Acho que algo coma ISTO era o que eu e moitos outros coma min agardaban. A ver se non estou errado.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Hoxe fallouse o I premio Rosalía de Castro de Lingua convocado pola Deputación da Coruña que foi concedido por votación unánime do xurado a esta casa, Blogaliza.

Cúmplense nestes días catro anos desde que cambiei o meu blogue á Blogaliza. Pareceume sempre un proxecto interesante e que merecía o meu modesto apoio. Se xa pensaba ben da Blogaliza cando ainda non tiña moito trato con quen estaba detrás, que podo pensar agora, cando a relación persoal co equipo permíteme ver desde unha posición de privilexio como vai medrando cada día a comunidade? Ainda que este premio me pareza merecido, para min non é nin a metade de satisfactorio de ver como anos despois este proxecto de comunidade segue vivo.

Parabéns a Algueirada e parabén a todos os membros da comunidade da Blogaliza.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Unha das varias recomendacións que o señor da foto fixo este decembro no AchegArte cando lle pedín libros divertidos da súa editorial foi As leis fundamentais da estupidez humana.

O libro foi escrito por un prestixioso historiador da economía, Carlo M. Cipolla, que con toda seriedade e porén do xeito mais ameno fala das persoas estúpidas «un grupo mais poderoso que a Mafia, o complexo industrial-militar ou a Internacional Comunista, e que actúa coordinadamente sen precisar de regulamentos, líderes nin manifestos, movido só pola súa propia estupidez.»

Abofe que os estúpidos son mais poderosos do que foi a Internacional Comunista, como proba o declive da Internacional e a puxanza da estupidez humana.

As leis fundamentais da estupidez humana enuncianse da seguinte maneira:

Primeira: Sempre e inevitablemente cada un de nós subestima o número de individuos estúpidos que hai en circulación.

Segunda: A probabilidade de que unha persoa determinada sexa estúpida é independente de calquera outra característica desa mesma persoa.

Terceira (Lei de ouro) : Unha persoa estúpida é unha persoa que causa un dano a outra persoa ou grupo de persoas sen obter ao mesmo tempo un beneficio para si, ou mesmo obtendo unha perda.

Cuarta: As persoas non estúpidas subestiman sempre o potencial nocivo das persoas estúpidas. En concreto os non estúpidos esquecen constantemente que en calquera momento ou lugar, e en calquera circunstancia, tratar e/ou asociarse con individuos estúpidos maniféstase infaliblemente como un erro custosísimo.

Quinta: A persoa estúpida é o tipo de persoa mais perigoso que existe.

Cipolla divide a xente en coitados, intelixentes, malfeitores e estúpidos. Os coitados permitirían que os outros se beneficiaran ainda sen obter beneficio propio, mesmo sufrindo algún perxuizo, ao contrario dos malfeitores, que tentarían obter un beneficio ainda que perxudicara ao veciño. Os intelixentes benefícianse a si mesmo e ao tempo benefician tamén aos demais e os estúpidos perxudican aos outros sen obter beneficio, mesmo saindo eles tamén perdendo. Considerando esta clasificación hai un corolario á quinta lei.

Corolario á quinta lei: O estúpido é mais perigoso que o malfeitor.

O libro é divertido e moi interesante. Ademais é moi breve, permite ler o libro nunha semaniña ou menos de regularidade dixestiva, ou tamén nunha tarde de intensa iluminación e pracer intelectual. Esta editado por Rinoceronte e taducido polo señor da foto.

O curioso de todo isto que escribo foi o que me lembrou hoxe este libro. Preguntabame eu: que carallo sacarán no goberno de Núñez Feijoo despois de toda esta movida co decreto do ensino? Haberá algún beneficio para o País a longo prazo? Será beneficioso para eles mesmos a longo prazo? e a curto?

E lembrei estas leis. Nomeadamente a Lei de Ouro. Que cousas mais estrañas ten a memoria.

Toda-las citas están tomadas da edición de Rinoceronte, e esta última foto de GZ Nación.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Hai xa moito contado por aí sobre o AchegArte, e eu teño cousas tamén para engadir, nomeadamente fotos, que fixen moitas, porén non ando con moito tempo para peneirar as que sairon ben e terá que agardar.

O que xa subín é este video, co anaco final da actuación de Chévere no esceario teatral. Unha montaxe para todas as idades que parodia á Guerra das Galaxias e ten unha mensaxe moi clara de defensa do galego. Mágoa non o ter gravado enteiro, porque o comezo era, se cadra, mais divertido, porén así tamén quedades con gaña de velo se algún día tedes unha oportunidade perto da vosa casa.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/unwQedE607U" width="640" height="480" wmode="transparent" /]

Chuzame! A Facebook A Twitter

Unha das sorpresas mais agradabeis que levei na semana de viñetas foi o descubrimento de varias publicacións en galego coas que non contaba.
Xa teño falado aquí hai tempo do atinada que penso que é a política de editoriais coma Rinoceronte que tentan achegar moitas das obras mais interesantes da literatura internacional ao público galego e en galego. Se penso iso da literatura, onde a edición en galego é bastanta abondosa, moito mais apoiarei a edición de traducións ao galego de BD.

A primeira sorpresa foi a tradución de Hexed, a obra debuxada por Emma Ríos e publicada en inglés da que el patito editorial mercou os dereitos para España, sacando unha edición tanto en castelán coma en galego.
Algo semellante ao que fixera factoría K coa recomendabel Os cinco narradores de Bagdad da que acho que xa falei aquí no seu día. Novamente factoría K fixo o mesmo con Como facer un comic.

Desta obra non podo falar porque despisteime e esquecíume mercala mais con Hexed si que quedei contento. Ainda que por aí adiante oín quen se queixaba do prezo eu teño que defender as pequenas editoriais e o custe da dobre edición.
Tamén el patito editorial sacou a dobre edición de mensaxes, a obra de Mariano Casas gañadora do premio Castelao e da que tan ben fala Álvaro Pons.
Outra agradabel sorpresa foi a editorial Cerditos de Guinea que xurde da iniciativa de Gochi, un autor coruñés que saíu do mundo fanzineiro e meteuse na aventura da edición.
Merqueilles as dúas últimas novidades, dúas obras de Les Humanoïdes Associés traducidas ao galego. Polo de agora só lin unha e encantoume: Luchadores5, os cinco loitadores na versión galega
luchadores5
E así que remate de escribir isto poreime coa outra: gargolas
gargolas

As dúas son visualmente engaiolantes, cada unha nun estilo distinto e até o de agora encantoume a historia dos loitadores, a das gárgolas semella ser algo mais para cativos, porei algo nun comentario cando a lea.

Naturalmente todo este esforzo editorial vai acompañado de BD Banda/Retranca que seguen aí pelexando cada mes e das xentes de Polaqia que non sei se chamar canteira porque semella que ainda non son autores confirmados como é o caso de varios deles. Non por estar sempre aí é xusto que esquezamos o seu traballo.

Ainda que os de Polaqia se algún día queren deixar a mesa de debuxo terán un futuro espléndido organizando festas, pero esa será historia para mais adiante.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Hai só tres semanas que non escribo nada no blogue, porén teño unha sensación coma se levara meses sen escribir.

Antonte estiven gravando algo para retornar cun falangullo á apocalipse do porco, mais non quedei contento co resultado e auto censureime. Cos podcast, ao contrario que co blogue fago moito mais do que publico, debe haber unha relación de dez a un entre o que gravo e o que publico, e ainda así ben se ve que non queda moi ben tampouco. Con todo non pensedes que non vou poñer algo aquí, ben ao contrario.

Neste tempo que non escribín, e que bastante pouco lin porque teño abandoados boa parte dos meus blogues de costume, dediqueime a estar coa familia. A Moruncha é cada día mais activa e xa se manten en pé por sí sóa sen apoiarse en nada. Penso que non lle queda moito para comezar a camiñar por si mesma. É un momento que agardamos con ilusión e medo (a partes case iguais). Se quedaba algo de tranquilidade na casa xa podemos esquecela.

E a familia ten outro membro mais, claro, a señora Colombo puido desfrutar (ou tivo que sufrir, segundo se mire) coa miña compañía. Aproveitamos o tempo entre o momento no que a nena vai durmir e no que nos deitamos nós para ver series. Rematamos Galáctica e Fringe que nos quedara a media tempada e agora estamos vendo Entourage.

Tamén estiven facendo baixar o monte de BD que tiña pendente, fora perdendo ritmo e acumuláraseme o choio, agora ainda hai moito que ler, mais agosto está perto e preciso reservar material para eses días.

Hoxe que retorno coincide que atopei na portada da Blogaliza que son o usuario do día (cada día escóllese un usuario aleatoriamente)

usuariododia

E sobre o tema do manifesto en defensa do galego presentado hoxe en Vigo pouco que dicir, apoio a idea e o texto, a necesidade de defender a igualdade entre as dúas linguas faladas en Galicia e non deixar que a ignorancia ou a mala idea fagan confundir que idioma se impón sobre o outro. É triste oir a nova de que os paxaros atacan ás escopetas e ver que a xente é enganada. Non son eu moito de facer manifestos, prefiro que a lingua defenda a súa existencia por si mesma co seu uso pacífico e cotiá, porén desta volta os ataques son frecuentes, dirixidos e intensos, polo que paga a pena erguer a nosa voz para falar da lingua e non só coa lingua. É o momento para que os auténticos bilingües defendan a única lingua das dúas que falan que corre perigo.

Aquí tedes o video da presentación do manifesto desculpade a calidade do video subido polas xentes da Blogaliza (acho que foi Pawley) os cartos para a imposición do galego non daban para mais.

Agardo que a vindeira entrada non se demore tanto coma esta.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp