Queridos Benigno, Suso e Virgilio:
Permitídeme que comece desculpando todo o que ven detrás dicindo que ocorreuseme escribilo mentras tomaba unhas cañas. Doutro xeito non sería posible que pretendera dar consellos eu, que son un afeccionado sen mais (porque non cobro por estes desbarres) a vos, que sodes profesionais (disque vós si que cobrades).
É sabido que neste país o acceso á rede é cousa duns poucos, ademais maioritariamente urbanos e novos, e supoño que tamén con estudos universitarios.
Este público antes era gran consumidor de televisión. Na miña época universitaria, pasábamos tempo e tempo diante da pantalla, a televisión e a radio eran as principais canles de chegada de novedades musicais e de todo tipo. Hoxe a rede sustituíu para algunha xente ese papel, porén a televisión e algo menos a radio seguen sendo a ferramenta de comunicación mais poderosa, cun alcance potencialmente universal.
No seu día, non hai moito houbo unha campaña na rede na que se reclamaba a emisón novamente da serie ‘os novos’. A TVG atendeu a petición pero non tivo o éxito de audiencia que se agardaba. Pero penso que se debeu alomenos a dúas causas das que non se lle pode botar a culpa á campaña xurdida na rede:
-A nova dobraxe. Moitos dos que pedían a reposición eran nostálxicos que xa a viran e coñecían a dobraxe orixinal. A nova, por moi ben feita que estivera defraudounos en maior ou menor medida.
-O horario. Os que daquela podían ver a televisión de noite agora traballan e non poden quedarse tan tarde coma antes. Tiñan que conquistar un público que descoñecía a serie nun horario desfavorabel e sen o apoio dos que xa a coñecían.
Por iso non escoitar ó que se di desde a rede recordando que xa fallaron ca teima da reposición dos novos non penso que sexa boa idea.
¿Que vai pasar con Heroes?

Ogallá me estea a equivocar, pero se o fedello serve de termómetro moito do público obxectivo da serie xa a víu. Unha exigua minoría en inglés subtitulada e moitos en castelán. Haberá quen a vexa de novo en galego pero igual non como para ser exito de audiencia. ¿Porque tardou tanto a TVG en emitir esta serie? onde vai xa que o resto de canles da Forta comezaron a emitila! Se a serie non ten exito, o que hai que facer non é deixar de mercala. Habería que mercala e botala tan axiña coma o permita o proceso da dobraxe. O publico agarda por unha dobraxe que entenda, pero prefire vela en castelan que agardar meses polo galego.
Tampouco se pode excluir á xente maior da televisión nin da radio, pero a risco de ser xa pesado, Galicia necesita que a xente nova, culturalmente activa, teña a súa canle de saida. Se temos canles públicas hai que aproveitalas, e a medio prazo o éxito é seguro. Lembremos o Xabarín, Suso. O exemplo está aí, e o público é ese mesmo que medrou. Hai público para unha segunda canle musical na radio e mais ‘nova’ na televisión. Ninguén, de toda a xente ca que falei do tema da RGM e da TVG no meu entorno concordaba ca programación actual (nomeadamente ca música de continuidade da RGM)
A tendencia en outras partes semella que é a especialización dos contidos. Non sei a que agardades. Nós non podemos facelo, pero confiamos en vós. A cultura e a lingua do país poderían sair moi reforzadas do voso esforzo.

E espero cambiar de tema, que xa me estou a poñer pesado.