Marquen o día en vermello nos seus almanaques.

Vale, xa a Xunta encargouse de que o día estea marcado en vermello, porén póñanlle vostedes unha marca mais ó día 25 de xullo.

Non, non o marquen coma o día da Patria, nin coma o día do Patrón das Españas, o 25 de xullo é o día da Chuzarrascada.

A xantanza a base de polbo, churrasco, viño, gasosa, LK e outras delicias dos usuarios de Chuza, por sorte non foi irrepetibel e o ano pasado pasámolo ainda mellor que o anterior.

Se un gran momento do primeiro ano puido ser a aparición do brownie feito na casa por Snob Megalove...

brownie.jpg

...non cabe dúbida que o momento mais recordado do segundo ano foi o encontro co Quin (e a ráfaga de fotos, menudos modelos están feitos estes chuceiros!)

A chuzarrascada™ é un evento aberto a todos os membros de Chuza, (e en realidade ós non membros tamén) porque consiste en achegarse ao Festigal o día 25 para comer polbo e churrasco (normalmente na 'Pulpería Pardo').

Eis o segredo polo que Chuza mola moito mais que meneame, digg ou calquera outra rede social: nós comemos churrasco!. Se ainda non estiveches, estás a perder unha boa, e se xa estiveches sabes que non a debes perder.

Non deixes que che conten o que pasou, nen sequera ler a crónica na apocalipse do porco é tan bo coma estar alí.

Chuzame! chuzame -

Este domingo no Conxo, os tolos da billarda zouparánlle duro cos paláns no playoff nacional da LNB.

Os campións do NorLeste e NorOeste loitarán pola honra de ser os primeiros campións neste enfrontamento entre conferencias.

Se ainda non viches xogar a billarda, esta pode ser a túa oportunidade de ver xogadores de grande nível. E só con que haxa a metade da emoción que houbo na final do NorOeste haberá que solicitar a presenza de ambulancias para atender os corazóns desbocados.

CHEGA O ESPECTÁCULO A COMPOSTELA!!

play-off-nacional-08.jpg

Outro deporte é posíbel!

Chuzame! chuzame -

Despois de desbotar o moito mais cómodo titulo de arredor da cuestión nacional e cun humor que desborda as súas letras, cheos de espírito punk e cunha música deliciosa ATAQUE ESCAMPE sacaron xa o seu segundo disco: Galicia es una mierda.

Podemos os que non vivimos en Compostela e descoñecemos o barrio de Vista Alegre desfrutar con este disco? Abofé que si, e non só porque ás veces escoitarás o disco cun sorriso, tamén polos momentos emocionantes (que tamen os hai) e sempre pola boa música.

Déanlle vostedes unha oportunidade, que está na Regueifa e é de balde.

Tamén teñen comentarios dos textos polos propios artistas no seu myspace.

Xa me darán as grazas despois de escoitalos.

Chuzame! chuzame -

Os tres do Eixo están xa en terceiro grao despois de mes e medio.

Había ser tan axiña se non mereceran, cando menos, ser indultados?

Alomenos poderán traballar e ver decote ás súas familias.

Agardando polo indulto.

Chuzame! chuzame -

O venres, como anunciara, fun ó concerto de Fanny + Alexander e The Homens na sala Nasa. Cheguei con tempo abondo a Compostela para ter tempo de aparcar ben o coche e saudar á xente antes de entrar no concerto. Grave erro.

Grave erro, porque ó chegar atopei xornalistas ou xornalistiños, (que non sei moi ben o que é esta xente xa) na compaña dun aprendiz de alquimista, e tiveron o bo detalle de convidarme a acompañalos na súa cea. Coma alí ó lado comeran todo o pan xente coma Gustavo harvey e os Homens fomos lonxe e voltamos sen presa. Todo o mundo sabe que os concertos comezan con 30 minutos ou unha hora de atraso sempre.

Por nada do mundo quería perder o debut de Fanny + Alexander despois de levar varios días escoitando sen parar o seu novo disco. (Canto mais o escoito mais gosto del). Non teño nada contra o rollo británico na música, non supón un problema, agás cando o británico é a puntualidade. Nós chegamos á Nasa ás dez e media e nese intre soaba María Silenzo. Disque comezaran ás dez e cuarto e tocaron só seis temas. Só serán perdoados cando se poñan outra vez a tiro para escoitalos. E polo que comentaron despois xa teñen mesmo escollido compaña para unha minixira de presentación por Galiza.

Según entraba na NASA fun atopando xente coñecida. Ademais de Harvey outra vez, estaban Mario, a rapaza do arco, Rosa (que me apresentou no momento Mario), zerovacas, berto, María, Pepa (que non coñecía e fixen que ma presentaran coma bo fan), Kate, Projecto Mourente, Rubén (que non desvelou o nome do seu fotologue), besbellinha (que xa fixo a súa crónica), Juanma, e ó pouco chegou o Sak (e comentaronme os dous que o proxecto ds perdeu o guión, mágoa que polo camiño tamén perderan o e-music). Alí no medio andaba tamén un dos noise project (pouco me sorprendeu que fora o baixista :lol: )

Os concertos de The Homens non sei se os desfruto porque son moi bos ou porque volvinme fan deles.

Xusto na primeira fila, cantando, bailando e saltando desfrutei coma un anano. É certo que paguei a peaxe dun acúfeno o resto da noite e mesmo ó día seguinte, porén aló estaba a xente que mais bailou e pagou a pena.

Subíu Projecto Mourente a cantar con eles...

...contaron 'o chiste do baixista'...

...que tamén tivo tempo de estropear o seu ampli de valvas e tivo que seguir enchufado cun inxector dereito á mesa...

...repartiron xoguetiños, dos que non apañei ningún (hai que consolarse pensando que despois andan estorbando na casa) se cadra por andar ca cámara a voltas, porque ó meu carón houbo unha chea de afortunados...

E xa cara á fin do concerto empezaron a subir varios amigos mais a tocar con eles

incluindo ó guitarrista dos samesugas, que os acompañou tamén nunha versión que fixeron do seu grupo,

e Projecto Mourente outra volta, que lles tocou o teclado.

Para rematar con Martiño ó mais puro estilo guitar hero tirado polo chan.

ó rematar o concerto aproveitei para mercarlle o disco ós dous grupos, que mentras non fagan coma os de Radiohead non se lles pode pagar polas descargas que amabelmente ofrecen de balde na rede (hai que facer por apoiar o copyleft, que se vexa que non só é de boquilla). Unha das persoas cas que estiven falando esa noite foi o Regueifeiro, que disque el merca canto disco galego aparece no seu camiño, un bo exemplo a seguir, ainda que eu non aspiro a tanto coma el. Despois de marchar da Nasa só tiven tempo de dar unha pequena volta por Compostela, que prometera á señora Colombo marchar cedo. Con todo, ainda tiven tempo de ir ó malas pécoras, onde fixen varias fotos. Ainda que non fun eu só que había algúns outros blogueiros (ou blogueiras) tirando fotos por alí.

Desde logo, se semellaba que algúns eran acosados por fans e/ou blogueiros que non os deixaban, coma se foran do tomate...

Ben merecido o tiña por facelo tan ben na Nasa, e por caer no mesmo pecado eles mesmos :lol:

Ó marchar do malas, e despois de coñecer a lua neghra na porta, só tiven tempo de entrar e sair no tarasca co tempo xusto para que Mario explicara 'a verdade' sobre o argumento de l'affiche rouge (case estou convecido de ler o libro, xa o contarei...) e para ver dous fulanos con cartaces que dicían que eramos xeniais (xa o sabíamos antes) e convidandonos a apertas de balde (non pedín nengunha, que non teño costume de dar apertas a xente cun nariz vermello).

Ó final non voltei estar con xorna, fer, o xirarei e oko, que non coincidín con eles. Terá que ser para a próxima.

Xa na autoestrada, a noite rematou soprando nun control da Garda Civil de tráfico entre Pontevedra e Vigo.

¿Resultado? admítense apostas.

Chuzame! chuzame -

Nun intre vou cara aló, á presentación de dous discos polo prezo de unha.

E tiven a precaución de mercar o billete na rede, non sei se haberá problemas na billeteira (ainda que acho que non).

Chuzame! chuzame -