Disque as cousas boas fan agardar, así que mellor que sexa tarde :D

Xa subín as fotos que fixen no AchegArte, non están peneiradas de todo, así que haberá moitas fotos semellantes e mesmo non moi boas, así se andivestes por aló é mais doado que aparezades no medio de algunha das fotos.

Coma di a Princesa Olaia: «que a zorza vaia convosco»

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Ante a inclusión no Anteproxecto de Lei de Economía sustentábel de modificacións lexislativas que afectan o libre exercicio das liberdades de expresión, información e o dereito de acceso á cultura a través de Internet, os xornalistas, blogueiros, usuarios, profesionais e creadores de internet manifestamos a nosa firme oposición ao proxecto, e declaramos que…

1.- Os dereitos de autor non poden situarse por riba dos dereitos fundamentais dos cidadáns, como o dereito á privacidade, á seguridade, á presunción de inocencia, á tutela xudicial efectiva e á liberdade de expresión.

2.- A suspensión de dereitos fundamentais é e debe seguir a ser competencia exclusiva do poder xudicial. Nin un peche sen sentenza. Este anteproxecto, en contra do establecido no artigo 20.5 da Constitución, pon nas mans dun órgano non xudicial -un organismo dependente do Ministerio de Cultura-, a potestade de impedir aos cidadáns españois o acceso a calquera páxina web.

3.- A nova lexislación creará inseguridade xurídica en todo o sector tecnolóxico español, prexudicando un dos poucos campos de desenvolvemento e futuro da nosa economía, obstaculizando a creación de empresas, introducindo atrancos á libre competencia e ralentizando a súa proxección internacional.

4.- A nova lexislación proposta ameaza os novos creadores e obstaculiza a creación cultural. Con Internet e os sucesivos avances tecnolóxicos democratizáronse extraordinariamente a creación e a emisión de contidos de todo tipo, que xa non proveñen prevalentemente das industrias culturais tradicionais, senón de multitude de fontes diferentes.

5.- Os autores, como todos os traballadores, teñen dereito a viviren do seu traballo con novas ideas creativas, modelos de negocio e actividades asociadas ás súas creacións. Tentar soster con cambios lexislativos unha industria obsoleta que non sabe adaptarse a este novo contorno non é nin xusto nin realista. Se o seu modelo de negocio se baseaba no control das copias das obras e en Internet non é posíbel sen vulnerar dereitos fundamentais, deberían procurar outro modelo.

6.- Consideramos que as industrias culturais necesitan para sobrevivir alternativas modernas, eficaces, críbeis e asequíbeis e que se adecúen aos novos usos sociais, en lugar de limitacións tan desproporcionadas como ineficaces para o fin que din perseguir.

7.- Internet debe funcionar de forma libre e sen interferencias políticas auspiciadas por sectores que pretenden perpetuar obsoletos modelos de negocio e imposibilitar que o saber humano siga a ser libre.

8.- Esiximos que o Goberno garanta por lei a neutralidade da Rede en España, ante calquera presión que poida producirse, como marco para o desenvolvemento dunha economía sostíbel e realista de cara ao futuro.

9.- Propoñemos unha verdadeira reforma do derecho de propiedade intelectual orientada ao seu fin: devolver á sociedade o coñecemento, promover o dominio público e limitar os abusos das entidades xestoras.

10.- En democracia as leis e as súas modificacións deben aprobarse tras o oportuno debate público e tendo consultado previamente todas as partes implicadas. Non é de recibo que se realicen cambios lexislativos que afectan a dereitos fundamentais nunha lei non orgánica e que versa sobre outra materia.

NOTA: Este manifesto foi redactado conxuntamente por xornalistas, blogueiros e internautas, nunha maratoniana sesión durante a tarde-noite de onte. Se estás de acordo, difúndeo por todas as vías que poidas.»

Tradución via

Recomendo ler a asisada reflexión que fai folerpa nas súas alfaias ainda que non concorde totalmente e gustaríame ademais que o goberno defendera aos votantes e non aos lobbys que lles fan gobernar contra eses votantes. E chove sobre mollado unha vez mais.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Mañá e pasado estarei no acheGarte botando unha ollado a moitas das cousas que ofrece a industria cultural galega.

achegharte

O programa ten de todo: presentación de libros, obradoiros de Banda Debuxada, teatro, danza, concertos, cinema e ainda mais.

A propia Blogaliza terá un stand na que se botará unha man aos que queiran abrir un blogue nesta casa, e para os que xa o teñan haberá camisolas de agasallo co novo logo da vaca.

Este ano non haberá Culturgal, porén a programación de achegarte, ainda que estea mais concentrada, semella que non terá nada que envexarlle.

Tedes a programación actualizada no blogue da concellería de cultura. (agora debería dicir acheGádevos) Vinde!

E se non queredes vir, sempre podedes ir ao outro eventoda fin de semana:

esganarte

Fagades o que fagades, aproveitade e non quededes na casa.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non lera de novo o que aquí deixara escrito sobre o cultur.gal 07 até hai un anaco, que vin o que puxera para comparar.

O único que lembraba con claridade do meu paso fugaz fora a apariencia cutre que tiña o espazo onde estaban os expositores. Moito ar sobre eles dando unha sensación de hipermercado. Non lembraba, en troques, que o ano pasado houbera mais presenza de artistas plásticos.

A comparación entre un ano e outro non pode ser xusta, porque este ano foi na cidade na que vivo e ademais estaba de vacacións, polo que puiden ir varios días e ademais en horarios diferentes.

O primeiro día achegueime á tarde con Ifrit coincidindo coa presentación do catálogo da aaag

E xa empecei a atopar xente coñecida. Algunha que agardaba atopar coma Txiqui ou Tati, Alfredo, Pawley e Goretoxo e outra que non, coma Sonia, Rodrigo, Javier. Mesmo atopei xente que non vía hai mais de 15 anos coma Cristina ou Nuria. Tomado algo coñecín tamén a Quique e rematei tomando algo por aí con Quique e Rodrigo (até horas mais que respetabeis, ainda non deran as 11 cando cheguei á casa)

O venres baixei coa moruncha, presumindo de filla guapa e case non fixen nada, porque quedara para comer coa señora colombo alí ó lado coa idea de dar unha volta os tres á tarde. Pasei case todo o tempo no stand da aelg con Tati, Alfredo, Goretoxo e Pawley. Mesmo quedei un anaco aló só cando eles marcharon comer. A señora Colombo estaba cansa despois de pasar a mañá traballando e marchamos para casa. A tranquilidade de vivir na cidade onde é a feira permitiu que deixara pasar a tarde con elas na casa.

O sábado xornada completa. Cheguei algo antes das 11 pensando que abría ás 10 e nin falei co garda de seguridade. Debeu pensar que tiña algo que facer dentro, ou víume moi decidido abrindo a porta. Despois de dar unha volta e ver moitos postos valeiros (algo que me fixo raro, a verdade) xa me explicou Sonia que entrara antes de tempo.

Chegaron María e Pawley e senteime para escoitar a tertulia cultureta ao vivo.

E despois dun cafeliño fixen o propio coa presentación do libro de Jaureguizar, que aquí na foto polos ollos que ten debe estar falando de Caneiro.

Ainda que acho que non é un home diabólico, porque ten uns fillos moi riquiños. Este é o neno.

E ademais coas estupendas galletas de limón que agasallaban, teñen que ser boa xente.

Despois estiven facendo P2P con Pawley, que andaba presumindo o outro día no Facebook de ter moitos filmes rarunos no disco duro.

Á tarde paseo familiar coa señora Colombo (que ós poucos vai deixándose ver e xa deixou de merecer ese nome hai tempo :lol: ) e a moruncha. Estivemos con Opaco e Rosi, con Dorfun, con Brenlla, e con moitos dos que xa estivera á mañá.

Levei ás rapazas á casa, e despois de bañar á Moruncha deixeinas para baixar ó music.gal, espectáculo en formato de gala televisiva gravado pola TVG (a ver se o emiten) con poesía e música ao vivo.

Quedara con Ascarida, Spaviladiyo, Dorfun, María, Besbellinha, Mourullo e sentamos detras da xente de la nevera 61 (que nesta foto vense fatal mais acredita que estaban alí)

A presentación da gala estivo a cargo de Belén Regueira e Chévere e foi un chisco irregular, ainda que por momentos fíxome coña.

Empezaron The Homens, que colleron o público completamente frio. A pesar de que lle berrei pedíndo pedimos sutilmente o chiste do baixista non tiveron o detalle desta volta :lol: Foi o detalle que lles fallou. Porque tiñan algo co que abofé eles non contaban: tiñan na pantalla de detras un video que semellaba unha pantalla do guitar hero. E non é preciso que creades, podedes velo neste infame video que subín ao Youtube.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/LKFOQZHBdeA" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Seguiron o sonoro maxín que fixeron mover os pes no asento ós seus parroquianos

e que foron o preludio dun dos momentos con mais morbo a priori da velada. Cando vimos no programa que estaban Yolanda Castaño e Panchez, moitos lembramos certo vello asunto. Finalmente Panchez non aparecía, só era un dos autores da imaxes que decoraban o esceario.

Ainda que se vedes a imaxe desde mais lonxe, seguro que algún estivo vixiando a ver se deixaran ben atadas as imaxes ou ían facer coma no anuncio do cuponazo da once levando a Yolanda por diante.

Por fortuna todo o mundo fixera ben o seu traballo, non pasou nada e YC protagonizou un dos dous momentasos culturetas da noite..

Seguiron Marful, bos músicos, e unha cantante cunha voz esplendida e moi xeitosa.

Do outro gran momento cultureta da noite non teño imaxes propias: a actuación de Estibaliz Espinosa tívome tan abstraido cos plugins do Windows Media Player que esquecín facerlle fotos. Teño que ver se ten na rede a presentación en powerpoint que empregou para colala aquí.

Dsepois chegaron os que, para min mellor o fixeron esa noite, Dios Ke Te Krew. Enerxía e moita presenza no esceario. Mágoa que o son non permitíu escoitar perfectamente as súas rimas.

E rematou Projecto Mourente, Carlos tan riquiño coma sempre, Yolanda co látego e do seu novo guitarrista non sei o nome (ainda).
Tivemos que poñernos en pe para bailar porque para algo somos fans e ademais era xa o fin de festa.


Se queredes ver as fotos mais grandes e algunha outra mais que subín podedes atopalas no meu flickr.

Hai un ano parecíame unha grande idea ter o Cultur.Gal nunha cidade mais pequena, do tamaño de Pontevedra fronte o que opinara arumes. Agora hei de darlle a razón. Este ano pareceume moito mellor do que o ano pasado, polo que apoiaría que se repetira ubicación o ano que ven. Ademais a min venme moito mellor tela ó lado da casa ;-) .

Podedes ver que a miña foi unha visión moi parcial da feira e acho que a cousa cara o público debe ir por aí, atraelo por algún dos múltiples motivos que a cultura galega pode dar para que unha vez dentro da feira descubran cousas novas.

Eu melloraría a información, que entregaban nunha guía na porta e tentaría sustituila por algo mais atractivo: paneis, pantallas, sinalización mais recahmante indicando os camiños ós distintos espazos.

E daríalle mais bombo á web con tempo, para que a xente vaia collendo gañas de ir. Eu este ano entereime polo Facebook (aí si que estiveron ben).

A ver se o ano que ven, onde queira que sexa, sae ainda mellor. O camiño que levan é estupendo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Onte quedei con mourullo e ascarida para ir á inauguración da exposición sobre o humor gráfico na transición e despois ir ver humor neghro no Rosalía.

Ás 6 mourullo mais eu fomos recoller as entradas para o teatro con tempo. Os dous mercáramolas por teléfono a Caixanova.

A el déronlle as súas sen problemas, as miñas tardaron algo mais, porén finalmente sairon.

Mais había un pequeno, pequenísimo detalle, moi pequeno.

As entradas eran para a función do día anterior. A muller da billeteira díxome que igual podían deixarme pasar, mais ‘as miñas butacas’ de onte, estaban xa ocupadas para a función de ese día. Deixoume moi claro que poder ver o espectáculo sería unha deferencia do teatro… e que non era seguro que puidera facelo, nin o sitio que me darían se era o caso.

O meu humor nese intre sufriu unha transición cara o lado escuro.

Fomos recoller a ascárida ao seu traballo e, parados na porta falamos con ela polo móbil e díxonos que non podía vir que tiña moitísimo traballo e cambiara de plans.

Nese momento eu tiña dúas entradas para o día anterior, que non podía revender, e xa estaba vendo  escapar os 26€ cara o lixo. As cousas ían a pior.

Despois de aparcar, e de camiño á exposición que inauguraban ás 7…

Fago un pequeno paréntese para dicir que a exposición está bastante ben e paga a pena ainda que sexa un chisco pequecha, mesmo o acto non estivo mal, mais… non había pinchos!. Non sei se a culpa foi da Asociación da Prensa ou da Fundación «la Caixa» pero foi un fallo imperdoabel que haberá que ter en conta. Sigo.

… estabamos de camiño á exposición e chamei ao teléfono de venda de entradas de Caixanova para poder poñer a feder a alguén. Xa que tiña que perder os cartos, levar algunha satisfacción, non si?

Despois de varios menus automáticos cheguei a unha persoa e falamos algo así coma:

-Ola, chamei onte para mercar unhas entradas para hoxe e déronme entradas para onte.

-Un segundo, por favor.

musica de espera

-Segue aí?

-Si

-Déanos un teléfono e chamámolo nós de volta.

-O meu número é tal tal tal.

-Agarde un segundo….

Outra voz de muller

-É vostede Ifrit?

(vale, non é certo, dixeron o meu nome completo e non se trabucaron de persoa)

-Si, son Ghanito Apocalipse do Porco

-Chámaronnos do Rosalía para contarnos o problema e escoitamos a gravación (lembremos que pasara só 1/2 hora). Debeuse todo a un erro da operadora. Pedímoslle mil desculpas, ten dúas entradas que pode recoller na billeteira para ver o espectáculo e mañá procederemos a reintegrarlle o importe da compra na súa tarxeta de crédito.

-Entón vou ver a función de graça?

-Si.

A partires dese intre o humor cambiárame de novo, por iso non tivo (tanta) importancia que non houbera pinchos na exposición.

Cando chegamos ao Teatro saltei a considerabel cola para recoller as entradas de balde (dúas butacas en fila 7 centradas, por certo ;-) ) e atopei a Pawley que tiña entradas para o poleiro e tivo a xentileza de rebaixarse a ras de terra para acompañarme :D .

O espectáculo divertíume moito ainda que concordo con Pawley en que a música e o teatro non estaban moi ben ensamblados. Da a impresión que Manecas Costa debería ter mais cancha en función da súa grande calidade, porén iso é consecuencia da propia concepción do espectaculo que na miña opinión respostaba ás espectativas.  A inmensa maioría dos que alí estabamos (e inclúome) fóramos ver un espectáculo de Carlos Blanco, por iso non saímos defraudados. Eu chorei coa risa. Ainda que supoño que non son tan coruñés para preferir a función de onte en versión coruñesa á versión que faría para público vigués. Collo xa as coñas ‘coruñesas’ que fixo pero, por poñer un exemplo, a xente riu mais cando imitou o sotaque coruño e a min fíxome mais graza cando imitou o sotaque da súa nai (das Rías Baixas) era coma se imitara a alghén de Bousas.

O espectáculo gustoume tanto que mesmo tería pagado unha butaca por velo  ;-)

Chuzame! A Facebook A Twitter

Hoxe no coche escoitaba a COPE (Si, escoitaba a COPE, non é un erro) cando sorprendeume unha cuña que dicía:

¿harto de la cultura progre?

Era unha cuña de Criteria Club de Lectores. Estiven mirando e atopei alfaias coma o libro Cartas a un joven español ou La ciudad que fue. Barcelona años 70 entre outras moitas de autores menos coñecidos.

A pregunta é a seguinte: coñecedes moita xente que empregue as expresións: progre e sociata con frecuencia?

A min parecenme unha expresións algo resesas, porén coñezo xente que as emprega case que decote.

Deixovos ligazón ao excelente catálogo de Criteria Club de Lectores onde atoparedes obras coma ‘Juicio a Darwin’, ‘El Presidente, el Papa y la Primera Ministra’ ou ‘Huid del escepticismo’

Non semella esta imaxe unha desas que empregan os Testigos de Xehová?

jarl.jpg

Que por certo convocáronme o outro día na caixa de correo física unha xuntanza a semana que ven non sei onde para falar de non sei que de Xesus (non anotei o lugar, data nen hora cando vin que me collía lonxe da Coruña)

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp