Esta secuela da mítica serie das Chuzarrascadas é a derradeira. As xantanzas seguirán sen dúbida, mais haberá que cambiarlles o nome porque sería coma facer pelis da Jungla de Cristal despois de morrer Bruce Willis.
O percorrido foi o de cada ano, levándolle os tempos cambiados aos da manifa para estar mais tranquilos. Disque este ano non perdimos nada co discurso, que xa durmíramos na casa.
De camiño para o Maria Castaña atopeime con fer que estaba a vender «bandeiras do apóstolo» (desas bandeiras de ateos e rojos desafectos da relixión nacional) e contooume que pechaba Chuza!, sempre que estou desconectado un par de días pasa de todo. Tampouco sabía que pechara Vieiros. A chuzarrasacad ía camiño de converterse nun velorio festivo.
No María Castaña fixemos fotos na porta porque xa esquecera facelas dentro.

Fomos pola comisaría para evitar a morea de xente da porta Faxeira, mais este ano non fixen fotos aos policías coma o ano pasado.
Na alameda recollemos a fer que repartiu puntos de galeguidade feitos na casa e a Gerardinho que repartiu o Fest-Agal e acho que levalo inclue tamén puntos de galeguidade.
Tan concentrado estiven xantando que esqueceume facer fotos en Pulpería Porta provedor oficial da Chuzarrascada desde 2006. Desta volta fixemos ben as contas e eles fixeronnos un estupendo desconto (arredor dun 9%) e mais nos convidaron aos cafés.
Lembrei a cámara ao sair e atoparen aos Shit Pony Snob Megalove e Alex KoploBitch que estaban tirados con Ricardo ao redor dun brownie feito ao seu xeito por Alex modificando algo a receita do mítico ‘brownie de Snob’™.

velaquí o que quedaba do brownie cando nós chegamos. Crédeme cando vos digo que a foto non lle fai xustiza a esta sobredose de chocolate

Tirámonos aló cómodamente á sombra bebendo e tomando xeados

Despois de coller forzas, dimos unha volta polos postos e foi un chisco decepcionante. Poucos postos, moi pouca xente e un ambiente menos festivo que outros anos (ou igual era eu o que andaba menos festivo, non sei)
Paramos con Chiqui para botar unha foto. Vendo estas fotos mais de un decatouse da escasa presenza feminina, sen que se me amole Ale que despois corro perigo de violencia

Agasallounos no posto das ‘novas tecnoloxías da electricidade’ cunhas bolsas chulérrimas de toupa.net que levamos todos contentísimos (xa falei acó outras veces da teoría do gratis)
Voltando para o ponto de partida atopamos a Xabier Cid que viña en bicicleta dun xantar no que eran case 21.

Cos anos poderemos dicir: eu estaba aló cando Xabier Cid e Hector Anllo atopáronse en persoa.
(conste que fixeron posado dando a man ‘politician way’
)
Voltamos ao noso estado orixinal, o horizontal e Grial Parga trouxo unhas rapazas das que xa nos falara á mañá. Non era mentira, había unhas rapazas chinesas residentes en Francia e que chegaron desde Lugo.

Fer, ese políglota, despois de gabarse durante moito tempo dos seus pequenos progresos co chinés tivo oportunidade de practicalo. Desaproveitouna vilmente e agochouse como podería facer un neno de 5 anos. Momento no que Anllo empoezou a falar coas rapazas. Tivo que facelo en inglés porque sorprendentemente as rapazas non falaban castelán. Todos ficamos abraiados de que puideran andar polo mundo sen entendelo.

Porén isto foi coma esas pequenas aventuras que hai nos filmes de James Bond e que duran 5 minutos. A verdadeira historia estaba por chegar e o protagonista non podía ser outro que fer, que loitandoi contra a súa timidez falou coa rapaza un anaquiño de nada bo anaco.

E cando marcharon Anllo, Grial e as rapazas para Lugo deixándonos tristes a todos decidín marchar.
Paseino ben, coma sempre o paso cos amigos en Compostela ainda que este ano levara un lote de novas tristes das que xa teño falado e de que non houbera tanta xente coma outros anos.
Se queredes ver algunha foto mais, tédelas acó.
E remato. Non vou nin a reler que levo xa moito tempo para escribir catro cousas, se hai algún fallo xa me avisará mourullo, o bot que sobrevivíu a Chuza.
Onte morreu Vieiros e esta noite morreu chuza!. Ainda que vieiros foi unha web que visitei moito, non tivo tanta importancia para min coma Chuza, na que estiven moi implicado coma usuario, e mais que nada porque aló coincidín con moita da xente que coñecín grazas a internet.
Foi un espazo estupendo para estar ao día do que pasaba no mundo, na Galiza, as fricalladas do universo enteiro e mais que nada para conversar no seu fedello e para as brincadeiras por todos os recantos que ían aparecendo.
Grazas a Berto por manter o espazo estes anos e a todos pola conversa. Foi un pracer.
Disque as cousas boas fan agardar, así que mellor que sexa tarde
Xa subín as fotos que fixen no AchegArte, non están peneiradas de todo, así que haberá moitas fotos semellantes e mesmo non moi boas, así se andivestes por aló é mais doado que aparezades no medio de algunha das fotos.
Coma di a Princesa Olaia: «que a zorza vaia convosco»

Mañá e pasado estarei no acheGarte botando unha ollado a moitas das cousas que ofrece a industria cultural galega.

O programa ten de todo: presentación de libros, obradoiros de Banda Debuxada, teatro, danza, concertos, cinema e ainda mais.
A propia Blogaliza terá un stand na que se botará unha man aos que queiran abrir un blogue nesta casa, e para os que xa o teñan haberá camisolas de agasallo co novo logo da vaca.
Este ano non haberá Culturgal, porén a programación de achegarte, ainda que estea mais concentrada, semella que non terá nada que envexarlle.
Tedes a programación actualizada no blogue da concellería de cultura. (agora debería dicir acheGádevos) Vinde!
E se non queredes vir, sempre podedes ir ao outro eventoda fin de semana:
Fagades o que fagades, aproveitade e non quededes na casa.
Unha das sorpresas mais agradabeis que levei na semana de viñetas foi o descubrimento de varias publicacións en galego coas que non contaba.
Xa teño falado aquí hai tempo do atinada que penso que é a política de editoriais coma Rinoceronte que tentan achegar moitas das obras mais interesantes da literatura internacional ao público galego e en galego. Se penso iso da literatura, onde a edición en galego é bastanta abondosa, moito mais apoiarei a edición de traducións ao galego de BD.
A primeira sorpresa foi a tradución de Hexed, a obra debuxada por Emma Ríos e publicada en inglés da que el patito editorial mercou os dereitos para España, sacando unha edición tanto en castelán coma en galego.
Algo semellante ao que fixera factoría K coa recomendabel Os cinco narradores de Bagdad da que acho que xa falei aquí no seu día. Novamente factoría K fixo o mesmo con Como facer un comic.

Desta obra non podo falar porque despisteime e esquecíume mercala mais con Hexed si que quedei contento. Ainda que por aí adiante oín quen se queixaba do prezo eu teño que defender as pequenas editoriais e o custe da dobre edición.
Tamén el patito editorial sacou a dobre edición de mensaxes, a obra de Mariano Casas gañadora do premio Castelao e da que tan ben fala Álvaro Pons.
Outra agradabel sorpresa foi a editorial Cerditos de Guinea que xurde da iniciativa de Gochi, un autor coruñés que saíu do mundo fanzineiro e meteuse na aventura da edición.
Merqueilles as dúas últimas novidades, dúas obras de Les Humanoïdes Associés traducidas ao galego. Polo de agora só lin unha e encantoume: Luchadores5, os cinco loitadores na versión galega
E así que remate de escribir isto poreime coa outra: gargolas
As dúas son visualmente engaiolantes, cada unha nun estilo distinto e até o de agora encantoume a historia dos loitadores, a das gárgolas semella ser algo mais para cativos, porei algo nun comentario cando a lea.
Naturalmente todo este esforzo editorial vai acompañado de BD Banda/Retranca que seguen aí pelexando cada mes e das xentes de Polaqia que non sei se chamar canteira porque semella que ainda non son autores confirmados como é o caso de varios deles. Non por estar sempre aí é xusto que esquezamos o seu traballo.
Ainda que os de Polaqia se algún día queren deixar a mesa de debuxo terán un futuro espléndido organizando festas, pero esa será historia para mais adiante.