Cada quen emprega as ferramentas que lle dan como pode ou como lle parece, e ás veces críase cunha idea e rematan servindo para outra.
Hai tempo en Chuza, a rede social de novas en galego editadas pola comunidade, falouse de filtrar a información por filias e fobias bloqueando aos usuarios que te amolan e favorecendo aqueles que te interesan mais. Daquela non me parecera boa idea, mais co tempo rematei facendo iso exactamente noutro lado: no Facebook.

icona_facebook

Agora mesmo di o Facebook que teño 324 amigos. Mais non é certo que esas 324 persoas sexan amigos meus. En realidade nin sequera son 324 persoas, algúns deles son colectivos, negocios, medios, etc.
Teño curiosidade polo que din esas 324, algunhas mais que outras, e gústame poder comunicarme con eles ainda que nin sequera as coñezo a todas. Algúns son vellos coñecidos ou amigos de fora da rede, outros son coñecidos da rede que xa considero amigos ou amiguetes, xente que sigo e aprezo. Mais tamén hai xente á que admiro ou que se move no mesmo entorno ca min, cos que teño amigos comúns, ou mesmo xente que me engadíu e non vin no momento por que non engadilos.

Tento tratalos da mesma maneira que faría fora da rede, ainda que que colla algo mais de confianza cos descoñecidos que se os atopara na rúa, sei que os mais deles non son amigos meus e tento non abusar. Coa maioría non me importaría ter unha amizade, mais sei que arestora non a teño. Non son os meus amigos, por moito que amplíe o significado da verba amigo. Son contactos, ou coñecidos ainda que xa digo que no meu caso moitos nen iso. Porque eu non coñezo a Núñez Feijoo, Pérez Touriño ou Anxo Quintana ainda que o Facebook diga que somos amigos.

Por iso, non convidaría a Alan Moore, Balneario de Mondariz ou Bansky ao grupo eu son fan de Belén Regueira, ainda que si os convidaría se foran de verdade os meus amigos. Procuro non amolar á xente que non coñezo con cousas que penso que non lle interesan.

Acho que na netiqueta está por desenvolver a natureza destas amizades que non son tal. Gustaríame coñecer a vosa opinión sobre este tema se a tedes. E vós empregades facebook só para os amigos ou facedes coma min?

Chuzame! A Facebook A Twitter

Pois si, hoxe fai xa tres anos un dos maiores sucesos da rede en galego.

Se Blogaliza fixo que o blogomillo tivera certa visibilidade, chuza conqueríu que boa parte do blogomillo fora unha comunidade. Moitos dos blogueiros mais activos e criativos do pais foron deixando a súa pegada en Chuza. Convertiuse un punto de encontro cotián na rede.

Agora Chuza xa non é o que era. Isto non quere dicir que agora sexa pior, ainda que recoñezo que eu prefería o estilo que tiña antes. Sentíame moito mais cómodo nunha comunidade que recibía aos novos cos brazos abertos, con menos trolls e cunha maior tendencia a favorecer as novas graciosas e as piadas.
Segue habendo tecnoloxía (ainda que algo menos) sexo (menos) e lingua (houbo momentos nos que chuza semellaba un portal de novas filolóxicas) pero o que arrasa agora é a política.
Foi cambiando a xente e a vida seguíu. Moitos dos que andaban por aló ao comezo xa non van, ou van moito menos. Eu fago parte destes últimos.

O exito de Chuza ademais da súa natureza informativa e participativa viu, desde o meu punto de vista dos elementos que había ao redor das propias novas, especialmente o fedello, que foi durante un tempo a sala de estar do blogomillo. Moitas horas temos pasado de tertulia no fedello falando de calquera tema e facendo piadas.

Esta captura é de agosto do 2006, despois do ascaridato. Cando Chuza pasara de Beta a VHS.

captura fedello

Para desfrutar de parte do que se dixo no fedello pode acudirse ás frases memorabeis.

O outro elemento que distingue a chuza de outras redes saidas do código de meneame é a súa wiki, vizoso lugar onde xente coma maceirax segue a manter o nível criando imaxes. Onde agora mesmo hai unha porra sobre o resultado electoral do 1 de marzo (co sorteo de un iPod). E onde cada usuario de chuza podía criar a súa páxina. Moito do que antes eu facía en Chuza agora fágoo en facebook e prefería, sen ir mais lonxe os chíos de chuza que o status de facebook ou as caixas de usuario de chuza que as páxinas de facebook. (a saudade é o que ten, ou se cadra o gosto pola sinxeleza).

Ainda que se queredes saber o elemento que diferencia a Chuza de todas as redes sociais que hai por aí adiante, está claro: as chuzarrascadas.
Xa van tres anos de xantanza o día 25 de xullo en Compostela, o polbo e o churrasco son o aglutinante definitivo para o ‘nucleo duro’ de Chuza. E para non perder o costume tamén houbo unha visita a Casa Candida e algunha outra xantanza mais. Mentras haxa chuzarrascadas poderemos dicir que a comunidade de chuza segue a existir.

E para rematar direi que Chuza é o medio de comunicación con mellor criterio do mundo mundial. Só alí poden atoparse novas coma esta ou coma esta. Ainda que só fora por iso, serei fan para sempre.

Parabéns polo aniversario :-)

Engadido: Esquecíame dicir que a moruncha é a usuaria mais nova de Chuza desde o seu terceiro día de vida.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Hoxe andaba pola rede este video que subiron hai 5 días ao YouTube

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/watch?v=vQ5e-isvBFs" width="576" height="354" wmode="transparent" /]

Non é o primeiro video viral que o BNG ou alguén non moi lonxano introduce na circulación da rede. E con certo suceso ademais.

Por iso comprendo que Anxo Quintana dixera onte que despois da precampaña que levan non lle parecería mal que desaparecera a campaña tradicional e facela pola rede. Podedes velo neste video en Quin.tv onde resposta preguntas feitas polos estudantes de comunicación en Pontevedra.

Ainda que os seus videos teñan certa difusión na rede en galego tampouco é moi raro, porque a rede galega está bastante concentrada xeográficamente e forma un obxectivo publicitario tamén bastante concentrado. E ademais, se só votaran os participantes en maior ou menor medida no blogomillo e a xente que emprega o galego nas redes sociais o resultado probablemente sería moi favorable cara o BNG.

En troques, a xente que emprega o castelán desde Galicia está moito mais difuminada no conxunto da rede Española. Non é tan doado chegar a eles cunha mensaxe na rede porque a moita da xente que eles leen ou coa que se comunican non ten tanto interese polo que pase en Galicia. E moito menos se está feito en galego. Chegar pola rede a este público require impacto estatal nos mais dos casos, só cando un suceso galego é moi forte chégalles tamén a eles. Coma puido ser o arte do fuch fuch do que hai mesmo unha versión leguendada en inglés! É mais difícil que alguén poña no seu blogue un video da campaña galega se é andaluz ou extremeño que se vive en Vigo ou en Carballo.

Non vexo eu que os videos de Feijoo.TV ou touriño.tv tiveran a mesma repercusión. Se cadra porque non era o seu obxectivo coma evidentemente si que o foi para o BNG e o seu entorno. Coma anecdota direi que o primeiro candidato á presidencia nas últimas eleccións dos EUA que coñecín foi Barack Obama, meses antes das primarias do seu partido, cun video viral. O mesmo que adaptou alguén para Núñez Feijoo. Semella que pasaron bastante choio adaptándoo, porén quedou ainda mais cutre que o power point do reggaeton de Anxo Quintana, outra adaptación da campaña de Obama (que por certo inclúe unha foto que fixera eu hai dous anos na chuzarrascada.

Con todo isto non quere dicir que o BNG estea a conseguir votos coa (pre)campaña, e ademais o que está a pasar nos medios tradicionais podería ser o contrario, nomeadamente con casos coma o da manifestación do outro día en Compostela, onde catro activistas de Nos-UP ou da BriGa apareceron coma a representación do nacionalismo en todos os medios de comunicación ‘tradicionais’. Non vin eu eco, en troques para outra cara do nacionalismo coma a manifestación ‘ridiculista’ da alameda (sen ir mais lonxe).

Quen de verdade aproveitou toda a algueirada do outro día foi UPyD coa súa candidata representante Deputada en Cortes por Madrid, Rosa Díez saíndo na televisión e obtendo visibilidade mediática para os seus candidatos galegos o seu partido. Pode que UPyD reste unha presada de votos en Vigo e A Coruña ó PP, haberá que velo.

A ver se teñen capacidade (e sobre todo interese) durante a campaña que agora comeza o PP e o PSOE para recuperar a vantaxe que eu penso que lles colleu o BNG na rede. Se queren, doulles un consello: fagannos rir e que non semelle un video político.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xa hai tempo que se me ve o plumeiro. Recoñezo aquí mesmo que son fan dos rapaces (e ainda mais da rapaza :-) ) da navalla suiza. Son uns fenómenos.

Nestes días están tendo bastante visibilidade na prensa, recollendo un premio e facéndolles unha entrevista bastante centrada en Quin.tv.

Porén o seu último proxecto en sair á rede xa non é Quin.tv da que xa falara no seu día (e na que agora Anxo Quintana xa comezou a dar respostas coa súa propia webcam ás preguntas dos cidadáns), o novo proxecto é flocos.tv.

Leva xusto unha semana e ainda que está totalmente en beta semella que novamente acertaron.

Hoxe entrei e estiven vendo unha curta sobre a que avisaran o outro día por mail e ainda non vira: JEDN de Marcos Nine. E non foi a primeira vez que atopei unha curta mais que interesante por aló.
Con algunhas das cousas boas que ten o Facebook para artellar a rede e as curtas galegas coma contido, hai moito por descubrir aí para os que non facemos parte do pequeno mundo do audiovisual galego. Confeso que desde que existe flocos.tv estou vendo curtas galegas coma nunca antes vira, na casa, tranquilamente e deixando recado ós autores se me presta.

Parabéns á Axencia Audiovisual Galega, ogallá acaden unha maior difusión para o producto galego cunha ferramenta tan ben traballada.

E Á Navalla Suiza: queremos mais, seguide así

Chuzame! A Facebook A Twitter

O venres tiña unha cea en Compostela, e ainda que foi completamente moi diferente do que agardaba, paseino ben.
Disculparanme vostedes se non inclúo fotos do evento, mais baste dicir que foi unha cea dunhas 500 persoas, relacionada coa empresa e que o 90% dos homes levaban garavata para dar unha idea do evento. Digo que levaban porque eu non. E non foi por rebeldía ou por reivindicar o meu tempo de lecer, o resto estaban mais ou menos aconsellados de levala e eu non recibira o correo na casa avisando. Francamente, mellor asi  ;-)

Antes de ir cear pasei por unha casa que nunca visitara, a dos rapaces da foto.

Tododiós Algún os coñecerá xa, son Berto e María da navalla Suiza.Para os que non os coñeza son igual de riquiños que semellan na foto.
Tivemos unha longa conversa sobre frikadas centrada especialmente nas series de televisión (xa baixei onte todo gossip girl, que son moi ben mandado), comentaronme sobre algunha pequena viaxe que van facer en brevísimo con algúns outros coñecidos, e mais cousas.
Foi unha mágoa ter que marchar á cea.

Por iso, e coma tiveran o detalle de deixarme meter o coche nun recanto do seu garaxe (nunca probara ainda un garaxe con ascensor en vez de rampla) voltei o sábado para almorzar por aí con Berto e falar sobre as cousas nas que están a traballar agora mesmo.

Xa case cando marchaba para casa déronme unha idea para facer un podcast, que era algo que andaba buscando hai tempo, un tema do que adoito falar moi a miudo e con moita xente distinta.

Se notades algo raro na forma do post igual é porque o fixen co editor para blogues do flock, que volvín instalar hoxe e levo un cacho configurando.

Blogged with the Flock Browser
Chuzame! A Facebook A Twitter

Hoxe abríuse xa á rede Quin TV, o videoblogue de Anxo Quintana. Aquí podedes ver o estupendo video promocional.

Deixando de lado a mensaxe, hai que recoñecer que o continente esta moi ben deseñado. Como dixo a Señora Colombo despois dunha navegación de 5 minutos: «é tan sinxelo que non se sabe se é moi boa ou moi mala». E eu engado que a apariencia de simplicidade debeu dar un choio de carallo, porque ademais de verse bonito ten unha chea de detalles «2.0″ coma os votos nos comentarios, a ligazón para compartir os videos, as ligazóns a Chuza, del.licious e menéame, o rexistro con avatar… Moito traballiño debeu dar.

Outro bo detalle é que estea todo feito con software libre e que os contidos todos teñan licenza Creative Commons, o que ademais é unha boa estratexia se o que pretenden é ter maior visibilidade na rede.

Teño que avisar que non me sorprendeu o bo deseño que a páxina ten nin o feixe de pequenos detalles que fan agradable visitala, porque detras do seu deseño está A Navalla Suiza, o Dream Team da rede galega, xente simpática e con moito oficio.

Co paso dos días veremos se Quin.TV cría unha comunidade virtual ó seu redor, de entrada os alicerces estan postos. O reflexo mais evidente do suceso sería un grande número de videos dirixidos a Quintana, pois se cadra ese é o elemento estrela deste videoblogue, a bidireccionalidade que permite que os usuarios manden videos de seu para dialogar con Quintana.

Gústame a idea de que os políticos pensen na rede como lugar onde facer campaña. Evidentemente non van cambiar a súa mensaxe, mais alomenos poden escoitarnos en igualdade de condicións. Supoño que esta será a primeira e outras iniciativas semellantes irán chegando desde o PSOE e o PP. Ogallá encarguen o traballo a outra empresa galega e o resultado sexa igual de bo, sería sinal de que apostan pola rede.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp