Acho que algo coma ISTO era o que eu e moitos outros coma min agardaban. A ver se non estou errado.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Ou como simbólicamente pasamos de quedar na praza maior da vila a quedar na casa dos amigos.

Facebook é unha ferramenta criada polo demo para rematar coa rede galega.

Esa frase non é mais ca unha coña, porén ainda que non podo (nin teño as gañas para facelo) dar dados concretos alén de conclusións intuitivas acho que a enerxía que os habitantes da rede galega estamos a empregar en Facebook son pouco menos que valeiros.

Todo o publicado en Facebook pertence ao universo do privado, do pechado, do agochado. Non hai posibilidade de ter conversas mesturadas co facebook desde o momento que os seus contidos non son permeables aos buscadores. E non vos engano, estou a pensar en Google, non se trata neste caso dunha cuestión de medo ás grandes corporacións, é simplesmente o medo ao criar guetos dos que non se ten noticia fora.

O grande momento da rede en galego cando naceu Chuza, a Blogaliza coma espazo para aloxamento de blogues, blogalego, o mellor momento de vieiros, foi tal porque o galego colleu visibilidade. Despois de que os pioneiros do blogomillo plantaran a semente e foran descubrindose aos poucos os uns aos outros nese momento calquera podía atopar contidos en galegos e unirse á conversa.

Iso agora non é así.

É certo que hai moita rede en galego, a maioría da xente segue aí. Mesmo diría que agora hai mais xente. Porén os contidos son diferentes.

Agora (e non é pouca cousa) chéganos con relacionarnos en galego, ter a nosa conversa en galego coa comunidade que xa non sei se chamar blogomillo ou que. Mais a comunidade xa non é tan permeábel aos novos membros coma antes.

Pode alguén descoñecido abrir un blogue, conta en facebook, twitter ou o que sexa e chamar a atención sobre o que ten que dicir sobre o mundo coma antes?

Despois xa se verá se o que dí é de interese ou non, ainda que canta mais audiencia mais posibilidade de atopar alguén interesado. Os amigos de un quéreno moito, seguramente, mais no meu caso os amigos de toda a vida non son lectores fieis na maioría, foron novos coñecidos da rede os que me animaron a manter a conversa e os que abriron as portas da súa casa para que participara na súa.

Twitter é outra historia, a súa maior facilidade para o feedback da mais vida á conversa, ainda que a limitación de espazo non chegue sempre.

Con esta pequena reflexión que agora ligarei no twitter e no facebook (para desgracia da xente que ainda segue empregando o RSS coma é debido) inauguro unhas semanas que pasarei de Rodriguez, sen familia na casa. A ver se así escribo un pouquiño e non teño que pechar tamén Apocalipse do Porco.

A foto é de onte, do velorio chuceiro no Festigal. O churrasco segue segue sendo mellor para as redes sociais que as subvencións en i+d+i.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Onte morreu Vieiros e esta noite morreu chuza!. Ainda que vieiros foi unha web que visitei moito, non tivo tanta importancia para min coma Chuza, na que estiven moi implicado coma usuario, e mais que nada porque aló coincidín con moita da xente que coñecín grazas a internet.

Foi un espazo estupendo para estar ao día do que pasaba no mundo, na Galiza, as fricalladas do universo enteiro e mais que nada para conversar no seu fedello e para as brincadeiras por todos os recantos que ían aparecendo.

Grazas a Berto por manter o espazo estes anos e a todos pola conversa. Foi un pracer.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Hoxe fallouse o I premio Rosalía de Castro de Lingua convocado pola Deputación da Coruña que foi concedido por votación unánime do xurado a esta casa, Blogaliza.

Cúmplense nestes días catro anos desde que cambiei o meu blogue á Blogaliza. Pareceume sempre un proxecto interesante e que merecía o meu modesto apoio. Se xa pensaba ben da Blogaliza cando ainda non tiña moito trato con quen estaba detrás, que podo pensar agora, cando a relación persoal co equipo permíteme ver desde unha posición de privilexio como vai medrando cada día a comunidade? Ainda que este premio me pareza merecido, para min non é nin a metade de satisfactorio de ver como anos despois este proxecto de comunidade segue vivo.

Parabéns a Algueirada e parabén a todos os membros da comunidade da Blogaliza.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Di o señor César Alierta que Google debería pagar polo uso que fai das redes.
O ministro de industria di que podería estudarse.

Canto está cobrando Telefónica ‘de mais’ (comparando os prezos existentes en Europa e no resto do mundo) polo acceso á rede? E sen que iso sexa para dar un acceso universal e decente a toda a poboación.

Quen pagaría ás operadoras de telecomunicacións polo acceso á rede un prezo tan elevado se non houbera contidos?

Moito mais atinado semella o conselleiro delegado de Vodafone cando pide mais competencia, semella que google está a facer ben de mais o seu traballo e xa é o Gran Irmán ainda que non nos decatemos moito.

O ministro de industria non me sorprende porque os políticos varren sempre para onde non deberan. E nomeadamente cando atinxe á rede.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Ante a inclusión no Anteproxecto de Lei de Economía sustentábel de modificacións lexislativas que afectan o libre exercicio das liberdades de expresión, información e o dereito de acceso á cultura a través de Internet, os xornalistas, blogueiros, usuarios, profesionais e creadores de internet manifestamos a nosa firme oposición ao proxecto, e declaramos que…

1.- Os dereitos de autor non poden situarse por riba dos dereitos fundamentais dos cidadáns, como o dereito á privacidade, á seguridade, á presunción de inocencia, á tutela xudicial efectiva e á liberdade de expresión.

2.- A suspensión de dereitos fundamentais é e debe seguir a ser competencia exclusiva do poder xudicial. Nin un peche sen sentenza. Este anteproxecto, en contra do establecido no artigo 20.5 da Constitución, pon nas mans dun órgano non xudicial -un organismo dependente do Ministerio de Cultura-, a potestade de impedir aos cidadáns españois o acceso a calquera páxina web.

3.- A nova lexislación creará inseguridade xurídica en todo o sector tecnolóxico español, prexudicando un dos poucos campos de desenvolvemento e futuro da nosa economía, obstaculizando a creación de empresas, introducindo atrancos á libre competencia e ralentizando a súa proxección internacional.

4.- A nova lexislación proposta ameaza os novos creadores e obstaculiza a creación cultural. Con Internet e os sucesivos avances tecnolóxicos democratizáronse extraordinariamente a creación e a emisión de contidos de todo tipo, que xa non proveñen prevalentemente das industrias culturais tradicionais, senón de multitude de fontes diferentes.

5.- Os autores, como todos os traballadores, teñen dereito a viviren do seu traballo con novas ideas creativas, modelos de negocio e actividades asociadas ás súas creacións. Tentar soster con cambios lexislativos unha industria obsoleta que non sabe adaptarse a este novo contorno non é nin xusto nin realista. Se o seu modelo de negocio se baseaba no control das copias das obras e en Internet non é posíbel sen vulnerar dereitos fundamentais, deberían procurar outro modelo.

6.- Consideramos que as industrias culturais necesitan para sobrevivir alternativas modernas, eficaces, críbeis e asequíbeis e que se adecúen aos novos usos sociais, en lugar de limitacións tan desproporcionadas como ineficaces para o fin que din perseguir.

7.- Internet debe funcionar de forma libre e sen interferencias políticas auspiciadas por sectores que pretenden perpetuar obsoletos modelos de negocio e imposibilitar que o saber humano siga a ser libre.

8.- Esiximos que o Goberno garanta por lei a neutralidade da Rede en España, ante calquera presión que poida producirse, como marco para o desenvolvemento dunha economía sostíbel e realista de cara ao futuro.

9.- Propoñemos unha verdadeira reforma do derecho de propiedade intelectual orientada ao seu fin: devolver á sociedade o coñecemento, promover o dominio público e limitar os abusos das entidades xestoras.

10.- En democracia as leis e as súas modificacións deben aprobarse tras o oportuno debate público e tendo consultado previamente todas as partes implicadas. Non é de recibo que se realicen cambios lexislativos que afectan a dereitos fundamentais nunha lei non orgánica e que versa sobre outra materia.

NOTA: Este manifesto foi redactado conxuntamente por xornalistas, blogueiros e internautas, nunha maratoniana sesión durante a tarde-noite de onte. Se estás de acordo, difúndeo por todas as vías que poidas.»

Tradución via

Recomendo ler a asisada reflexión que fai folerpa nas súas alfaias ainda que non concorde totalmente e gustaríame ademais que o goberno defendera aos votantes e non aos lobbys que lles fan gobernar contra eses votantes. E chove sobre mollado unha vez mais.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp