O 6 de novembro Manos de topo deu un concerto en vigo na sala Mondo e quedei cos amigos para ir velo. O ambiente, ademais dos lóxicos seguedores do grupo estaba inzado de familiares e amigos de vello dos dous vigueses da banda polo que o ambiente foi moi familiar. E a pesares de que non tiveron un bo son nos monitores polo que non se escoitaban, e que sufriran pensando que todo estaba saíndo mal, o concerto saíu moi ben.

mondotopo

Entre o público estaba tamén a miña sobriña maior, que xa ten 16 anos! Atopeina ao chegar e despois non a volvín ver. Normal porque ela estaría na primeira fila e nós na última, coma representantes da terceira idade.

Despois do concerto quedamos tomándolle algo no Mondo mentras recollían e despois suxeríronnos que fóramos ao Tony’s. O Tony’s é un deses lugares que sabes que están aí mais nunca fixeron parte da túa vida. Alomenos no meu caso. É coma unha desas mercerías que botas en falla o día que pecha ainda que nunca entraras nela. Podería dicirse que é o equivalente en garito a un comercio tradicional. Porque o Tony’s guitars é un clásico da noite viguesa. Comentando na comida do día seguinte que estiveramos aló, a miña nai díxome que fora tamén… hai alomenos corenta anos.

E no Google street view atopo a imaxe para que poidades ver os que non sodes de Vigo a apariencia que ten desde fora.

tonysdrcadaval

Eu lembro toda a vida de ver aí ese local e nunca se me ocorrera entrar, ten unha mala pinta incríbel. Ainda que como lle contei á miña nai, agora é un local no que se deixan ver un lote de modernitos de Vigo.

Dentro saquei poucas fotos, e ainda que as sacara, o mais rechamante non o poderíades ver en foto. O ambiente ten un arrecendo a humidade, a barolo que bota para atrás. Na porta hai un enorme ácaro facendo de porteiro e defendendo o seu habitat natural. Acho que o local non se ventilou desque estivera aló miña nai, hai corenta anos. Non é recomendabel para persoas con enfermidades respiratorias baixar ao Tony’s sen escafandra.

Unha vez acostumados a compartir o ar cos ácaros pódese aprezar que o local ten un estilo retro que lle sae de seu. Hai un lote de cousas nas paredes que non pasaron ainda do status de ferralla ou lixo ao de antigüidade: maquinas de escribir, gravadoras en cinta e todo tipo de artigos tecnolóxicos en desuso, coleccións do Faro enmarcadas… No fondo do local, onde desexarías atopar unha saida de emerxencia (e non estaba) había unha pantalla de televisión onde estaba sintonizada a TVG, resultabame moi estraño naquel entorno que aparecera nunha esquina o logo actual e non o vello. O seu, para cadrar co Tony’s sería que apareceran aló xentes vestidas por D’Aquino ou algunha outra marca galega, todos cheos de enrugas e con peiteados imposibeis.

tonysguitars

Bailamos un anaco cancións de Rafaela Carrá entre outros (celebrando moito a canción Lucas) e marchamos escapando dunha fermosa muller que quixo facer amizade co rapaz da foto. El preguntoulle se se coñecían de antes pola confianza que tiña a rapaza, poren semella que non se coñecían de antes e que a confianza non a traía tampouco da casa, que a tomou mesturada con algunhas sustancias (non teño claro cales).

Se tedes oportunidade non deixedes de visitar o Tony’s, onde o underground atopa todos os seus significados. O local é espectacular e os parroquianos non desemerecen.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Sendo de Vigo haberá quen diga que son parcial opinando sobre a capitalidade na provincia de Pontevedra. Porén eu acho que ninguén é nunca totalmente obxectivo.

Na miña opinión a situación da capital de provincia ten que servir aos intereses dos cidadáns e por iso, o mais lóxico é que estea na cidade con mais habitantes da provincia. Isto é así (se non me falla a memoria) en corenta e oito casos de cincuenta en toda España. Só é mais pequena a capital de provincia en Cádiz con 128.554 habitantes fronte a Jerez de la Frontera con 202.687 e na provincia de Pontevedra con 80.202 habitantes fronte a Vigo con 294.772.*

Pode verse que ainda que no caso de Cádiz a poboación e menor (un 63% da poboación que ten Jerez) , a desproporción non é tan evidente coma no caso de Pontevedra (un 27% da poboación que ten Vigo). Dos 946.884 habitantes da provincia de Pontevedra, o 31% vive en Vigo e o 8% en Pontevedra.

Cal é a ubicación mais lóxica para a capital da provincia desde un punto de vista económico? E onde estarán os servizos provinciais mais perto dos cidadáns?

E hai un feito que non é cuantificable, xa entra no intuitivo e no opinable. Na miña opinión, se Vigo fora capital de provincia, moitas mais delegacións de empresas para Galicia ou para o Noroeste de España estarían en Vigo e non na Coruña ou en Oviedo. Isto sería beneficioso para a provincia, mais é un feito do que non podo ter probas, é unha teoría miña.

O tema da capitalidade en Vigo, desde que morreu Leri está esquecido, é abraiante que sexan os pontevedreses, cando ven que, (aplicando á lóxica) se crean delegacións perto do cidadán, os que saquen o tema. Terán o apoio económico na sombra de AUDASA?

Voltando ao tema do número de votantes, supoño que os vigueses apoiarían nas urnas o cambio de capitalidade, os pontevedreses votarían en contra e pode que os concellos limítrofes de cada un secunden as respectivas apostas. Para o resto de habitantes supoño que habería división de opinións apoiando algo mais o cambio no sur e o status quo no norte.

De verdade queren as forzas vivas pontevedresas sacalas a ver quen a ten mais longa?

Esta foto é o que  significaba para min cando vivía en Vigo a capitalidade en Pontevedra, coller a autoestrada para facer xestións.

ponte-de-rande

Agardo impaciente polos argumentos razoados dos pontevedreses que lean nesta entrada.

*Todos os datos de poboación son do ano 2007 e están collidas do anuario socioeconómico de España do servicio de estudios de «la Caixa».

Chuzame! A Facebook A Twitter

Novamente, Opaco descúbreme unha pequena alfaia. E novamente relacionada ca cidade de Vigo.

A penúltima vez foran estas fotos vellas de Vigo que alguén lle fixera chegar e que subíu á rede. Non puxen nada no meu blogue porque sempre dou por feito que todo o mundo le o seu blogue. Porén semella que non, porque a ligazón cara as súas fotos chegoume por correo desde Madrid enviada polo noso corresponsal na praza algún tempo despois.

Hoxe fala dunha galería en flickr de rótulos de negocios tradicionais da provincia de Pontevedra. Ó comezo todos son de Vigo e a saudade é semellante a de aquelas fotos da outra vez, só que esta vez podemos botar unha derradeira ollada antes de ver desaparecer estas marabillas, que por desgraza en moitos casos teñen os días contados. Deberíamos ter un chisco mais de sensibilidade para decatarnos do que temos ó noso redor.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Despois de ver as últimas estatísticas de visitas da Blogaliza cheguei a un par de conclusións:

A primeira é que no blogomillo hai un grande interese polos nenos. Igual non por ter nenos de seu, mais si polas cousas que lles pasan ós nenos do resto  ;-)

E a segunda que as fotos de rapazas guapas seguen atraendo as visitas, non importa a súa idade.

Será por iso que, despois de meses e meses tentando ter tantas visitas coma o marabillosos blogue dos pelachos, foi preciso que tivera unha filla para poder adiantalos. Alfredo e Leco levaban vantaxe, que teñen un neno e unha nena, mais eles non quixeron compartir as imaxes dos seus guapísimos cativos e iso permitiume adiantalos [temporalmente, abofé ;-) ].

Pero isto descubrino onte á noite, polo medio esta fin de semana houbo 500km de autoestrada, unha voda e colicos da moruncha.

Porque o sábado casoume un curmán en Vigo, e como a señora colombo ainda está recuperándose fun eu só a voda desde Ourense a Vigo, ida e volta. O tempo xusto para saudar a xente, facer 500 ou 600 fotos e marchar (o das fotos non é coña, cando empezo coas ráfagas da cámara perdo a conta :lol: ) Nin sequera fun tomar o aperitivo, ainda que sei pola miña nai que foi un banquete de sete estalos. :-)

voda.jpg

O domingo tivemos a novidade de que a moruncha, como agora está mais esperta e con mais fame, nas tomas zuga con tanta ansia que toma moito mais ar do que antes e está tendo algúns cólicos. Non me gusta un carallo que a nena chore, porén a que o leva pior é a señora colombo. :-(

Con todo, tiven tempo para descansar no balcon lendo algo de BD ca moruncha ó meu carón.

Ainda que todavía mellor que iso foi poder collela todalas veces que quixen na fin de semana.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O venres saín de traballar e voltei a casa.

Comín, fixen a maleta e revisei algo o Reader (finalmente estou adaptándome ben e abandoando o meu querido bloglines).

Cheguei a Vigo e fun dereito ao Vao para tomar algo cos meus amigos de sempre, de aló ao Calvario á casa da miña irmá e de volta a Bouzas a cear cos amigos no garfo.

O sábado fun almorzar con Melo e estiven facéndolle gasto na libraría (outra vez no Calvario), agardei por Turuto que pasou por aló e fun xantar a casa do meu irmán (outra vez a Bouzas).

Fago unha pausa para aclarar á xente que non coñece Vigo que Bouzas e o Calvario quedan en extremos opostos da cidade, debe haber uns 5 ou 6 quilómetros de distancia.

Despois de comer unha gran paparota (lentellas, lasaña de polo e pasta con peixe e lagostinos ao forno) cociñada polo meu irmán botei unha soneca e volteiá tenda de Melo para a tertulia friki.

Ceei con amigos do traballo de Vigo que vexo pouco últimamente.

E o domingo fun coñecer ó fillo dunha curmá que naceu o venres (‘visita de médico’, coma un lóstrego que non había que cansar moito a nai e fillo. Naturalmente a miña curmá non podía vivir perto dos meus pais. Porque os meus pais viven perto do Xeral, mais ela vive en Alcabre (ainda mais lonxe do que Bouzas). Despois da visita voltei para ver a carreira e comer cos meus pais.

Como xa sei que mais de un perderíase poño plano, cortesía do pdm de google (neste caso google maps)

plano.jpg

no que o 1 está no Vao, o 2 no Calvario, o 3 en Bouzas, o 4 no Xeral e o 5 en Alcabre.

Para os que deran chegado aquí, subín a AP9 para casa e despois de ler parte das miñas novas adquisicións vin a final de Fama (parte 1) Podo dicir que comecei vendo Fama porque lle gustaba á señora Colombo, porén hai xa tempo que a seguía dun xeito mais ou menos constante porque estaba enganchado xa eu só.

O lúns paseino traballando á mañá e pola tarde puxen a actualizar a versión 8.04 LTS de Ubuntu (Hardy Heron). Non vou falar aquí de Ubuntu que xa o fai Enjuto Mojamuto por min, só dicir que tardou as de dios, moitísimo mais que baixar a iso e instalalo a saco, ainda que coa vantaxe evidente de que todo estaba xa configurado ao meu xeito, con todas as miñas aplicacións habituais instaladas.

Mentras acababa de baixarse a Ubuntu tiven tempo de ver a 2ª parte da final de Fama, que rematou á 1 e media da mañá.

Relendo o texto vexo que é algo coñazo, porén vai quedar así. Noutro momento porei ligazóns e pode que mesmo algunha foto, agora vou ver House. Semella que son telespectador de novo. Xa había tempo que non!  :lol:

Chuzame! A Facebook A Twitter

Isto é publicidade. Desculpade por ser tan burdo, mais como o fago de balde igual teño desculpa.

Turuto vende o seu portatil. Un macbook 15″ Intel Core Duo 1.83, RAM ampliada a 2Gb, cor branca, HD 80Gb e unidade superdrive.

El di que está moi ben coidado e eu sei que coida moito as súas cousas.

Se vos interesa véndeo por 1.000 ouros que disque é un chisco menos do que o valoran en mac2sell

o portatil está en Vigo.

Se vos interesa, ide á súa casa.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp