lembranza é que no piso abrín o blogue e escribín a maior parte das entradas cando o blogue tiña un ritmo ‘de verdade’ (e non este de agora).

Este cuarto foi onde comezou todo. Agora xa só podo velo en foto, igual que vós. Supoño que saberedes xa que son un ghicho que tende á saudade.

No novo piso ainda non está claro de todo onde vou estar ubicado. Ainda ten que decidir a sra Colombo onde me vai poñer (non vivo enganado, igual que tantos outros teño menos peso en certas decisións que a miña parella).

Aos que vivides na Coruña xa vos convidarei a tomarlle algo na casa, e para o resto terei que poñer fotos. Fareino co tempo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Disque as cousas boas fan agardar, así que mellor que sexa tarde :D

Xa subín as fotos que fixen no AchegArte, non están peneiradas de todo, así que haberá moitas fotos semellantes e mesmo non moi boas, así se andivestes por aló é mais doado que aparezades no medio de algunha das fotos.

Coma di a Princesa Olaia: «que a zorza vaia convosco»

Chuzame! A Facebook A Twitter

Hai xa moito contado por aí sobre o AchegArte, e eu teño cousas tamén para engadir, nomeadamente fotos, que fixen moitas, porén non ando con moito tempo para peneirar as que sairon ben e terá que agardar.

O que xa subín é este video, co anaco final da actuación de Chévere no esceario teatral. Unha montaxe para todas as idades que parodia á Guerra das Galaxias e ten unha mensaxe moi clara de defensa do galego. Mágoa non o ter gravado enteiro, porque o comezo era, se cadra, mais divertido, porén así tamén quedades con gaña de velo se algún día tedes unha oportunidade perto da vosa casa.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/unwQedE607U" width="640" height="480" wmode="transparent" /]

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp