Este ano, o certame A Coruña Son foi menos difundido do que nas edicións anteriores. Puido ser o feito de que este ano non estivera Santiago Auserón fixo que houbera menos atención, se cadra debeuse a outras cousas.

A verdade é que non lle fixen moito caso porque estiven liado toda a semana co choio e a familia como xa ven sendo costume así que teño posta só media atención ao que me chega pola fiestra que acendo e apago. Mesmo non tiña pensado ir ao concerto final porque tiñamos que ir a Ourense esta fin de semana e o sábado non ía estar na Coruña.

Mais todo iso cambiou porque quedaron sen presentador a última hora e propuxéronme o venres presentalo.

Eu inconscientemente apunteime, coma tantas veces, e alí aparecín o sábado para coñecer aos grupos e preguntarlles algo que poder dicir deles.

Paseino moi ben e acho que a cousa non saíu de todo mal, a mágoa é que só puiden ver (e escoitar) aos John Deeres que pecharon o concerto.

Despois cea con Tati, Alfredo, Paula e Pedro e despois fomos tomarlle algo ao Filloa con Gaspar e Andrés. Foi unha noite estupenda.

Durante o concerto Paula estivo facendo fotos e fai unhas fotos moi boas, porén disque eu móvome moito e non sairon fotos para poñer acó. Ou igual si, mais non vou romper o costume poñendo fotos miñas :lol:

Chuzame! A Facebook A Twitter

O 6 de novembro Manos de topo deu un concerto en vigo na sala Mondo e quedei cos amigos para ir velo. O ambiente, ademais dos lóxicos seguedores do grupo estaba inzado de familiares e amigos de vello dos dous vigueses da banda polo que o ambiente foi moi familiar. E a pesares de que non tiveron un bo son nos monitores polo que non se escoitaban, e que sufriran pensando que todo estaba saíndo mal, o concerto saíu moi ben.

mondotopo

Entre o público estaba tamén a miña sobriña maior, que xa ten 16 anos! Atopeina ao chegar e despois non a volvín ver. Normal porque ela estaría na primeira fila e nós na última, coma representantes da terceira idade.

Despois do concerto quedamos tomándolle algo no Mondo mentras recollían e despois suxeríronnos que fóramos ao Tony’s. O Tony’s é un deses lugares que sabes que están aí mais nunca fixeron parte da túa vida. Alomenos no meu caso. É coma unha desas mercerías que botas en falla o día que pecha ainda que nunca entraras nela. Podería dicirse que é o equivalente en garito a un comercio tradicional. Porque o Tony’s guitars é un clásico da noite viguesa. Comentando na comida do día seguinte que estiveramos aló, a miña nai díxome que fora tamén… hai alomenos corenta anos.

E no Google street view atopo a imaxe para que poidades ver os que non sodes de Vigo a apariencia que ten desde fora.

tonysdrcadaval

Eu lembro toda a vida de ver aí ese local e nunca se me ocorrera entrar, ten unha mala pinta incríbel. Ainda que como lle contei á miña nai, agora é un local no que se deixan ver un lote de modernitos de Vigo.

Dentro saquei poucas fotos, e ainda que as sacara, o mais rechamante non o poderíades ver en foto. O ambiente ten un arrecendo a humidade, a barolo que bota para atrás. Na porta hai un enorme ácaro facendo de porteiro e defendendo o seu habitat natural. Acho que o local non se ventilou desque estivera aló miña nai, hai corenta anos. Non é recomendabel para persoas con enfermidades respiratorias baixar ao Tony’s sen escafandra.

Unha vez acostumados a compartir o ar cos ácaros pódese aprezar que o local ten un estilo retro que lle sae de seu. Hai un lote de cousas nas paredes que non pasaron ainda do status de ferralla ou lixo ao de antigüidade: maquinas de escribir, gravadoras en cinta e todo tipo de artigos tecnolóxicos en desuso, coleccións do Faro enmarcadas… No fondo do local, onde desexarías atopar unha saida de emerxencia (e non estaba) había unha pantalla de televisión onde estaba sintonizada a TVG, resultabame moi estraño naquel entorno que aparecera nunha esquina o logo actual e non o vello. O seu, para cadrar co Tony’s sería que apareceran aló xentes vestidas por D’Aquino ou algunha outra marca galega, todos cheos de enrugas e con peiteados imposibeis.

tonysguitars

Bailamos un anaco cancións de Rafaela Carrá entre outros (celebrando moito a canción Lucas) e marchamos escapando dunha fermosa muller que quixo facer amizade co rapaz da foto. El preguntoulle se se coñecían de antes pola confianza que tiña a rapaza, poren semella que non se coñecían de antes e que a confianza non a traía tampouco da casa, que a tomou mesturada con algunhas sustancias (non teño claro cales).

Se tedes oportunidade non deixedes de visitar o Tony’s, onde o underground atopa todos os seus significados. O local é espectacular e os parroquianos non desemerecen.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A fin de semana paseina en Vigo, levei o pequeno disco duro novo. Porque coma disque compartir é amar pareceume boa idea facer un p2p realmente f2f (friend to friend) cos amigos de Vigo e coa familia.

Coma non todos ainda fan parte da relixión do software libre tiven un pequeno problema co PC do meu cuñado. É vello para Windows (e ainda mais sen formatealo de cando en vez), polo que quedou bloqueado a medio facer e decidimos pechalo ás bravas. Despois diso o PC deixou de recoñecelo e montalo. Non me quero alongar explicando a mestura de impericia e malas decisións que me levou a decidir que non había nada irremplazabel e que o mellor era formatear o disco.

Antonte descubrín que por unha serie de desafortunadas casualidades non tiña copia de seguridade das fotos anteriores a mediados do ano 2007. Incluindo as da nosa voda, lua de mel, xantanzas chuceiras, etc. Unha catastrofe.

Tiña pendente probar un programa de recuperación de arquivos que confío recupere algunhas delas cando hoxe atopei nun recuncho dun dos discos moitas das fotos, nunha desorganizada copia de seguridade. Agora mesmo estou moi ledo.

Contribúe a esa felicidade as estupendas alfaias coas que Fanny + Alexander nos agasallan a través da Regueifa coma teñen por costume. E mira que non decatarme antes de quen era Lara Dopazo…! Moito me gustaba antes ese texto e moito me gusta agora a canción.

alfaias

Levo xa un par de escoitas e (ainda que desconfio de min mesmo pola cantidade de xente que coñezo e aprezo involucrada no disco) estame gustando moito. Pode que en conxunto ainda mais do que o anterior, porén é cedo para dicilo con seguridade. Escoitádeo e xa me diredes que vos parece.

O que penso que é o erro do día ou a semana atopeino esta mañá na Voz, disque o PP decidíu interpretar o regulamento do parlamento de tal xeito que restrinxe o dereito de interpelación ao goberno do BNG. Entendo que non é inconstitucional limitar a acción parlamentaria para evitar o filibusterismo, ainda así acho que aproveitalo para deminuir en exceso o marxe de manobra da oposición é un chisco antidemocrático. Non sei se aparecerá moito nos medios, a min pareceume relevante pola tendencia que sinala na nova lexislatura.

E unha reflexión que eu fago sobre outro tema despois de escoitar esta mañá a unha conselleira na RG: As conselleiras e conselleiros son moi libres de escoller a lingua na que se expresan, mais recollendo a reflexión de Belén Regueira do día dos premios MM, pregúntome: saben falar galego ou só castelán? Se puideran falar correctamente en galego, arriscaríanse a molestar a algúns dos seus votantes falando en castelán?

Mais nada. Esta que vos poño é unha das fotos que (re)atopei hoxe. Xa ten cinco anos.

2004

Chuzame! A Facebook A Twitter

Onte fun ó Forum Metropolitano para ver o concerto presentación do disco A Coruña Son 08 e quedei cunha sensación rara.

Ainda que a maior parte dos artistas teñen moitas posibilidades, onte semellaba que non tiñan o día. Non sendo Pablo Díaz que estivo moi ben e Mr. Carácter que dan a sensación de levar moito tempo tocando xuntos, o resto defraudáronme en parte. Ben porque agardaba mais deles despois de velos hai uns meses ou porque non son moi partidario do seu estilo e malamente poderían satisfacerme.
Mesmo Toñito de Poi, (que tivo a axuda por sorpresa da presentación de Roberto Vilar, a.k.a. Tonecho) estivo moi ben mais non tanto coma outras veces.

E non me parecu que os arranxos das cancións de Iria Pinheiro foran os que mellor lle acaían ó tema cabareteiro (é unha opinión persoal, igual que preferila de morena e non de loira).

Na miña opinión, un posible motivo do ‘semifallo’ do concerto estivo na escaseza do público.
Eu nunca programaría un evento coma ese nun día coma onte. Non pola impredecibel (con semanas de adianto alomenos) choiva senon polo feito de que fora un mércores de xaneiro. Nada ten que ver un mércores en xullo ou agosto cun de xaneiro. E ademais teño tamén a sensación de que non se publicitou da forma axeitada. É cousa miña que saio pouco da casa ou non fixeron carteis do concerto? (prégase confirmación ou rexeite, que diría o outro).

Con todo o que poida parecer que non desfrutei do concerto, nada mais lonxe. Foi unha noite estupenda de música ainda que o ambiente fora algo frio pola escaseza de público. Só lamento que non o puidera desfrutar mais xente. Tomarán nota para vindeiras ocasións? É mágoa montar actividades e convocatorias de interese e despois facer que se agochen no medio de ningures. Lémbrame esa mestura que teñen na TVG de mercar cousas con certo interese e programalas á unha da mañá entre semana. Non sería posible, neste caso, facer coincidir o concerto de presentación do disco co obradoiro do ano seguinte e así aproveitar o rebumbio mediatico criado polo obradoiro (e a presencia de Santiago Auserón co seu evidente poder de convocatoria)? Supoño que abrir o primeiro día co concerto dos músicos dun ano e pechalo co concerto dos do ano seguinte podía ser a maneira de aproveitar esforzo loxístico e mediático, co aumento de público nos dous eventos.

Co tema das fotos, igual que pasou no anterior concerto de ACS tiven problemas coa cámara. Afortunadamente desta volta só foi que leveina coa batería case esgotada, así que tiven que sacar moi poucas fotos e case sen ter tempo de encadrar e enfocar por medo a quedar sen batería. Chegou xusta para sacar unha ou dúas fotos a todos. Tedes o resto no meu flickr se vos interesa.

E por certo, ainda está aberta a inscripción para este ano

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non lera de novo o que aquí deixara escrito sobre o cultur.gal 07 até hai un anaco, que vin o que puxera para comparar.

O único que lembraba con claridade do meu paso fugaz fora a apariencia cutre que tiña o espazo onde estaban os expositores. Moito ar sobre eles dando unha sensación de hipermercado. Non lembraba, en troques, que o ano pasado houbera mais presenza de artistas plásticos.

A comparación entre un ano e outro non pode ser xusta, porque este ano foi na cidade na que vivo e ademais estaba de vacacións, polo que puiden ir varios días e ademais en horarios diferentes.

O primeiro día achegueime á tarde con Ifrit coincidindo coa presentación do catálogo da aaag

E xa empecei a atopar xente coñecida. Algunha que agardaba atopar coma Txiqui ou Tati, Alfredo, Pawley e Goretoxo e outra que non, coma Sonia, Rodrigo, Javier. Mesmo atopei xente que non vía hai mais de 15 anos coma Cristina ou Nuria. Tomado algo coñecín tamén a Quique e rematei tomando algo por aí con Quique e Rodrigo (até horas mais que respetabeis, ainda non deran as 11 cando cheguei á casa)

O venres baixei coa moruncha, presumindo de filla guapa e case non fixen nada, porque quedara para comer coa señora colombo alí ó lado coa idea de dar unha volta os tres á tarde. Pasei case todo o tempo no stand da aelg con Tati, Alfredo, Goretoxo e Pawley. Mesmo quedei un anaco aló só cando eles marcharon comer. A señora Colombo estaba cansa despois de pasar a mañá traballando e marchamos para casa. A tranquilidade de vivir na cidade onde é a feira permitiu que deixara pasar a tarde con elas na casa.

O sábado xornada completa. Cheguei algo antes das 11 pensando que abría ás 10 e nin falei co garda de seguridade. Debeu pensar que tiña algo que facer dentro, ou víume moi decidido abrindo a porta. Despois de dar unha volta e ver moitos postos valeiros (algo que me fixo raro, a verdade) xa me explicou Sonia que entrara antes de tempo.

Chegaron María e Pawley e senteime para escoitar a tertulia cultureta ao vivo.

E despois dun cafeliño fixen o propio coa presentación do libro de Jaureguizar, que aquí na foto polos ollos que ten debe estar falando de Caneiro.

Ainda que acho que non é un home diabólico, porque ten uns fillos moi riquiños. Este é o neno.

E ademais coas estupendas galletas de limón que agasallaban, teñen que ser boa xente.

Despois estiven facendo P2P con Pawley, que andaba presumindo o outro día no Facebook de ter moitos filmes rarunos no disco duro.

Á tarde paseo familiar coa señora Colombo (que ós poucos vai deixándose ver e xa deixou de merecer ese nome hai tempo :lol: ) e a moruncha. Estivemos con Opaco e Rosi, con Dorfun, con Brenlla, e con moitos dos que xa estivera á mañá.

Levei ás rapazas á casa, e despois de bañar á Moruncha deixeinas para baixar ó music.gal, espectáculo en formato de gala televisiva gravado pola TVG (a ver se o emiten) con poesía e música ao vivo.

Quedara con Ascarida, Spaviladiyo, Dorfun, María, Besbellinha, Mourullo e sentamos detras da xente de la nevera 61 (que nesta foto vense fatal mais acredita que estaban alí)

A presentación da gala estivo a cargo de Belén Regueira e Chévere e foi un chisco irregular, ainda que por momentos fíxome coña.

Empezaron The Homens, que colleron o público completamente frio. A pesar de que lle berrei pedíndo pedimos sutilmente o chiste do baixista non tiveron o detalle desta volta :lol: Foi o detalle que lles fallou. Porque tiñan algo co que abofé eles non contaban: tiñan na pantalla de detras un video que semellaba unha pantalla do guitar hero. E non é preciso que creades, podedes velo neste infame video que subín ao Youtube.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/LKFOQZHBdeA" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Seguiron o sonoro maxín que fixeron mover os pes no asento ós seus parroquianos

e que foron o preludio dun dos momentos con mais morbo a priori da velada. Cando vimos no programa que estaban Yolanda Castaño e Panchez, moitos lembramos certo vello asunto. Finalmente Panchez non aparecía, só era un dos autores da imaxes que decoraban o esceario.

Ainda que se vedes a imaxe desde mais lonxe, seguro que algún estivo vixiando a ver se deixaran ben atadas as imaxes ou ían facer coma no anuncio do cuponazo da once levando a Yolanda por diante.

Por fortuna todo o mundo fixera ben o seu traballo, non pasou nada e YC protagonizou un dos dous momentasos culturetas da noite..

Seguiron Marful, bos músicos, e unha cantante cunha voz esplendida e moi xeitosa.

Do outro gran momento cultureta da noite non teño imaxes propias: a actuación de Estibaliz Espinosa tívome tan abstraido cos plugins do Windows Media Player que esquecín facerlle fotos. Teño que ver se ten na rede a presentación en powerpoint que empregou para colala aquí.

Dsepois chegaron os que, para min mellor o fixeron esa noite, Dios Ke Te Krew. Enerxía e moita presenza no esceario. Mágoa que o son non permitíu escoitar perfectamente as súas rimas.

E rematou Projecto Mourente, Carlos tan riquiño coma sempre, Yolanda co látego e do seu novo guitarrista non sei o nome (ainda).
Tivemos que poñernos en pe para bailar porque para algo somos fans e ademais era xa o fin de festa.


Se queredes ver as fotos mais grandes e algunha outra mais que subín podedes atopalas no meu flickr.

Hai un ano parecíame unha grande idea ter o Cultur.Gal nunha cidade mais pequena, do tamaño de Pontevedra fronte o que opinara arumes. Agora hei de darlle a razón. Este ano pareceume moito mellor do que o ano pasado, polo que apoiaría que se repetira ubicación o ano que ven. Ademais a min venme moito mellor tela ó lado da casa ;-) .

Podedes ver que a miña foi unha visión moi parcial da feira e acho que a cousa cara o público debe ir por aí, atraelo por algún dos múltiples motivos que a cultura galega pode dar para que unha vez dentro da feira descubran cousas novas.

Eu melloraría a información, que entregaban nunha guía na porta e tentaría sustituila por algo mais atractivo: paneis, pantallas, sinalización mais recahmante indicando os camiños ós distintos espazos.

E daríalle mais bombo á web con tempo, para que a xente vaia collendo gañas de ir. Eu este ano entereime polo Facebook (aí si que estiveron ben).

A ver se o ano que ven, onde queira que sexa, sae ainda mellor. O camiño que levan é estupendo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

E non, non é felices en Vigo, coma diría o finado do Leri, é Happy Together. Porque o xoves 10 e o venres 11 estiven vendo na casa de Pawley no CGAI parte do seminario Happy Together: cine e culturas pop. Poño ligazó ó programa aquí por se o apagan co tempo.

Claro que non puiden ir a mais da metade das sesións porque alguén ten que tirar do país. Nomeadamente agora que os multimillonarios tamén choran (ainda que non chorarán demasiado, coma sempre).

O xoves á tarde só puiden escoitar a conferencia sobre documentais musicais que impartiu Luis Hidalgo. Estivo moi ben, dinámica e didactica. Amosando pequenos anacos de documentais moi ilustrativos.

O coloquio tamén estivo ben, ainda que de todo o que alí falaron só lembro unha ’boutade’ de Jesús Palacios da que agora falarei. Iso e que Antonio Weinrichter estivo poñendo podre criticando (con bastante coña, todo hai que dicilo) a música de Joy Division e de Talking Heads.

O primeiro día Jesús Palacios falaba desde o público no coloquio cando dixo que en España (e Latinoamérica, ainda que isto era algo mais difuso) era imposible ser ‘moderno’ e mais concretamente ser pop, que había algo que el chamaba GRL Gen Recesivo Latino que era incompatibel co pop. Mesmo se alguén comezaba a amosar sinais de ser un artista ou músico pop, o GRL facía que voltara ó rego e fora tan rancio coma correspondía ó ‘solar patrio’.

Pero o segundo día, á tarde (as únicas sesións ás que eu podía ir) Jesus Palacios estivo falando de glam rock e cando chegou o debate estaba aló arriba, á dereita de todo nesta fotografía. Igual algún o recoñece, que era un dos frikis tertulianos das Crónicas Marcianas.

Eu non dixera nada o día anterior no coloquio, porén non concordaba coa súa teoría e segundo falaban fun tomando un par de notas. Non me parecía normal que dixera que Tom Jones era pop en Mars Attacks mais o Fary non o era en Torrente ou que Raphael non era un artista superpop, nomeadamente cando Raphael encaixaba tan ben no que el mesmo definía como o glam. E Camilo Sesto? se Jesucristo Superstar é un musical pop, el non é un artista pop? Ou que falara do cine de Bollywood coma algo pop para nós pero non para eles, para así xustificar dun xeito algo revirado que non podía ser pop ningún filme español.

Conclusión: el seguíu ó seu rollo convencido e eu tamén, que é como rematan estas cousas :lol:

Despois fun comer algo por aí con pawley e mourullo e despois leváronme a coñecer a outra casa de Pawley o manteca(vigués até nos erros) Jazz filloa, evento fundamental na miña conversión ó lado escuro integración na vida coruñesa (moito mais do que o padrón, claro).

Comimos un bocata na rua e fomos ver esa cousa horrorosa moderna construcción que puxeron no Papagayo, onde antes estaban as putas había outra cousa, de camiño cara ó 14!.

Alí estaban poñendo música os que participaran no seminario e pedímoslle a Jesús Palacios algo de Raphael, mais non o tiña.

E pouco durou a noite. Ás 3 ou así marchei co señor mourullo que tiña que erguerme a unha hora normal e xa non podía seguir bebendo licor café.

Para rematar vou retirar o que dixen no coloquio non vaia ser que alguén o lembre despois. Alguén na mesa dixera que o cine español podería desaparecer e pouco se perdía e eu dixen algo mais tarde que tampouco era moito o que se perdía se pechara a Universidade española.

Recoñezo o meu erro, a Universidade española non pode desaparecer, igual que non pode desaparecer o Festival de Ortigueira. E polos mesmos motivos.

Editarei isto se teño tempo, que habería que poñer algunha ligazón.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp