Os sábados son para min o día mais importante de Viñetas cada ano. Á mañá chegan os visitantes para recoller algunha sinatura nos albumes, visitar as exposicións e cumplir o rito anual do xantar de amigos.
Por se iso non abondara á tarde do sábado é cando rematan as conferencias e case sempre é xente que teño gaña de ver.

Este ano era concretamente o momento para escoitar primeiro a Jordi Lafebre e despois á tribo de Juanjo Guarnido, Juan Díaz Canales e Teresa Valero. Foron para min as dúas mellores charlas da semana.

Se teño tempo, igual esta semana engado unha pequena entrada para pechar o que foi para min Viñetas este ano. Non o prometo, e ademais, acho que cinco días seguidos publicando non o lembraban xa nin os mais vellos da parroquia ;-)

Chuzame! A Facebook A Twitter

Onte á tarde tocaba visita guiada por Antoni Guiral á expo sobre os pitufos. Gustoume moito o xeito que tivo de enfocar a visita coma unha conversa cos nenos, tentando que se introduciran no tema. E conseguiuno malia que o público foi bastante complicado, ainda que non polos nenos, abofé. Os nenos respostaron como se agardaba deles e roubaronlle o protagonismo en moitos momentos. Con todo, para min o mérito é del que amosou, alén dos coñecementos que xa sabía que tiña, un bo dominio da situación.

Mención especial a Sergio, xa veredes no video o seu gran coñecemento e soltura.

Despois, correndo cara a charla de Antonio Altarriba e Kim. Moi entretida, divertidos, falando do interior do proceso creativo do libro e un chisco emocionante por momentos.

Igual que avisei o outro día, teredes que ter paciencia coa calidade dos videos mentras está ainda procesándose, despois aumentará a definición da imaxe.

Despois, á noite fun á que será probablemente a derradeira festa de Polaqia en Viñetas. Non o pasei tan ben coma nas de outros anos, igual porque foi unha festa mais normal sen que montaran o número doutras veces, ainda que hei de dicir tamén que eu estaba moi canso e igual foi iso. Ou que as outras veces bebera algo e desta volta nin pinga como adoito facer agora.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Onte chegamos ó Ecuador de Viñetas 2011. Á tarde charla primeiro sobre Polaqia con José Domingo, Brais Rodriguez e David Rubín que falaron un pouco sobre o colectivo, as súas orixes funcionamento e final. Sen meterse en temas espiñentos (se é que os houber). Tivo os seus momentos simpáticos. Velaquí:

E despois da pausa, Marcos Nine e Miguelanxo Prado sustituiron a José Domingo e Brais Rodriguez para seguir a conversa con David Rubín e Carlos Portela, centrada xa na súa traxectoria como autor, o seu último traballo, El Héroe e o documental que centrado nel fixo Marcos Nine.
Aquí si que houbo unha pequena polémica con mais de coña que outra cousa sobre as bondades de Dark Knight 2, defendida por Rubín e reivindicada coma influencia mentras que Carlos Portela atacaba a obra (desde a postura mais espallada sobre a mesma, todo hai que dicilo) Estivo moi entretida a charla.

http://youtu.be/KTgMpCauTHc

Despois das charlas eu fun con mourullo e Grial Parga a tomarlle algo polas casas rexionais e mais tarde ainda ó concerto de Metralletas lecheras e Mano de Obra no 14! onde atopamos a Txiki Calvo e a Zerovacas que ían con Erika Seven á que non coñecía en persoa previamente. Ademais andaban por aló Polaqos varios preparandose para a festa desta noite ou simplemente mantendo o ritmo.

E seguimos coa semana!

Chuzame! A Facebook A Twitter

Poño o 1 no título sen moita confianza porque xa era raro atoparme escribindo no blogue e pedir mais de unha crónica de calquera cousa é moito pedir.

Con todo, poño o un porque o que vou facer vai ser subir videos. Xa o ano pasado gravara a visita á exposición dos clásicos do cómic en prensa guiada polo propio comisario da exposición e propietario dos orixinais expostos, Jaume Vaquer. Este ano pedín unha cámara de video por aí para gravar a visita á expo de superheroes outra vez con Jaume Vaquer. Como xa a tiña onte fun probala e gravei as charlas sobre a Viaje con nosotros por Jorge Díez e a que deron a viuva e o fillo de Guido Crepax sobre a obra do autor de Valentina. Este ano R tivo a ben aumentar a velocidade de subida e cos 3Mb/s nunha noite subín os videos das dúas charlas, nada que ver coa desesperación do ano pasado. (Acho que YouTube tamén mellorou os seus tempos de procesado, por certo)

A novidade deste ano en Viñetas, ademais do apoio do alcalde, que fora dúbida co cambio de partido que houbo despois das eleccións é a reforma no segundo andar do Kiosko Alfonso que agora ten portas e está mellor acondicionado. Xa non pasará coma noutros anos que o venres non se poidan escoitar as charlas polo rebumbio da xente que agarda que lle asinen abaixo. Non lle saquei fotos onte, a ver se o lembro hoxe.

Nada mais, que estou case saindo pola porta. Deixovos cos videos das charlas. Están subidos en HD ainda que a calidade de imaxe non o pareza, polo que podedes ver o video en grande se queredes ;-)

Viaje con nosotros:

E o resto da charla:

Está cortado porque temía (como así foi) que non chegaría a tarxeta para gravar todo o de Crepax que aquí tedes:

e segue:

Agardo que sirva para os que non estiveron poidan facerse unha idea do que alí se falou.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Nunha galaxia moi lonxana no tempo…

Vale, non é tan lonxana, mais non lembro de tardar tanto en contar algo que pasara coma desta volta. A verdade é que xa debería deixar de dicir estas cousas porque estase a converter na marca da casa.

Este agosto foi un mes bastante movido. Ainda que este ano houben de cambiar as vacacións de agosto para decembro non faltaron cousas que facer n’A Coruña.

Comezou o mes pola feira do libro, mais non vou falar dela agora, vou saltar esa semana e comezar por viñetas que coma sempre, foi a seguinte semana, ainda que este ano a feira do libro rematou despois de que comezara viñetas.

Non vou facer un relato detallado de todo o que pasou en Viñetas porque a grande novidade deste ano é que viñetas xa ten unha web decente e foron poñendo crónicas diarias das charlas cos autores, algunha entrevista e mais cousas do que aconteceu. Así que se queredes saber o que pasou este ano recoméndovos que vaiades aló e botedes unha ollada ao diario.

Eu só podo aportar algo que aló non hai, porque recollín a meirande parte da charla que Jaume Vaquer fixo percorrendo a exposición de orixinais de comic de prensa dos EUA do século XX. Se a exposición é boísima pensade que todos os orixinais son da súa colección privada e que xa é o segundo ano que ven a viñetas. A idea de gravar a charla copieina da Voz que o ano pasado xa gravaran anacos da mesma.

Este é o primeiro de 10 vídeos, porque partín en anacos a gravación para poder subila ao Youtube. E ainda así deume un choio de carallo para poder subilo coa calidade que da a cámara. Acéptanse donacións para mercar unha cámara HD.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/Qe3LYkxWX2Q" width="640" height="480" wmode="transparent" /]

O resto dos vídeos os tedes no YouTube, ainda que as teredes na canle de Apocalipse do Porco do youtube por se queredes, as ligazóns son estas 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10.

Seguín indo ás charlas cada día, só as mais das veces ainda que acompañado polo meu amigo Bern o xoves que viu coñecer Viñetas e sorprendeuse. Non contaba con que Viñetas tiveran tanto de artistico e tan pouco de editorial.

O venres con quen estiven foi con Mourullo e con Grial cos que despois ainda sain dar unha volta. Este ano, e por como cadrou a semana non fun nin á festa de Polaqia nin á de carne líquida (e tampouco merquei este ano o carne líquida) que son as festas mais divertidas que hai normalmente en Viñetas. O venres non fun á de carne líquida porque non lles apeteceu á xente coa que ía e o sábado porque fun cear con algúns coñecidos e liámonos de tertulia até tarde.

O sábado que viñeron Alberto e Almudena e coma sempre xuntámonos cos de cada ano ainda que este ano fallaran Pablo e Zeke, que disque viu o venres e co que non coincidín (por desgraza). Á mañá coma sempre na cola para que os autores fixeran algún debuxo nos seus libros, comida no Foster’s (outra tradición de sábado en Viñetas, xa) cunha estupenda charla con Cano que botou a lingua a pacer canto quixo (para a súa sorte e a miña desgraza carezo de memoria, uns dos motivos polos que levo este blogue para que me axude a lembrar, e seguramente esquecerei todo o 90% do que contou mesmo antes de que estea outa vez con el).

A charla de McKean foi a que tivo mais xente segundo lembraban os mais veteráns, había mais xente do que o ano pasado con McCloud. Eu teño a sensación, sen poder aseguralo porque carezo de datos, que este ano houbo mais xente nas exposicións. Por dicir algo, igual a xente non marchou de viaxe pola crise ou había mais xente acó por ser ano Xacobeo ou algo así. McKean sacou fotos e compartiunas co seu twitter.

Do resto dos autores quedo coa sorpresa que levei con Émile Bravo que é fillo de emigrantes españois e fala castelán perfectamente, o que lle permitíu ter soltura nas súas intevencións e deixar unha imaxe de home moi simpático.

Outro moi simpático e que me sorprendeu porque quedei coa idea de que é un home intelixente (non sabería exactamente por que detalles do que dixo, foi unha sensación). Non agardaba que fora parvo, mais quedei coa idea de que era un tío intelixente ademais do tópico gaditano simpático.

Con Denis Kitchen descubrín que tanto ver series en versión orixinal estame a servir de algo, porque mesturado co seu xeito de falar calmo e claro pareceume por vez primeira que Diego era un traductor lento.

Cousa que demostrou na conferencia de Dave McKean que non podía ser mais errado. Contra o final da charla, xa case sen tempo para ter que ir a cear co alcalde Diego traducíu totalmente axustado ao que dixera McKean e a unha velocidade semellante á dos anuncios dos micromachines. Pampos quedamos todos.

Na conferencia de McKean houbo un momento desagradabel. Ángel de la Calle, que presentou a conferencia avisou que, pola limitación de tempo xa que tiñan despois a cea co alcalde e non podían demorarse, non asinaría nada a ninguén. Ángel fixo unha coña dicindo que a obligación que tiñan os frikis era ainda así tentalo. Foi unha coña, mais houbo quen non o entendíu. Ademais (e pior ainda) cando rematou a charla asinou un libro a un debuxante que estaba no público.
Despois diso houbo un momento moi desagradabel cunha rapazas que tentaron acadar que lles asinara os seus libros.

Eu son o primeiro ao que lle encanta que os autores fagan un pequeno debuxo nos seus libros. Non vale para nada, coma tantas cousas na vida, mais gústame. Porén nunca pido que ningún autor (non sendo amigos) me adique ningún libro fora dunha sesión de sinaturas. Eu sei que son moi especial, alomenos igual de especial que outros 6000 millóns de persoas, por iso o só quero algo pequeno e só son un, pode converterse en 50 ou 100 pequenas cousas en calquera momento.

Estas rapazas foron ademais de molesto para McKean e moitos dos que o estabamos vendo unha falla de educación bastante importante, enfrontandose a unha rapaza da organización que lles dixo que non podían molestalo e faltandolle totalmente ao respeto. Cousas coma esta igual fan que quedemos sen a sesión de sinaturas dos venres e os sábados e sería unha mágoa.

Deixemos que a dura ollada de Denis Kitchen caia sobre esta xente

Nada mais, mencionar a Camille Jourdy, autora de Rosalie Blum e que ademais caba de ser nai hai uns meses (estes detalles que sempre destacamos os pais de familia :D ) Non deixedes de ler esta triloxía se tedes oportunidade. Sorprendeume vendo os seus orixinais que os coloree con rotulador. Gústame moito o resultado mais non o agardaba.

E a Raule e Roger os autores de Jazz Maynard que recoñezo merquei despois da súa charla e estou pasándoo pipa coas súas aventuras. Unha BD onde toda-las portas abrénse a patadas.

E isto foi un anaco do que foron Viñetas este ano, tedes mais fotos no meu flickr. E vémonos o ano que ven outra vez.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Ben, despois duns intensos días de crónica e para os que ledes uns longos días de espera, (que para min ainda foron mais intensos do que os de Viñetas, xa vos contarei…) chegamos a miña derradeira xornada no festival. Despois de mais de dúas semanas non sei que agardades que lembre, mais abofé que nesta altura mais ben pouco.

O que si podo lembrar, é que o sábado as miñas enerxías estaban xa case esgotadas, con todo e deitándome ás tantas a noite anterior, levanteime para ir á rolda de prensa de Posy Simmonds e Paco Roca, se ben, acordei con pouca claridade de ideas e de primeiras non lembrei moi ben o que tiña que facer esá mañá. Porén, cheguei, ainda que xa comezaran e tiven tempo de facerlles só un par de preguntiñas. Con medo, ademais, de preguntar por algo do que xa se falara antes de eu chegar.

Mais mérito ainda tiña Mar, a responsable de comunicación da organización, que estivera tamén na festa o día anterior e estaba alí coma un reloxo. Supoño que a desculpa que debo poñer é a viaxe da noite anterior a Vigo, que ainda que pagara a pena, consumiu moitas das reservas que tiña para a semana.

Paco Roca estivo falando da ‘vida’ despois do super exito que acadou con arrugas e da presión polas moitas olladas que hai sobre o seu traballo agora. Como ‘las calles de arena’ cambia de temática disque vai perder parte do público ‘collido prestado’ polo tema social que trataba ‘arrugas’ porén é algo que asume con naturalidade. Comentou algo do filme de animación que van facer sobre arrugas que está en fase de preproducción, xuntando cartos para facelo, levan xuntado 1 millon dos 2 e medio que precisan para facela. E disque a voz do protagonista vai poñela José Sacristán.

Posy Simmonds comentou que a trama de Tamara Drew só estaba bosquexada antes de comezar a escribila e, ainda que comezou con varias semanas de vantaxe para que a publicación seriada non a alcanzara polo seu ritmo de traballo (mais baixo que o de publicación) cara o final as datas de entrega achegáronse até o límite. Mesmo houbo un par de semanas que tivo a gripe e fixo eses capítulos de calquera maneira, tendo que arranxar despois de que xa estiveran publicados as desfeitas que causara no argumento. Para os que xa lérades a obra direivos (con coidado de non estragar a historia aos que non) que o desenlace da historia relativo a Jody non formaba parte do esquema inicial, que foi un cambio que introducíu segundo desenvolvía a historia.

Despois da rolda de prensa agardei facendo cola co resto de afeccionados polos autores para conseguir un debuxo ou unha adicatoria dos autores nos meus libros. Xa tiña un debuxo que conseguira Pablo de Pasqual Ferry, igual que de Fonollosa, así que fun á mesa de Giardino. Ademais del tamén conseguín debuxos de Posy Simmonds, Scott McCloud, Paco Roca (que fixo un debuxo moi gracioso) e Juillard. Só quedei sen debuxo, entre os que lle tiña libros, de Emma Rios, ca que supoño que terei ocasión de atoparme nalgunha presentación de Hexed nunha librería. A Álex Cal terei que agardar que lle publiquen North Wind (que non ten mala pinta) e a ver se nos visita. Por certo, a moza de Alex Cal é simpática e ten un curioso tatu no brazo que supoño que lle encantará a Alex. E de Emma Rios hei de dicir que estivo moi agarimosa cando lle contei que estaba casado coa señora Colombo, que fora moi amiga súa cando de pequena vivira en Ourense. (Mesmo trasmitinlle os recordos que lle mandaba o meu sogro)

Mentras agardaba polos debuxos no Kiosko chegaron Turuto e Almudena e fixemos a segunda parte da comida anual, tamén con Santi e Rocio. Este ano como xa vos contei Zeke e Pablo cambiaron o día. E á tarde chegaba o momento mais agardao por mín de todo o festival: a conferencia de Scott McCloud.

O señor que vedes sorrindo mentras ve a exposición de Posy Simmonds é un dos mais coñecidos teóricos da BD, ou alomenos o mais coñecido divulgador de teoría da BD. O motivo é que emprega a propia BD como medio. Para os que non leades normalmente BD e sexades da parroquia de internet, este home fixo aquela BD que sacou Google falando do Google Chrome cando fixeran o lanzamento do seu navegador.

A conferencia non aportaría moitas novidades para os que leran as súas obras Understanding comics, Reinventing comics e Making comics, porén descubríu pequenas anécdotas persoais e foi divertida e brillante. Destacar a labor de Oscar, que afrontou a tradución simultanea con brillantez ainda que McCloud falara moito e a toda velocidade. Foi unha peza esencial para manter o dinamismo da charla. Non vou tentar reproducir a charla despois de tanto tempo, so lamentar que non puidérades estar aló, porque foi un momento excepcional.

E nada mais, viñetas remataba para min, tempo só para unha cea con amigos no mambo italiano no que se producíu unha anécdota que ao final foi divertida. Saltou a alarma da casa dos propietarios e saíron cara aló deixando a Eva coma pizzaiola improvisada. Ao seu regreso risas porque fora unha falsa alarma e pola habilidade de Eva no forno.

Non farei mais reflexións nesta altura, xa moito foi dito noutros lugares mais autorizados ca min. So dar as grazas a toda a organización e aos amigos que atopo cada ano polo ben que o paso nesta semana. Sen dúbida, sempre entre as mellores do ano.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp