Unha das sorpresas mais agradabeis que levei na semana de viñetas foi o descubrimento de varias publicacións en galego coas que non contaba.
Xa teño falado aquí hai tempo do atinada que penso que é a política de editoriais coma Rinoceronte que tentan achegar moitas das obras mais interesantes da literatura internacional ao público galego e en galego. Se penso iso da literatura, onde a edición en galego é bastanta abondosa, moito mais apoiarei a edición de traducións ao galego de BD.

A primeira sorpresa foi a tradución de Hexed, a obra debuxada por Emma Ríos e publicada en inglés da que el patito editorial mercou os dereitos para España, sacando unha edición tanto en castelán coma en galego.
Algo semellante ao que fixera factoría K coa recomendabel Os cinco narradores de Bagdad da que acho que xa falei aquí no seu día. Novamente factoría K fixo o mesmo con Como facer un comic.

Desta obra non podo falar porque despisteime e esquecíume mercala mais con Hexed si que quedei contento. Ainda que por aí adiante oín quen se queixaba do prezo eu teño que defender as pequenas editoriais e o custe da dobre edición.
Tamén el patito editorial sacou a dobre edición de mensaxes, a obra de Mariano Casas gañadora do premio Castelao e da que tan ben fala Álvaro Pons.
Outra agradabel sorpresa foi a editorial Cerditos de Guinea que xurde da iniciativa de Gochi, un autor coruñés que saíu do mundo fanzineiro e meteuse na aventura da edición.
Merqueilles as dúas últimas novidades, dúas obras de Les Humanoïdes Associés traducidas ao galego. Polo de agora só lin unha e encantoume: Luchadores5, os cinco loitadores na versión galega
luchadores5
E así que remate de escribir isto poreime coa outra: gargolas
gargolas

As dúas son visualmente engaiolantes, cada unha nun estilo distinto e até o de agora encantoume a historia dos loitadores, a das gárgolas semella ser algo mais para cativos, porei algo nun comentario cando a lea.

Naturalmente todo este esforzo editorial vai acompañado de BD Banda/Retranca que seguen aí pelexando cada mes e das xentes de Polaqia que non sei se chamar canteira porque semella que ainda non son autores confirmados como é o caso de varios deles. Non por estar sempre aí é xusto que esquezamos o seu traballo.

Ainda que os de Polaqia se algún día queren deixar a mesa de debuxo terán un futuro espléndido organizando festas, pero esa será historia para mais adiante.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Disque na TVG non quixeron emitir este programa o martes pasado pola solicitude dun sindicato Labrego (acho que Xovenes Agricultores).

Se quero pensar ben terei que montar un sindicato (urbano ou labrego) para solicitar mais cambios na programación da TVG.

Feijoo, que dixo o do sindicato na prensa, tamén dixo que o emitirán a semana que ven.

Se quero pensar mal, será xusto despois das eleccións, e non xusto antes.

Se quero pensar mal, no mesmo programa a semana pasada botaron un reportaxe sobre o Casón, feitos que ocorreron baixo gobernos do PSOE. O das vacas tolas foi baixo gobernos do PP.

Como agora xa podo dicir que coñezo en persoa ao seu presentador Gonzo, non quero privarvos da posibilidade de escoller por vós mesmos se o queredes ver ou non. Aquí tedes a primeira parte do programa, e o resto acó.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/dKSSe-NRN9E" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Chuzame! A Facebook A Twitter

Vin o outro día os premios Mestre Mateo pola TVG porque eran candidatos a un premio os rapaces de ANS. Non só eran candidatos, ademais eran os favoritos para levar o premio e, naturalmente, levarono :) . (off topic: xa comezaron a liberación das súas ferramentas de traballo, isto si que é facer pais desde a empresa privada)

Ainda que era o primeiro premio e xa podía marchar, animoume tanto que quedei e seguín vendo a entrega de premios.

O espectaculo estivo bastante ben levado e non se me fixo moi parado. A única queixa foi que o guión do presentador non resultou ben, as coñas que facía non quedaban ben en pantalla ou estaban mal levadas ou algo. O caso é que non me gustou, nomeadamente ó comezo do programa, que despois foi mellorando o asunto. Da súa parte musical nada que dicir, claro ;) .

Pero o momento estrela da noite chegou cando Belén Regueira recibiu o premio á mellor comunicadora. E falou, namorando a moitos dos espectadores e ao blogomillo enteiro.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/NYH_Pltivpo" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Non descubro nada novo se digo que son fan de Belén Regueira, porén acho que o outro día demostrou unha valentía que a fai dar ainda un paso mais. Alomenos para min.

E non falo da súa opinión en concreto, que comparto, falo do momento e o xeito de mostrala. Da defensa da educación do galego nun momento en que semella que mellor era estar calada. Nomeadamente cando o teu posto de traballo, ou alomenos o teu día a día no traballo dependen directa ou indirectamente de xente que pode non concordar ca túa opinión.

Para os que pensen que estou a falar de cousas que aquí non teñen pasado só direi un nome: Tareixa Navaza.

Despois do xoves ainda lamento mais non ter atopado ese blogue segredo que disque BR tivo no seu día no blogomillo. Se ten a valentía de dicir o que pensa a cara descuberta, que podería dicir cando só a lían os amigos?

Parabéns polo premio, Belén. E moitas grazas :)

P.S. só faltou para que a noite fora perfecta que Marcos Nine tamén gañara outro premio ;-)

Chuzame! A Facebook A Twitter

Pois si, hoxe fai xa tres anos un dos maiores sucesos da rede en galego.

Se Blogaliza fixo que o blogomillo tivera certa visibilidade, chuza conqueríu que boa parte do blogomillo fora unha comunidade. Moitos dos blogueiros mais activos e criativos do pais foron deixando a súa pegada en Chuza. Convertiuse un punto de encontro cotián na rede.

Agora Chuza xa non é o que era. Isto non quere dicir que agora sexa pior, ainda que recoñezo que eu prefería o estilo que tiña antes. Sentíame moito mais cómodo nunha comunidade que recibía aos novos cos brazos abertos, con menos trolls e cunha maior tendencia a favorecer as novas graciosas e as piadas.
Segue habendo tecnoloxía (ainda que algo menos) sexo (menos) e lingua (houbo momentos nos que chuza semellaba un portal de novas filolóxicas) pero o que arrasa agora é a política.
Foi cambiando a xente e a vida seguíu. Moitos dos que andaban por aló ao comezo xa non van, ou van moito menos. Eu fago parte destes últimos.

O exito de Chuza ademais da súa natureza informativa e participativa viu, desde o meu punto de vista dos elementos que había ao redor das propias novas, especialmente o fedello, que foi durante un tempo a sala de estar do blogomillo. Moitas horas temos pasado de tertulia no fedello falando de calquera tema e facendo piadas.

Esta captura é de agosto do 2006, despois do ascaridato. Cando Chuza pasara de Beta a VHS.

captura fedello

Para desfrutar de parte do que se dixo no fedello pode acudirse ás frases memorabeis.

O outro elemento que distingue a chuza de outras redes saidas do código de meneame é a súa wiki, vizoso lugar onde xente coma maceirax segue a manter o nível criando imaxes. Onde agora mesmo hai unha porra sobre o resultado electoral do 1 de marzo (co sorteo de un iPod). E onde cada usuario de chuza podía criar a súa páxina. Moito do que antes eu facía en Chuza agora fágoo en facebook e prefería, sen ir mais lonxe os chíos de chuza que o status de facebook ou as caixas de usuario de chuza que as páxinas de facebook. (a saudade é o que ten, ou se cadra o gosto pola sinxeleza).

Ainda que se queredes saber o elemento que diferencia a Chuza de todas as redes sociais que hai por aí adiante, está claro: as chuzarrascadas.
Xa van tres anos de xantanza o día 25 de xullo en Compostela, o polbo e o churrasco son o aglutinante definitivo para o ‘nucleo duro’ de Chuza. E para non perder o costume tamén houbo unha visita a Casa Candida e algunha outra xantanza mais. Mentras haxa chuzarrascadas poderemos dicir que a comunidade de chuza segue a existir.

E para rematar direi que Chuza é o medio de comunicación con mellor criterio do mundo mundial. Só alí poden atoparse novas coma esta ou coma esta. Ainda que só fora por iso, serei fan para sempre.

Parabéns polo aniversario :-)

Engadido: Esquecíame dicir que a moruncha é a usuaria mais nova de Chuza desde o seu terceiro día de vida.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Hoxe andaba pola rede este video que subiron hai 5 días ao YouTube

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/watch?v=vQ5e-isvBFs" width="576" height="354" wmode="transparent" /]

Non é o primeiro video viral que o BNG ou alguén non moi lonxano introduce na circulación da rede. E con certo suceso ademais.

Por iso comprendo que Anxo Quintana dixera onte que despois da precampaña que levan non lle parecería mal que desaparecera a campaña tradicional e facela pola rede. Podedes velo neste video en Quin.tv onde resposta preguntas feitas polos estudantes de comunicación en Pontevedra.

Ainda que os seus videos teñan certa difusión na rede en galego tampouco é moi raro, porque a rede galega está bastante concentrada xeográficamente e forma un obxectivo publicitario tamén bastante concentrado. E ademais, se só votaran os participantes en maior ou menor medida no blogomillo e a xente que emprega o galego nas redes sociais o resultado probablemente sería moi favorable cara o BNG.

En troques, a xente que emprega o castelán desde Galicia está moito mais difuminada no conxunto da rede Española. Non é tan doado chegar a eles cunha mensaxe na rede porque a moita da xente que eles leen ou coa que se comunican non ten tanto interese polo que pase en Galicia. E moito menos se está feito en galego. Chegar pola rede a este público require impacto estatal nos mais dos casos, só cando un suceso galego é moi forte chégalles tamén a eles. Coma puido ser o arte do fuch fuch do que hai mesmo unha versión leguendada en inglés! É mais difícil que alguén poña no seu blogue un video da campaña galega se é andaluz ou extremeño que se vive en Vigo ou en Carballo.

Non vexo eu que os videos de Feijoo.TV ou touriño.tv tiveran a mesma repercusión. Se cadra porque non era o seu obxectivo coma evidentemente si que o foi para o BNG e o seu entorno. Coma anecdota direi que o primeiro candidato á presidencia nas últimas eleccións dos EUA que coñecín foi Barack Obama, meses antes das primarias do seu partido, cun video viral. O mesmo que adaptou alguén para Núñez Feijoo. Semella que pasaron bastante choio adaptándoo, porén quedou ainda mais cutre que o power point do reggaeton de Anxo Quintana, outra adaptación da campaña de Obama (que por certo inclúe unha foto que fixera eu hai dous anos na chuzarrascada.

Con todo isto non quere dicir que o BNG estea a conseguir votos coa (pre)campaña, e ademais o que está a pasar nos medios tradicionais podería ser o contrario, nomeadamente con casos coma o da manifestación do outro día en Compostela, onde catro activistas de Nos-UP ou da BriGa apareceron coma a representación do nacionalismo en todos os medios de comunicación ‘tradicionais’. Non vin eu eco, en troques para outra cara do nacionalismo coma a manifestación ‘ridiculista’ da alameda (sen ir mais lonxe).

Quen de verdade aproveitou toda a algueirada do outro día foi UPyD coa súa candidata representante Deputada en Cortes por Madrid, Rosa Díez saíndo na televisión e obtendo visibilidade mediática para os seus candidatos galegos o seu partido. Pode que UPyD reste unha presada de votos en Vigo e A Coruña ó PP, haberá que velo.

A ver se teñen capacidade (e sobre todo interese) durante a campaña que agora comeza o PP e o PSOE para recuperar a vantaxe que eu penso que lles colleu o BNG na rede. Se queren, doulles un consello: fagannos rir e que non semelle un video político.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non coñezo ninguén que lea o xornal enteiro da primeira folla á última. O mais normal é saltar follas enteiras. E ademais, das follas que lemos tamén é normal ler só os cabezallos das novas e entrar no corpo cando semella interesante.
Descoñezo estudos sobre o tema, mais intutitivamente supoño que quedamos case sempre coa idea titulo ainda que despois leamos o resto da nova.

Despois desta pequena reflexión vexamos por partes a nova que hoxe atopei en papel en La Voz de Galicia e que podedes ler enteira acó.

Eu lin este titular e pensei que esa opinión era o resultado maioritario na enquisa e por iso era destacado. Lendo a nova atopamos efectivamente o dato de que esa forma de goberno de minoría maioritaria con apoios puntuais…

Moitos dos lectores quedarían aí e pasarían páxina buscando outras novas mais interesantes que unha enquisa electoral. Eu non, porque a min atraeme a política, as enquisas, os datos e os gráficos. Todo xunto é xa motivo de festa. Na gráfica vin algo que tiña que estar errado, así que lin con detemento o texto da nova e atopei isto:

Non sei se vos concordades comigo, porén acho que o titular mais axeitado e neutral sería un que destacara o dato mais relevante da enquisa, e non o que mais lle interesaba ao redactor. Para min o mais aséptico sería un titular coma o seguinte.

Naturalmente, tanto un titular coma o outro son certos. Por desgraza non reproducen o gráfico na edición on-line, porque alí poderíamos atopar vinte ou trinta titulares alternativos.

O que non entendo moi ben, é este parágrafo:

Debimos ler diferentes enquisas, porque eu non vexo que prefiran un goberno monocolor en minoría. Tampouco diría que prefiran a coalición. Eu falaría de empate, e mais ainda nunha enquisa co seu natural marxe de erro.

A que xogamos, a informar ou a inventar? Afortunadamente, o día 1 de marzo non haberá marxe de erro e seremos nós os que decidamos se La Voz foi profética ou só cometeu un erro inocente sen importancia.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp